Estreito de Ormuz: A batalla polo control dos fluxos

Xavier Villar - 02 Set 2026

Malia todos os esforzos, os Estados Unidos aínda non conseguiron devolver o estreito á normalidade anterior á guerra. O obxectivo de controlar o estreito está fóra do alcance estadounidense

 A Administración Trump, xunto coa súa cámara de eco mediática, pretende convencer a mundo de que Irán perdeu o control sobre o estreito de Ormuz. Ao mesmo tempo, tamén afirma que grandes volumes de petróleo están a atravesar o Estreito de Ormuz.

 O problema está en que ningún dos rastrexadores encargados de contabilizar os envíos de petróleo a nivel mundial pode confirmalo. Segundo datos de TankerTrackers, a máxima autoridade neste tema, durante a última semana pasaron polo estreito 3,8 millóns de barrís diarios, mentres que, por exemplo, durante os 25 días en que estivo vixente o Memorando de Entendemento, transitaron 9,8 millóns de barrís diarios.

 Existe, ademais, outra cuestión que problematiza aínda máis a versión estadounidense: non todos os barrís que logran saír a través da chamada “ruta omaní” representan necesariamente unha vitoria para Washington. Algunhas fontes iranianas sinalan que a situación é máis complexa: parte destes fluxos podería incluír cru iraniano mesturado coas exportacións de países veciños afíns, como Iraq, ou tráfico que Teherán permite a cambio de ingresos ou outras concesións que lle permiten soportar mellor o bloqueo.

 Os recentes acontecementos no estreito de Ormuz mostran que a rivalidade entre Irán e os Estados Unidos deixou atrás a fase de ameazas de peche da vía marítima e de demostracións de poder naval, e entrou nunha etapa máis complexa. Neste sentido, tal e como apuntan varios expertos iranianos, a cuestión principal xa non é unicamente se o estreito está “aberto ou pechado”, senón quen pode xestionar o fluxo real de barcos, petróleo e mercadorías a través desta vía marítima.

 O obxectivo dos Estados Unidos na parte sur do estreito de Ormuz, nas últimas semanas, vai máis aló dunha operación convencional de escolta naval. Washington está tentando establecer unha ruta marítima controlada, baixo cobertura militar, para permitir que parte do fluxo enerxético continúe desde o Golfo Pérsico até o Mar de Omán e de aí cara aos mercados mundiais.

 Mais, como xa se apuntou, ese é o obxectivo. Outra cousa distinta é a realidade, e neste sentido os datos de navegación mostran que o tráfico no estreito segue moi por baixo dos niveis normais. É evidente que, malia todos os esforzos, os Estados Unidos aínda non conseguiron devolver o estreito á normalidade anterior á guerra. O obxectivo de controlar o estreito está fóra do alcance estadounidense, pero é aquí onde convén deterse e explicar a diferenza entre o control do territorio e o do fluxo. Na teoría do poder marítimo, os colos de botella marítimos, como o estreito de Ormuz, non son importantes unicamente pola súa localización xeográfica. A súa importancia reside en que un actor pode utilizalos para influír no fluxo de mercadorías, enerxía e comunicacións.

 Neste sentido (e tendo claro que o control do territorio é practicamente imposíbel), os Estados Unidos están a tentar desprazar, usando o corredor sur do estreito, o poder desde o control do territorio ao control do fluxo. Nas últimas semanas, de acordo con varios artigos, os Estados Unidos estableceron na parte sur do estreito, preto das costas de Omán, un mecanismo controlado para o tránsito de petroleiros. A operación inclúe a programación dos movementos dos barcos, coordinación de intelixencia, protección aérea e naval, así como a dirección das embarcacións por unha ruta que, segundo Washington, “presenta un menor risco”.

 Que este plan non se puido executar grazas ás accións preventivas e ofensivas iranianas non lle quita relevancia. Os Estados Unidos están tentando, en realidade, de establecer unha nova “orde operativa” no estreito cuxo obxectivo final é privar a Irán do control do fluxo deste paso estratéxico. Neste sentido, os ataques contra algúns sistemas iranianos de radar e vixilancia formaban parte deste plan desde o momento en que Irán conseguiu controlar o estreito.

 Pódese, por tanto, apuntar a un cambio de modelo na presenza militar estadounidense no Golfo. No pasado, a misión estadounidense centrábase principalmente na disuasión. A presenza de buques de guerra estadounidenses transmitía a Irán e a outros actores rexionais a mensaxe de que calquera intento de pechar o estreito ou de atacar masivamente os buques comerciais podería provocar unha resposta militar. Agora, porén, Estados Unidos deu un paso máis e tenta xestionar directamente o fluxo de navegación. Washington tenta demostrar que, mesmo se Irán consegue alterar parte do tráfico marítimo, os Estados Unidos son capaces de establecer unha ruta operativa alternativa.

 Noutras palabras, os Estados Unidos pretenden reducir o valor estratéxico da xeografía de Ormuz sen poder, ou sen querer, posuír o control total do propio estreito. Algo que, polo momento, non están sendo capaces de conseguir. Ademais, o plan estadounidense de control de fluxos presenta certas debilidades: unha ruta militar non pode, por si soa, substituír a estabilidade política. Se a guerra continúa, as compañías navieiras seguirán afrontando maiores custos de seguros, seguridade, tripulación e atrasos e, en moitos casos, cancelacións.

 Ademais, está o acordo entre Irán e Omán para o control conxunto do estreito. De se levar a cabo, a ruta sur deixaría mesmo de ter o máis mínimo sentido, en termos políticos, militares e económicos, para os Estados Unidos.

 Neste sentido, o corredor sur e o plan estadounidense ao redor del constitúen o acontecemento estratéxico máis importante nestes momentos para Irán, non porque resolva o problema, senón porque demostrou que a loita por Ormuz entrou nunha fase na que o “control do fluxo” é tan importante como o “control da vía marítima”.

 Pero, como apunta o politólogo estadounidense John Mearsheimer: “Non nos queda ningunha carta militar por xogar. Son os iranianos os que teñen a carta militar.”. Noutras palabras, o equilibrio da coerción militar inclinouse, case de forma decisiva, a favor de Irán.

 

[Artigo tirado do sitio web HispanTV, do 31 de agosto de 2026]