Estupor na CIG-Saúde da Mariña pola "desaparición" da denuncia por riscos en Anatomía Patolóxica

Cinco meses despois de rexistrar o escrito a Inspección asegura que non ten constancia do mesmo
A Mariña - 15 Set 2017

A CIG-Saúde da Mariña vén de manifestar a súa sorpresa pola "desaparición" da denuncia presentada na Inspección de Traballo pola ausencia de medidas preventivas no almacenamento e condicións de uso de formaldehido no Servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital da Costa. A denuncia, explican, foi rexistrada o pasado 11 de abril no portelo único, "está acreditado que foi remitida dende o Concello de Ribadeo e incluso, semanas despois, en chamada telefónica, a autoridade laboral confirmou que xa había unha inspectora asignada para investigar os feitos denunciados".

Porén, ante a demora na actuación, CIG-Saúde da Mariña púxose en contacto novamente coa Inspección de Traballo "e a sorpresa foi máxima cando nos comunican que non teñen constancia da mencionada denuncia, nin aparece o escrito por ningures". Por iso, para a CIG resulta incomprensíbel como puido "desaparecer" unha denuncia sobre un tema tan sensíbel cando, presuntamente, xa tiña inspectora asignada.

"Estes feitos (sumados ao desleixo do SERGAS, que continúa negando a situación de risco e asegurando que os niveis "son aceptábeis"), suporá atrasar a adopción de medidas que garantan a protección da saúde e a seguridade dos traballadores e traballadoras", critican. Así as cousas, a CIG-Saúde xa rexistrou de novo a denuncia, agardando que desta volta "non se perda misteriosamente polo camiño".

Axente canceríxeno e mutáxeno 1B

Cómpre lembrar que o formaldehido é amplamente utilizado na contorna hospitalaria como axente conservante e fixador de tecidos. O seu uso é tamén xeneralizado nos laboratorios de anatomía patolóxica, onde existe unha exposición importante por parte dos traballadores e traballadoras. Trátase dun composto que causa irritación das vías respiratorias superiores, asma e bronquite, mentres que por contacto pode causar eccemas alérxicos, ademais de efectos canceríxenos.

O formaldeído é un composto que causa irritación das vías respiratorias superiores, asma e bronquite, e por contacto pode causar eccemas alérxicos, ademais de efectos canceríxenos

De non tratarse coas medidas adecuadas, esta situación pode xerar un problema serio de saúde ocupacional para o persoal empregado nos laboratorios de anatomía patolóxica. Ademais, dende CIG-Saúde apuntan que no servizo non existe ventilación xeral (obrigando a abrir fiestras e usar ventiladores portátiles), e no que respecta á existencia de extraccións localizadas na zona de manexo de formaldehido "soamente existe na sala de tallado, non hai ningún armario nin local específico para o almacenamento da substancia con extracción e a sala de autopsias non cumpre os requisitos para o seu fin a nivel material e de espazo, atopándose nunha situación insalubre".

Dende CIG-Saúde da Mariña reiteran a necesidade de priorizar a seguridade no traballo, cos mínimos de calidade esixíbel, e reclaman á Xerencia Executiva do Hospital da Costa que adopte todas as medidas precisas para garantir un entorno laboral libre de riscos.