Falta de persoal no centro de saúde de Muxía

- 16 Mar 2018

CIG-Saúde esixe á Xerencia da EOXI da Coruña a cobertura con carácter inmediato do posto de enfermería do centro de saúde de Muxía e que se poña fin dunha vez ao desmantelamento na sanidade pública, cun deterioro continuado na calidade na atención primaria, "que é o primeiro eslavón do sistema e polo tanto debe ser firme para que este se poida manter sen fisuras".

No centro de saúde de Muxía, explican dende CIG-Saúde, existen 3 prazas de enfermería das cales, na actualidade, unha delas, con motivo da xubilación da enfermeira que a ocupaba, leva meses sen cobertura. Isto provoca que as/os pacientes que estaban adscritos a esta praza, carezan de enfermeira de referencia e están a ser vistos polas outras dúas enfermeiras do centro.

"As profesionais teñen unha sobrecarga moi alta no seu traballo, o que repercute directamente sobre a poboación, que ve incrementado o tempo de espera para a atención e afectado o seguimento dos tratamentos (por exemplo nunha cura) ao non ter unha enfermeira de referencia", denuncian.

Poboación de idade avanzada

Engaden que a poboación desta zona de Galiza é dunha media de idade avanzada, cun grao de dispersión xeográfica moi alto, e a falta de enfermeiras existente neste centro "leva a que a poboación de Muxía teña difícil acceso ao servizo de atención domiciliaria". Este déficit de profesionais fai que non se poida dar unha atención domiciliaria axeitada, algo que sería básico para estas/es pacientes que polo xeral con estas medias de idade adoitan ter pluripatoloxías, graos de dependencia moi altos. Ademais, unha atención domiciliaria axeitada evita en gran medida os ingresos hospitalarios e polo tanto os colapsos dos hospitais, "principio do que a Xerencia é perfectamente coñecedora".

As/os usuarios deste centro de saúde están tendo un atraso importante para a realización de probas (analíticas, electrocardiogramas programados....), consultas de control de patoloxías crónicas (hipertensión, diabetes...), xerándose malestar entre estes pola repercusión sobre a súa saúde, do que xa deron conta en cerca dun cento de reclamacións enviadas a Xerencia, das cales continúan a non ter resposta.