Este xoves 19 de outubro, manifestación pola recuperación dos acordos salariais na industria auxiliar

A CIG anima a toda a comarca a solidarizarse coa loita deste persoal que hoxe chega ao 14º día de folga

Ferrol -

A CIG fai un chamamento a participar na manifestación convocada para este xoves, 19 de outubro, pola recuperación dos acordos salariais de 2001, súa inclusión nun marco legal que lle dea eficacia e en solidariedade coa folga que os traballadores e traballadoras das auxiliares do naval de Fene-Ferrol manteñen dende o pasado 5 de outubro por este motivo. A marcha sairá ás 19:00 horas dende a porta principal de Navantia.

A CIG-Industria de Ferrol pon o énfase na lexitimidade da folga e na necesidade de levar adiante esta loita "porque recuperar os nosos dereitos é unha reivindicación xusta e necesaria". "É fundamental apoiar a un colectivo que está pelexando polas súas condicións laborais, polas condicións de compañeiros/as que están en empresas que non respectan os acordos e polos traballadores/as que hoxe están na casa esperando incorporarse a un posto dentro do sector naval", afirman.

Neste senso, lamentan que "en vez de pórse do lado dos traballadores/as, que decidiron en asemblea ir á folga indefinida, haxa quen estea intentando boicotear esta convocatoria".

As contratas, enrocadas nunha posición

Critican tamén a postura mantida polas empresas que, sen achegar explicacións, argumentan que o incremento salarial é imposíbel. Afirmación que para a CIG-Industria non merece crédito, xa que hai empresas que están pagando polas táboas "e conseguen igualmente contratos de Navantia". Pola contra, engaden, as firmas que máis problemas poñen para aplicar os acordos, "poderían mellorar moito a produtividade simplemente racionalizando horarios".

Así mesmo, a Federación de Industria reitera que a CIG é a única que, en representacións dos traballadores/as, puxo unha proposta enriba da mesa de negociación, mentres as contratas "manteñen unha postura absolutamente irresponsábel, enrocándose nunha única posición, negándolle lexitimación á folga, e negando á CIG a posibilidade de sentar na mesa de negociación mentres non se desconvoque a folga".  Tal e como sucedeu na xuntanza do luns do AGA instado pola CIG e na reunión da mesa do naval prevista para esta mañá, que volveu quedar adiada.

Navantia intenta criminalizar a folga

Mención aparte merece a actitude de Navantia ao longo deste conflito, xa que a súa reacción limitouse a tentar criminalizar en todo momento a folga, denunciar a quen actúa en representación do persoal e a lanzar coaccións e presións para romper a folga, chegando mesmo a insinuar a posibilidade de aplicar un peche patronal, coas consecuencias que isto tería para o persoal da propia Navantia.  

Por todo isto, a CIG-Industria chama a toda a comarca a participar na manifestación deste xoves "porque o que están pedindo os traballadores é recuperar os seus dereitos". Destacan que os efectos inmediatos dos acordos asinados no ano 2001, acadados logo dunha folga de 20 días, foron varios e de importante alcance: rematar coas negociacións individuais do salario;  evitar a competencia entre empresas a conta de reducir salarios e fixar un marco salarial determinado que facilitaba a previsión de custes.  

Volver