Folga na Xustiza: a Xunta asume agora deixar a cuestión económica para o final e comezar a pechar acordos nos outros 4 puntos

Comité e Administración manteñen unha nova xuntanza cando se cumpren 41 días de folga

Nacional -

Na xornada que se cumpren 41 días do inicio da folga indefinida, o comité de folga de Xustiza e a Xunta están desenvolvendo unha xuntanza para tentar avanzar na resolución do conflito que ten paralizado o sector, dado o amplísimo seguimento do persoal ao paro. Nun receso para xantar, Óscar Freixedo, representante da CIG na mesa de negociacións, explicaba que nesta ocasión a Xunta mudou completamente o formato habitual e propuxo comezar a falar dos catro puntos da plataforma reivindicativa que non teñen a ver coa suba do Complemento Autonómico Transitorio (CAT).

Tentar pechar documentos de acordo nas cuestións relativas a IT, substitucións, amortizacións e reforzos era unha das demandas que a parte social viña trasladando dende hai tempo, pero até o de agora, a Xunta pretendeu sempre centrar a discusión no tema económico. "Isto supón un cambio con respecto ás reunións anteriores", apunta Freixedo. Esta mudanza engádese ao ton respectuoso co que se desenvolven as conversas dende que, na reunión do pasado día 9, se incorporara a secretaria xeral técnica de Vicepresidencia, que preside agora as negociacións en substitución do director xeral de Función Pública.

ITs e substitucións

Antes do receso, explica o representante da CIG-Xustiza, abordáronse as cuestións relativas aos descontos por enfermidade común, o pago do 100% das substitucións e tocouse brevemente o punto sobre amortizacións e consolidación de prazas. Sobre IT, sinala Freixedo, a  Xunta "non ofrece o 100%, pero si equipararnos ás condicións que ten outro persoal dos xulgados (como maxistrados/as, letrados/as ou fiscais), que é o que pedimos". Xunto a isto, a administración comprométense a incluír unha cláusula pola que, de mellorarse as condicións dos/as maxistrados/as nas situacións de IT, esta mellora sería de aplicación tamén ao resto do persoal dos xulgados galegos.

No relativo ás substitucións, a Xunta informou que agarda ter o informe do catedrático para a próxima semana e que redactará un documento para que o pago do 100% no caso das substitucións verticais sexa efectivo e con vixencia a día 1 do mes no que se asine o acordo.

En canto ao punto de consolidación de reforzos e amortizacións, dende o comité de folga reiterouse que hai que contabilizar aquelas prazas de reforzo con máis de tres anos, fronte ao criterio da Xunta de computar só as traballadoras e traballadores que ocupan esas prazas dende hai máis de tres anos. E cuestión similar no caso das amortizacións.

A reunión seguirá pola tarde

Neste punto, indica Freixedo, a administración propuxo facer un receso para ir buscar a documentación pertinente e aproveitar para xantar. A xuntanza retomarase a partir das catro e cuarto.

Así as cousas, non deixa de chamar a atención a obstinación da Xunta por enrocar o conflito como unha reivindicación exclusivamente salarial, ou en negar durante semanas a posibilidade de avanzar ningunha mellora en calquera dos puntos da plataforma sindical, cando ficou demostrado que si existe marxe para a negociación e para presentar ofertas acordes coas demandas dos traballadores e  traballadoras.  

Proseguen as mobilizacións

De xeito paralelo á xuntanza, o persoal secunda de xeito masivo a xornada de folga número 41 e continúa o calendario de mobilizacións. En Lugo hoxe realizaron unha caravana reivindicativa de vehículos pola cidade amurallada, mentres que na Coruña fíxose entrega na Cociña Económica dos alimentos recollidos entre o persoal de Xustiza.

Volver