Extel presenta un ERE de extinción que afecta a 355 traballadoras/es, das que 205 están na Coruña

A Sección Sindical da CIG rexeita a medida e insta o cadro de persoal a dar a batalla contra esta desfeita laboral

A Coruña -

A documentación que Extel entregou hoxe á representación social revela que das 355 persoas afectadas polo ERE de extinción que a empresa pretende aplicar, 205 son traballadoras e traballadores da plataforma da Coruña. A  Sección Sindical da CIG rexeita a medida formulada pola dirección e considera esta cifra absolutamente desproporcionada, polo que lanzou unha chamada ao persoal a dar a batalla contra esta desfeita laboral.

O número de persoal afectado no centro de traballo da Coruña supón case o 58% do total de traballadores/as que a empresa pretende incluír no expediente de extinción, confirmando así as peores previsións. Hai que ter en conta que na plataforma da Coruña traballan sobre 900 persoas, polo que, de levarse adiante a medida, perderíanse case un terzo dos postos de traballo, co conseguinte impacto que isto terá no emprego e na economía da comarca.

A Sección Sindical da CIG rexeita absolutamente o ERE e acusan a Movistar-Telefónica -multinacional para a que a Extel presta servizos- de despedir traballadores/as en Galiza para deslocalizar os servizos de atención telefónica a terceiros países.

Á vista desta dramática situación, a central insta ao conxunto dos traballadores e traballadoras a secundar masivamente os paros de dúas horas convocados para este xoves 29 de setembro, de 10:30 a 12:30 na quenda de mañá e de 16:30 a 18:30 horas e “demostrarlle así a esta miserábel empresa que cos nosos empregos non se xoga”.

Volver