Folga indefinida no transporte de viaxeiros, todos os martes e mércores, a partir do 20 de xuño

Denuncian que o Plan de Transporte da Xunta agocha un ERE encuberto
Nacional - 31 Mai 2017

CIG, UGT e CCOO compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar as consecuencias que terá a posta en marcha do Plan de Transporte de Viaxeiros que vén de anunciar a Xunta de Galiza. Un Plan que o secretario federal de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, considerou “unha grande operación de marketing coa que se pretende agochar unha pinza entre a administración e os empresarios para aplicar un ERE encuberto e un recorte no transporte escolar”. Por iso xa anunciaron a convocatoria de folga indefinida todos os martes e mércores a partir do día 20 de xuño.

Na rolda de prensa Pastoriza lembrou que os empresarios néganse a asinar os catro convenios provinciais, porque “a patronal pretende recortar en dereitos e condicións laborais respecto do establecido nos actuais convenios”. Por iso considerou que con este Plan van poder xustificar a supresión de postos de traballo, forzar unha devaluación dos convenios e, xa que logo, das condicións laborais, tal e como pretendían. De feito, segundo os cálculos feitos pola CIG, poderíanse perder até un 30% dos postos de traballo.

Alén diso, o secretario federal de Transportes da CIG alertou de que podemos estar diante dun “auténtico pelotazo, como pasou nas contratacións do 061, que acabou sendo propiedade dunha empresa coa que se fixo un fondo voitre que quedou co 50% de todo o transporte sanitario que hai en Galiza”.

Incremento tarifario

Pastoriza tamén desmentiu a propaganda que está facendo a Xunta segundo a que se abaratarían os prezos dos billetes. Neste sentido explicou que en realidade, aínda que en algúns contratos se establecen tarifas máis baratas, na práctica encarécese pola vía dos transbordos. “O que fan é dividir as actuais concesións en tres ou catro partes, o que obrigará ás viaxeiras/os a facer transbordos e pagar así dous ou tres billetes. Algo semellante ao que xa aconteceu cando se dividiu a concesión de Arriva Noroeste en Bergantiños e Costa da Morte en tres partes”.

Transporte escolar

Coa posta en marcha deste novo Plan de Transporte o escolar deixa de ser de uso especial e pasa a ser de uso xeral. A este respecto Pastoriza, ademais de subliñar que segundo a propia Xunta van desaparecer 500 liñas escolares, denunciou que “deixa de ser de aplicación o Real Decreto de Seguridade no Transporte de Menores, porque non se garante a reserva do 50% das prazas para escolares, como sería necesario para obrigar a aplicar esas medidas de seguridade específicas”.

Por outra banda auméntase a precariedade das/os acompañantes ao empeorar as súas condicións de traballo. Pastoriza explica que até o de agora tiñan contratos polo tempo aproximado que duraba a ruta escolar e agora en ningún apartado dos contratos se establece nin cal vai ser o seu tempo de traballo, nin como van regresar até o punto de orixe, xa que os autobuses van continuar cunha ruta de liña normal unha vez deixaron ao alumnado no seu centro.

Este novo plan cústalle diñeiro aos contribuíntes, non é gratis. “A Xunta rescata as rutas escolares das empresas que no seu momento renunciaron ao transporte de liña regular pero continuaron facendo o servizo de transporte escolar, que teñen en concesión até 2020. Ao pasar o escolar a depender dos servizos de liña quítaselle esa concesión ás empresas que a teñen actualmente para darllo ás novas empresas, polo que a administración terá que indemnizalas”.

Por iso, diante deste panorama, Pastoriza concluíu que este Plan non é máis que “marketing puro e duro; empeoramento do servizo; máis paro e recortes no transporte escolar, ademais de diminuír nas condicións de seguridade”.