FMI máis aval do G7 para levar á regresividade a Arxentina e á rexión

Julio C. Gambina -

Na súa historia constitucional un goberno con programa explícito de dereita chega ao goberno polo voto da súa poboación. No imaxinario do poder mundial, sexa o FMI ou o G7, Macri expresa a posibilidade de restaurar un rumbo amigábel aos investimentos e as necesidades do gran capital, e non só para a Arxentina

 Mauricio Macri en Canadá recibiu o aval do FMI e os seus principais accionistas, os integrantes do G7: EUA, Canadá, Alemaña, Inglaterra, Francia, Italia e Xapón. Convidado na súa calidade de coordinador do G20, o Presidente da Arxentina participou da Cimeira dos países capitalistas desenvolvidos do 9 de xuño. Sen a decisión destes países resulta impensábel o acordo financeiro entre o goberno arxentino e o organismo internacional.

 O empréstito é moi superior á relación por tenzas de Dereitos Especiais de Xiro (DEG) da Arxentina, o que evidencia a vontade política da hexemonía capitalista mundial para soster o rumbo do goberno local e o seu papel na rexión e no mundo. O empréstito ‘stand by’ ascende a 50.000 millóns de dólares por tres anos; aos que deben sumarse empréstitos doutros organismos internacionais: a) do BID por 2.500 millóns de dólares; b) do Banco Mundial por 1.750 millóns de dólares e c) da CAF por 1.400 millóns de dólares.

 Suman en total 55.650 millóns de dólares de novo endebedamento público da Arxentina.(1) Son cantidades que deben engadirse aos 232.952 millóns de dólares de débeda externa rexistrados a decembro do 2017 e aos 320.953 millóns de dólares de débeda pública, tamén a fins do 2017.

 Deste xeito, a DÉBEDA EXTERNA ascende agora con estes datos a 288.602 millóns de dólares, cun crecemento do 24%. Do montante total de Débeda Externa correspondían ao sector goberno uns 142.375 millóns de dólares, que agora ascenden a 198.025 millóns de dólares, cun incremento de 39%. A DÉBEDA PÚBLICA rexistra agora un total de 376.585 millóns de dólares, que se contra fins do 2017 representaba un 57,1% do PIB, agora pode estimarse nun crecemento en 10 puntos, algo así como o 67% do PIB.

 Os datos en si mesmo expresan a gravidade da hipoteca a que se compromete a Arxentina, o que representará unha carga dolorosa sobre o conxunto da sociedade, especialmente os sectores de menos ingresos.

Por que tamaño apoio financeiro e político do poder mundial?

 Asistimos a un momento de reordenamento da orde mundial e sirva como anécdota o final da Cimeira do G7 no Quebec, cun Donald Trump desairando o conclave con críticas ao anfitrión, o titular do goberno de Canadá, con acusacións de falsidade e rexeitando o asinamento do documento final.

 Chiou o Presidente de EUA: “O primeiro ministro Justin Trudeau de Canadá actuou de forma mansa durante as reunións do G7 só para poder dar unha rolda de prensa despois de que eu me fose, na que poder dicir que os aranceis de Estados Unidos son insultantes e que ‘non permitirá que o manexen’. Deshonesto e débil. Os nosos aranceis son unha resposta aos seus impostos do 270% nos lácteos? (2)

 Non hai acordo mundial sobre como superar os problemas actuais da orde global e a potencia hexemónica gobernada por Trump desarma toda a racionalidade da mundialización construída durante cinco décadas. EUA reclama volver discutir a orde mundial e para iso retoma concepcións proteccionistas e reposicionarse como principal beneficiario do capitalismo en tempos da transnacionalización. Claro que Europa non acepta mansamente un papel subordinado, como tampouco o asignado ao veciño Canadá. Nin falar de China, que non integra o G7, pero que as súas políticas interveñen na nova xeopolítica do sistema mundial, máis aínda coas súas Anovadas e crecentes relacións con Rusia e outros países, as que afectan a estratexia imperialista.

 Nese marco é de salientar o rumbo asumido por Nuestramérica durante os tres primeiros lustros do século XXI. O territorio que fora o ensaio das políticas neoliberais nos primeiros anos da década do setenta do século pasado, transformouse no laboratorio de crítica e intentos de cambios desa estratexia desde o inicio deste século.

 Só a xeito exemplo sinalemos a perda de funcións da OEA, que non hai moito solicitaba o reingreso de Cuba despois da expulsión de comezos dos sesenta e que agora, o organismo dependente da política exterior estadounidense promove con variadas complicidades na rexión a expulsión de Venezuela.

