Eulen inicia un ataque ás condicións salariais e laborais do persoal de axuda a domicilio da Coruña

A empresa xa foi sancionada pola Inspección por non respectar o descanso semanal do persoal
A Coruña - 02 Xun 2017

O persoal de Eulen  SAD A Coruña, encargada dunha parte do servizo de axuda a domicilio, decidirá en asemblea o vindeiro luns, 5 de xuño, as medidas a pór en marcha en resposta ás pretensións da empresa de rebaixar xornada e salarios, modificar as condicións en que foron subrogadas as traballadoras/es e incumprir o convenio e a normativa vixente.

Dende CIG UGT e CCOO explícase que Eulen SA foi sancionada pola Inspección de Traballo por infrinxir o descanso semanal do seu persoal no servizo de axuda a domicilio da Coruña, que a empresa utiliza como escusa para iniciar un proceso de modificación substancial das condicións de traballo de todo o persoal (88 persoas).

Durante o proceso, o comité de empresa e as tres centrais sindicais "fomos claras e contundentes, pedimos que se cumpra o convenio. É dicir, que actualicen salarios, que fagan un calendario laboral, que cumpran as xornadas, que incrementen as horas das traballadoras a tempo parcial, etc.".

Porén, a empresa limitouse a asegurar que non pode cumprir co estabelecido no convenio de aplicación, que vai rebaixar as horas dos contratos das auxiliares a tempo parcial e, con posterioridade, contratar a máis xente con xornadas máis reducidas para atender o servizo. "É dicir, repartir a pobreza e seguir incumprindo a lei, pois ás persoas contratadas a tempo completo obrigaranas a traballar de martes a sábado (todo o día), algo que non permite o convenio", apuntan.

A empresa racha as negociacións

Esta semana, Eulen rachou as negociacións e notifica que vai  implantar as modificacións neste mes de xuño, a pesares de saber que incumpren o convenio. Nese intre, o Comité de empresa comunicoulle á dirección a convocatoria dunha asemblea para o próximo luns no edificio de sindicatos e anunciou unha convocatoria inminente de folga.

Deste xeito, o vindeiro luns debaterase en asemblea o contido das negociacións coa empresa e detallaranse os incumprimentos por parte de Eulen, ao tempo que se avaliará un calendario de medidas a tomar.

Responsabilidades do Concello

As medidas que se acorden na asemblea serán comunicadas ao Concello da Coruña, a quen a representación do persoal demanda que medie no conflito, "xa que do contrario veranse afectados os/as usuarios/as do servizo na Coruña. As centrais sindicais faremos responsábel así mesmo o Concello se non evita que Eulen impoña unilateralmente unhas condicións laborais que incumpren a lexislación vixente", aseveran.

Neste senso, destacan que é o Concello quen ten que garantir que as empresas que prestan servizos a través de contratos públicos cumpran coa legalidade e coas condicións laborais do seu persoal. "Teñen ferramentas para sancionalas e se non o fan serán cómplices dos incumprimentos e sufrirán tamén as mobilizacións que se convocarán por este motivo", advirten.

Os tres sindicatos con representación no comité rexeitan rotundamente as medidas propostas por Eulen. "Tan só pedimos á empresa que cumpra o convenio, polo tanto solicitamos salarios dignos, xornadas legais e descanso para as traballadoras. En resumo: que deixen de roubar cartos e dereitos ás auxiliares de axuda a domicilio que atenden as persoas dependentes do Concello da Coruña".

Graves incumprimentos

Dende as centrais sindicais subliñan que os incumprimentos máis graves que está a cometer Eulen no Servizo de Axuda a Domicilio da Coruña, son os seguintes:

•    Paga por debaixo do que estabelece o convenio no seu artigo 7.
•    Incumpre a bolsa de horas, non abonando os excesos, ou aumentando as xornadas.
•    Non oferta a ampliación de contratos existentes e dedícase a facer novos contratos máis precarios.
•    Non entrega a información real das horas complementarias das traballadoras.
•    Non hai calendario laboral e as traballadoras traballan moito máis do que lles corresponde.
•    Non da o descanso semanal obrigatorio.
•    Ten menos do 80% do persoal fixo no cadro de persoal.
•    Fai xornadas ilegais por convenio, partindo as xornadas a tempo parcial para aforrar en desprazamentos.
•    Non computa como tempo efectivo (e por tanto abonábel) as horas que as auxiliares teñen que ir recoller luvas, cuadrantes, etc.
•    Cambia as xornadas e cuadrantes ao persoal dun día para outro.