Estanflación na Unión Europea

Gabriel Loza Telleria - 01 Mar 2023

Cando unha economía está estancada, non aumentan o emprego nin os salarios e especialmente non medra o investimento. Polo tanto, o que se prevé é que Europa escaparía da recesión, mais para caer no estancamento

 O último informe da Comisión Europea sobre as Perspectivas Económicas Europeas (inverno de 2023) conclúe que a economía da UE evitará a recesión, mais persisten os ventos en contra, e sinala que “a economía da UE está preparada para escapar por pouco da recesión que se debuxou no outono”, pero que as presións inflacionarias seguen a ampliarse».

 O informe técnico ten certa dose de optimismo, mais os seus datos son claros e elocuentes. Estritamente, prevé que a Unión Europea (UE) medre en 2023 nun 0,8% e a Zona Euro nun 0,9%, o que mostra que estaría nunha situación de estancamento, que é cando a economía, expresada a través do PIB, medra a un ritmo moi lento, case nulo, ou non medra, xustamente o que pasaría en Europa. Cando unha economía está estancada, non aumentan o emprego nin os salarios e especialmente non medra o investimento. Polo tanto, o que prevé o Informe é que escaparían da recesión, pero para caer no estancamento.

 Respecto da inflación, o ton do informe é moi cauto sobre todo pola persistencia da inflación subxacente, que non ten en conta os prezos de combustíbeis e alimentos, aínda que as súas proxeccións mostran unha inflación que poderiamos dicir moderada, por baixo do 10% que rexistrou no cuarto trimestre de 2022, para baixar en 2023 ao 6,4% na UE e ao 5,4% na Zona Euro, coa esperanza de que en 2024 se achegue á cifra máxica da meta de inflación en torno ao 2%-3%. Por tanto, entraríase nunha situación de estancamento con inflación que non recoñece explicitamente o Informe.

 Soamente proxecta que Suecia sería o país cunha taxa de crecemento do PIB do -0,1% que entraría en recesión o 2023. Así e todo, se analizamos as proxeccións trimestrais para ver se hai recesión técnica, entendida como dous trimestres consecutivos de taxas negativas de crecemento do PIB, vemos que dous países da Zona Euro, Austria e Alemaña, que xa rexistraran taxas negativas de 0,7% e 0,2% respectivamente no cuarto trimestre de 2022, entrarían en recesión técnica o primeiro trimestre de 2023 ao proxectaren taxas negativas de crecemento do 0,2%. Igualmente, dous países da UE acompañarían a estes na recesión, Suecia e Dinamarca, ao preverse a mesma situación.

 Xa que logo, a economía europea está a pagar os custos da guerra con estancamento e inflación mentres que a economía dos Estados Unidos semella que aínda vai ben.

 O panorama europeo non é alentador nun contexto de manifestacións sociais e paros laborais, así como “A detención e imputación de catro persoas relacionadas cunha investigación anticorrupción que implica a membros do Parlamento Europeo e a un Estado do Golfo”, en que está involucrada unha das vicepresidentas do Parlamento Europeo, segundo Euro News.

 Así, a imaxe que se tiña da Unión Europea foise desvanecendo sobre todo co seu papel tan subordinado á xeopolítica de Estados Unidos no conflito de Rusia con Ucraína, meténdose en problemas internos dos países en desenvolvemento e, sobre todo, esquecendo o soño europeo que empezou, en plena guerra fría, coa creación da Comunidade do Carbón e o Aceiro (CECA) (Tratado de París de 1951), que consistía en que, ao someter as dúas producións indispensábeis da industria Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (1951-2002) a unha única autoridade, os países que participasen nesta organización baterían cunha gran dificultade no caso de quereren iniciar unha guerra entre eles.

 A CECA foi decisiva para a historia da integración europea, xa que foi o laboratorio da Comunidade Europea (creada co Tratado de Roma de 1957) e a «semente» da actual Unión Europea (Tratado de Maastricht en 1992), que ademais tiña entre os seus obxectivos fundacionais a creación progresiva dunha política común de defensa que podería conducir á creación dunha defensa común, obxectivo actualmente esquecido e encomendado de facto aos Estados Unidos.

 Así, pasamos dunha multipolaridade cun papel relevante de Europa, a unha bipolaridade militar entre os Estados Unidos e China, a un papel subsidiario de Europa, a potenciar militarmente a Ucraína e a unha fragmentación xeopolítica e económica mundial.

 

[Artigo tirado do sitio web Estrategia, do 24 de febreiro de 2023]