Folga indefinida nos SAF de toda Galiza
As traballadoras dos SAF de toda Galiza están en folga indefinida por un convenio digno. CCOO e UGT asinaron un preacordo que contempla subas salariais por debaixo do IPC, introduce unha dobre escala salarial que suporá unha discriminación en función do concello no que se traballe e aboca as traballadoras á precariedade e a pobreza, afondando na subestimación do esencial traballo de coidados que desenvolven.
O novo convenio prevé a creación dunha dobre escala salarial con dúas táboas diferenciadas. Deste xeito, as traballadoras dun concello no que se licite o novo concurso este ano van ter incrementos do 3,15% en 2023 e do 3,15% en 2024. Porén, a aquelas que traballen para empresas que gañaron o concurso recentemente noutros concellos, e que non teñan que licitar até dentro de dous anos, aplicaráselles un incremento salarial do 1% en 2023 e do 1% en 2024.
Para a CIG-Servizos, alén da gravidade que ten aceptar incrementos por baixo do IPC, esta dobre escala salarial supón unha clara discriminación, porque nun concello terán en dous anos unha suba do 2% mentres no do lado terán outra dun 6,30%. Ademais ao ter nun caso máis salario e maior base de cotización, esta discriminación vai persistir en toda a súa vida laboral.
Compensación miserenta
O novo convenio só contempla incrementar, dos actuais 0,19 a 0,22 céntimos por quilómetro, os gastos de combustíbel durante todo o período de vixencia do convenio, isto é, até 2026. Unha compensación que a central sindical considera miserenta para traballadoras con baixos salarios, que terán que poñer dos seus petos o traslado dun a outro domicilio nos seus coches particulares.
Estamos falando de traballadoras con contratos maioritariamente a tempo parcial, polo que os seus salarios, que chegarían como máximo ao SMI se fosen a xornada completa, son de auténtica miseria. Unhas condicións laborais que só se explican, como denuncia a CIG-Servizos, nunha sociedade capitalista e patriarcal que nin valora os traballos feminizados, nin a importancia social que teñen os coidados.