Exixen a Transportes Calviño o cumprimento da sentenza por vulneración de dereitos fundamentais

Denunciado diante da Garda Civil o intento de agresión ao representante da CIG
Compostela - 05 Xul 2017

Traballadores da empresa Transportes José María Calviño Bascoy, xunto coa FGMT-CIG de Compostela concentrábanse este luns diante da vivenda da empresaria para exixir o cumprimento da sentenza por vulneración de dereitos fundamentais e que remate o acoso laboral e as presións contra o persoal.

No decurso da concentración lembrouse a situación á que a empresa somete aos seus traballadores, porque aínda con sentenza, segue aplicando as mesmas medidas de presión ou de represalia que empregaba antes.

O representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, lembra que unha das cuestións que recolle a sentenza é que ao exdelegado da CIG se lle tiña que repoñer nas súas condicións, incluído o camión co que traballaba, porque a empresa lle puxera o camión máis vello que había en toda a empresa. “Non só non o fixeron senón que o primeiro día de traballo, logo das súas vacacións, que foi tamén o primeiro día despois de emitirse a sentenza lle puxeron o mesmo camión cunhas rodas totalmente gastadas, até o punto de que foi parado pola Garda Civil e sancionado por ese motivo”.

Pavón denuncia ademais que aos traballadores se lles están modificado constantemente os horarios de traballo para que non poidan organizar nin a súa vida, nin os seus tempos de descanso nos seus domicilios e que tampouco se lles están dando as ordes de traballo en tempo, co cal non saben moitas veces nin o que teñen que facer.