Folga á vista na limpeza e recollida do lixo de Pontevedra

O comité de Cespa-Ferrovial convocará folga en decembro se a patronal non rectifica
- 03 Nov 2016

Despois da ruptura das negociacións para o novo convenio, o comité de Cespa-Ferrovial está disposto a ir á folga a partir do 12 de decembro “se non existe unha profunda rectificación por parte da patronal”. Para a sección da CIG, a medida viría xustificada tras catro anos de conxelación salarial, malas condicións da maquinaria e falta de acordo en materia de xornada, antigüidade e vacacións, ademais da introdución de contratos en precario. 

O persoal da concesionaria municipal da recollida do lixo, limpeza viaria e de colexios e instalacións municipais de Pontevedra, que vén de se concentrar este xoves diante das oficinas da empresa, está disposto a continuar e intensificar as mobilizacións até chegar á folga. Resposta así ás intenciósn regresivas da patronal e perante unha situación de conxelación salarial e recorte de dereitos sostida no tempo.

Unha das principais reivindicacións é a do aumento do salario base tras catro anos consecutivos de perda de poder adquisitivo, algo que choca coas pretensións da dirección de “non consolidar” calquera posíbel incremento, repartíndoo en diferentes fórmulas (pago único, pluses, etc.).

Desde a sección da CIG apúntase tamén ao recorte no disfrute das vacacións, de tal xeito que non se poderían coller na súa totalidade en período estival. Tamén no tocante á antigüidade, deixando de computar a partir dos dous primeiros bienios para facelo a partir do primeiro quinquenio, así como a imposibilidade de reclamala na súa integridade.

Rexéitase, asemade, a creación da nova categoría de “peón-condutor”, que contempla dúas tarefas hoxe independentes, así como a proposta de substiuir persoal con xornada de 35 horas – que traballa fins de semana, festivos e tres días entre semana- por contratos “precarizados” de até 20 horas que só cubrisen fins de semana e festivos.

Desde o persoal reivindicáse, ademais, que se recoñeza o 5 de xaneiro como festivo e un reaxuste do tempo do bocadillo, entre outros.

Folga á vista en decembro

A pesar de que o detonante das mobilizacións vén dado polo desacordo na negociación do convenio, o persoal lembra “que está a padecer a falta de renovación da maquinaria, en moitos casos obsoleta”, o que incrementa substancialmente os tempos de traballo sen que se abonen.

Por todo o anterior, e amosando a “plena vontade do comité”, apelan á responsabilidade da dirección para conquerir un acordo. Se non é así, a concentración do vindeiro día 3 diante das oficinas sería o prolegómeno dunha folga que daría inicio a partir do 12 de decembro.