 Foi un golpe para a estratexia da transnacionalización da economía, a liberalización e libre movemento de capitais, mercadorías e servizos, a nova concepción de integración alternativa proposta desde a rexión e que pretendía coroarse coa CELAC. O illamento de EUA na rexión non podía permitirse e moito menos a disputa global a mans de China ou dun poder compartido cos socios europeos, moito menos se algúns comezaban a proclamar o obxectivo socialista. A voz de mando apuntaba entón a retrotraer a situación ao auxe das políticas de apertura e subordinación sustentadas nos anos 90, os do Consenso de Washington.

 Ese é o marco para os golpes brandos na rexión, sexa Honduras, Paraguai ou Brasil, como as ‘guarimbas’ en Venezuela que pretenden instalarse contra calquera intento de confrontar coa lóxica capitalista dominante.

 Por iso a importancia da Arxentina, que por primeira vez na súa historia constitucional un goberno con programa explícito de dereita chega ao goberno polo voto da súa poboación. No imaxinario do poder mundial, sexa o FMI ou o G7 (aínda coas súas diferenzas) Macri expresa a posibilidade de restaurar un rumbo amigábel aos investimentos e as necesidades do gran capital, e non só para a Arxentina.

 Non é un dato menor que Bos Aires sexa sede da 11ª Cimeira Ministerial da OMC en novembro do 2017 e reciba a Cimeira do G20 en novembro e decembro próximos, no marco da coordinación do ámbito durante o 2018.

 Hai debate sobre a orde mundial e Nuestramérica ofreceu unha perspectiva de cambio social que motivou a outras experiencias similares noutras latitudes, en Europa ou o Norte de África.

 Ese proceso de mudanza política mantense aberto non só en expresións gobernamentais, senón na memoria viva dos movementos populares na rexión. É unha realidade que leva as clases dominantes a despregaren unha enorme iniciativa e con fondos suficientes para reverter ese clima de época crítico ao neoliberalismo e/ou ao capitalismo para recuperar a ofensiva capitalista cuestionada.

 Non esaxeramos se dicimos que o papel da OEA e do FMI, organizacións deslexitimadas e con perda de funcións nos últimos tempos, renovan o seu papel para subordinar a Nuestramérica na lóxica de acumulación capitalista, mesmo en tempos de turbulencias e desorde na disputa pola hexemonía.

 O goberno arxentino incorpora o propio neste programa, que soa moi ben nas expectativas dos capitais dominantes, caso das reformas estruturais en materia laboral e de pensións.

 Os lucros empresariais esixen baixar custos de produción e entre eles o gasto social que supoñen as xubilacións e pensións en momentos de crecemento da posibilidade de vida. O avellentamento da sociedade é un problema para os investidores capitalistas, xa que a lonxevidade compite coa apropiación do excedente económico. Nin falar dos dereitos laborais que se resenten coas melloras de ganancias, móbil esencial do réxime do capital.

A letra pequena do ‘stand by’

 A información ofrecida é sobre metas globais e aínda falta coñecer o impacto concreto do axuste comprometido a cambio do empréstito a desembolsar, que polo agora serán só 15.000 millóns de dólares. O resto desembolsarase na medida en que sexa necesario, di o Ministro de Finanzas (3) e que se cumpran os acordos para baixar o déficit fiscal e a inflación, segundo sostén o acordo asinado co FMI.

 Polo momento, nas metas establécese un recorte do déficit fiscal duns 20.000 millóns de dólares entre 2018 e 2021. Podemos imaxinar que a retallada afectará ao gasto social, sexa en orzamento asignado a salarios e empregos no Estado, tal como se deduce das medidas en curso, sexan a conxelación do cadro de persoal ou a política de “xubilacións voluntarias”. Non debería sorprender que educación ou saúde sufran reducións ou conxelacións, tal como suxire a política orzamentaria cara ás universidades públicas ou ao sistema educativo en xeral. No mesmo sentido pode pensarse en restricións á saúde pública.

 O Ministro de Finanzas anticipa que este apoio servirá para resolver as necesidades de financiamento máis aló da xestión e, en efecto, en 18 meses termina o goberno Macri e o acordo é por 36 meses, comprometendo a futura xestión, que poderá ser ou non do mesmo signo e orientación política.

