"Fernández Somoza, un dos empresarios galegos máis ricos, aínda nos debe 2,5 millóns de euros"

Ex traballadores/as de Grupo de Empresas Álvarez realizan unha cacerolada para esixir a Inversiones Subel que cumpra os acordos

A Coruña -

Ex traballadores e traballadoras de Grupo de Empresas Álvarez (GEA) realizaron este luns unha cacerolada no Obelisco da Coruña para visibilizar o conflito que teñen aberto dende hai máis dunha década con Inversiones Subel, empresa de Luis Fernández Somoza a quen reclaman que lles abone a totalidade das cantidades acordadas pola venda dos terreos que GEA ocupaba en Cabral e Coruxo (Vigo).

Esther García pon cara ao drama que dende hai 15 anos viven as ex traballadoras e traballadores do Grupo de Empresas Álvarez. Entrou na fábrica de Pontesa (Arcade) no ano 1969 e alí permaneceu facendo cuncas até que a empresa pechou en 2001, deixándolle unha débeda salarial de 75.000 euros. "Pasei 32 anos na planta de Pontesa, agás nos dous últimos meses antes do peche, cando me mandaron para a fábrica de botellas de Vigo", lembra termando dunha faixa na que se pode ler "Inversiones Subel non paga. GEA solución".

Longo historial de atrasos e impagos

Reclaman unha solución que poña fin a un conflito que se iniciou moito antes da quebra da compañía, creada nos anos 40, e marcada ao longo da súa historia pola acumulación de débedas, descapitalizacións, entrada de capital público, mala xestión e continuados cambios de propiedade. Un historial que conclúe en marzo de 2002 cun escandaloso alzamento de bens e deixando millonarias débedas con Facenda, a Seguridade Social, provedores e traballadores/as.

Durante os anos que pasou en Pontesa, Esther lembra como o abono fraccionado das nóminas e a falta de pago dos salarios se converteu nunha práctica habitual. "Os problemas comezaron moitísimo antes de cerrar. Empezamos por non cobrar o mes enteiro, ao mes seguinte dábanmos unha parte, ao outro non pagaban nada... Chegamos a estar seis meses seguidos sen recibir o salario e durante nove anos non cobramos as pagas extraordinarias".

Chegamos a estar seis meses sen cobrar e durante nove anos non recibimos as pagas extra"

Ante os incumprimentos empresariais, as mobilizacións convertéronse tamén nunha práctica habitual. "Fixemos de todo: manifestacións, folgas, estivemos 18 días diante da Xunta, fomos protestar a Madrid, paramos o tren, paralizamos o aeroporto de Peinador, fixemos encerros e peches no concello de Vigo, fomos á Facenda de Pontevedra, etc. Levamos anos e anos loitando e aquí temos que seguir", lamenta.

E engade: "aguantábamos como podíamos. Puñamos cartos dos nosos petos para pagar o autobús e para axudarnos unhas compañeiras a outras, porque moitas non tiñan nada. Até que o final os donos fixeron o que fixeron, non pagaban a ninguén e deixaron empresas e traballadoras arruinadas".

Despois de 32 anos na empresa, á rúa

No seu relato, Esther conta como con 42 anos perdeu o emprego no que levaba toda unha vida. "Fun para o paro e coma min outras moitas traballadoras. Desafortunadamente nin sequera puidemos cobrar os dous anos de paro porque xa tiñamos unha parte consumida". Isto debeuse ás suspensións temporais de emprego aplicadas pola compañía nos últimos tempos.

"Esta situación vaite minando porque ves que levas toda a vida traballando e logo de 32 anos estás na rúa. O meu pai foi traballador de Pontesa, o meu irmá estivo alí unha temporada e a miña irmá tamén traballaba na fábrica", afirma mentres sinala á muller que ten á súa dereita na pancarta.

Dende aquel momento, "quedei na casa sen cobrar nada até os 52 anos, cando puiden acceder á prestación dos 426 euros e así até que me poida xubilar. E a ver que pensión vou cobrar".

Preguntada por como se vive unha situación así, Esther contesta segura: "grazas á familia", pero matiza, "eu tiven a sorte de ter unha familia que me apoiou, pero moitas compañeiras non tiñan familia e pasárono realmente mal. O difícil é vivir esta situación día a día. E desde 2001 seguimos na mesma".

Una loita sen descanso na que "moitas compañeiras xa non están entre nós. Isto é unha agonía día tras día. Sentes unha impotencia que ás veces dan ganas de facer unha tolería".

Inversiones Subel ten pendente de pagar 2,5 millóns de euros

"A min debíanme 75.000 euros cando a empresa pechou e aínda me faltan por recibir 47.000 euros, porque só cobramos do FOGASA e pequenas cantidades", subliña Esther. De feito, destaca que cando se vendeu a fábrica de Pontesa o recadado foi directamente para satisfacer as débedas con Facendo e a Seguridade Social. "As obreiras e os obreiros non vimos un peso daqueles cartos".

Eses 47.000 euros forman parte da débeda que Inversiones Subel ten con este colectivo pola adquisición dos solares de Coruxo e Cabral e que ascende a un total de 2.5 millóns de euros.

"Non estamos reclamando nada que non sexa noso. El (en referencia ao empresario Fernández Somoza) firmou un acordo cando lle vendimos os terreos. Que pague o que nos debe ou se como di agora xa non lle valen, que nolos devolva", asevera contundente.

Non estamos reclamando nada que non sexa noso"

A última vez que Fernández Somoza recibiu ao colectivo de traballadoras/es foi no ano 2013, momento no que mantiña aberto un litixio xudicial co Concello de Vigo polo PXOU. Nese encontro "recoñeceu que nos debía diñeiro, pero deulle igual, díxonos que seguía para adiante nos xulgados que así ganaba tempo. Tratounos  como se estivera tratando con vacas na feira. E pretendía saldar a débeda con 600.000 euros. Como non aceptamos subiu a 900.000 euros, moi lonxe da cantidade que nos debe. E agora resulta que di que non nos debe nada e nin sequera quere recibirnos".

Neste senso, Esther manda unha mensaxe clara: "nós non temos nada, pero quen nos debe os cartos está na lista dos galegos máis ricos".

Volver