Exixen a SOGAMA unha solución negociada que garanta a continuidade de todos os postos de traballo de Pellejero

Consideran “insultante” e unha provocación o comunicado emitido polo Presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino

Compostela -

Os traballadores/as en folga indefinida da empresa Transportes Pellejero e Hijos S.L –concesionaria do transporte de residuos de SOGAMA-, CIG e CCOO demandan da empresa pública de tratamento de residuos unha solución negociada que garanta a continuidade de todos os postos de traballo. Reiteran que é “intolerábel” que Sogama deixe na rúa, a partir do vindeiro 1 de marzo, aos 69 traballadores/as, entre mecánimos, camioneiros e persoal de oficina, por non recoller na plica do concurso da nova contrata a obriga da subrogación.

Responden así ao comunicado, que consideran insultante e provocador, emitido por Sogama no que o Presidente da empresa pública, Javier Domínguez Lino, asegura que queren unha solución negociada “polo ben do pobo galego”, pero que non puideron recoller na plica do concurso a cuestión da subrogación porque non aparece reflectido no convenio do transporte.

Ante isto, os convocantes da folga afirman que o Presidente de Sogama “está mentindo”. Lembran que hai ducias de plicas doutros tantos concursos de concesión de servizos convocados por empresas públicas galegas nos que si se recolle a obriga de manter as novas concesionarias, os postos de  traballo nas mesmas condicións nas que se viña prestando até o momento. Por iso consideran que “Sogama non pode mirara para outro lado, cando son os únicos responsábeis de que se chegara a esta situación e que teñen agora a responsabilidade de facilitar unha solución”.

Lembran que mañá venres, ás 11:00 horas, está fixada unha xuntanza coa empresa pública e entenden que se Sogama está buscando de verdade unha solución “teñen aí a oportunidade de crear unha mesa de diálogo na que participen as empresas implicadas, os traballadores/as e a propia Sogama, para que se chegue a un acordo que garanta a continuidade de todos os postos de traballo nas condicións de prestación que tiñan na actualidade”.

Apoios

Polo momento xa conseguiron o apoio do alcalde de Oroso, o BNG e PSOE de Ordes (co concello reúnense esta tarde ao igual que co de Cerceda), do comité de empresa de Sogama e  de todos os grupos parlamentarios da oposición, que xa presentaron preguntas ao goberno sobre esta cuestión logo das entrevistarse este mércores con eles. Do mesmo xeito solicitarán o apoio da Deputación da Coruña e da Mancomunidade de Ordes.

Está previsto o comezo da folga para o vindeiro día 15 de febreiro, a convocatoria de concentracións e unha manifestación o día 21 de febreiro.

Volver