 Preténdese utilizar uns 20.000 millóns de dólares para cancelar parte do stock de LEBAC que rexistra na súa conta o BCRA. Se o stock é duns 46.000 millóns de dólares, o goberno pretende amortecer o efecto desa bomba reducíndoa a un pouco menos da metade. Para iso, ofrecerá novos instrumentos e activos financeiros para inducir un troco de posesións de débeda en pesos a curto prazo por vencementos máis longos en títulos que serán moi atractivos para eses investidores especulativos.

 Resulta grave a consideración de todos os temas, xa que a hipoteca en dólares fai imprevisíbel o noso futuro próximo e a medio prazo. O dólar pechou a semana en 26 pesos por unidade de dólar e ninguén pode prever a súa evolución, con impacto no conxunto dos prezos da economía. A inflación continuará sendo unha incógnita e un modo de redistribución regresiva do ingreso na Arxentina.

 As metas de inflación do 2018 saltaron polos aires. Xa non son do 10% ou do 15% tal como se corrixiron e o anuncio remite a 17% no 2019. Ver para crer poderiamos dicir, xa que non existen fundamentos que avalen a seriedade dos novos prognósticos, mentres o dólar sobe, como os combustíbeis ou as tarifas, os alimentos e todo aquilo que fai á calidade de vida da poboación.

Contentos e amargados como o tango ‘Cambalache’

 O poder está conforme e avala, os grandes empresarios tamén e explícase con subas na Bolsa e maiores valorizacións das empresas cotizantes nas Bolsas. Os especuladores reciben noticias de novos e renovados instrumentos para apostar coas súas colocacións. Os acredores cobran e mesmo diversifican as súas carteiras. Os que poden trasladan a prezos e suman ganancias nos seus balances, con posibilidade de remitir utilidades ao exterior se fose iso necesario, ou mesmo fuxir capitais agora que as reservas internacionais serán reconstituídas e acrecentadas con empréstito de organismos internacionais.

 No ideolóxico programático, os principais comunicadores e operadores afíns ao sistema e ao goberno, ou á oposición que disputa o goberno dunha política similar, explican que non había outro camiño e menos mal que se actuou con rapidez. Ao mesmo tempo, desestiman a crítica porque non imaxinan a viabilidade dunha política alternativa.

 Os prexudicados son a maioría da poboación, sexa polo AXUSTE fiscal que como sinalamos afectará ao gasto social, sexa polas REFORMAS ESTRUTURAIS que se anuncian, especialmente as reformas laborais e de pensións.

 Na estratexia oficial inclúese a contención ou represión do conflito social e para iso, ao mesmo tempo que anunciaba o acordo co FMI, convocaba a CGT para sacala do paro xeral. A CGT falaba de convocar a Paro e de que só restaba definir a data, sobre todo logo do veto á lexislación que establecía límites ao tarifazo. Coas negociacións entre goberno e a cúpula sindical da CGT a medida de forza foi adiada.

 A realidade de protesta social e o descontento está máis aló do que expresa a dirección do sindicalismo tradicional e por iso desde as CTAs emerxeu a convocatoria ao Paro Xeral para o xoves 14/06, con mobilización. É unha medida converxente coas promovidas por outras organizacións sindicais, entre eles o Sindicato de Camioneros ou a Corrente Federal que lideran os bancarios.

 Están botadas as cartas e as iniciativas políticas chocan. Por unha banda a coherencia, aínda con contradicións e matices do poder local e mundial, “os beneficiarios”; e por outro, no campo dos “prexudicados”, con moita fragmentación, a dinámica de descontento e protesta que busca canles de articulación para constituírse en opción e disputar poder.

 Claro que fai falta moita argumentación para a socialización de camiños alternativos aos do poder. Non se trata de recuperar programas que imaxinan reformas no marco capitalista, que é como é e non como algúns imaxinan que podería ser.

 O imaxinario polo anticapitalismo nútrese da subxectividade consciente, pero tamén de experiencias que no presente anticipan o futuro de organización da sociedade máis aló da procura da ganancia e nunha perspectiva de satisfacción de necesidades sociais.

_______________________________________________________________________

Notas:

(1) Información obtida do Ministerio de Finanzas da República Arxentina.

(2) “Trump rompe el “acuerdo de mínimos” del G7 e insulta a Trudeau”. Redacción ElHuffPost do 10/06/2018.

(3) Finanzas explicou o acordo co FMI ao mercado local e internacional.

_______________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Resumen Latinoamericano, do 11 de xuño de 2018]

Volver