Estado español: Regularizar para seguir a explotar
As regularizacións periódicas non son só medidas administrativas, son mecanismos estruturais que permiten que un sistema perverso, baseado en que a vulnerabilidade e a superexplotación da man de obra se rexenere e manteña en funcionamento, repita o seu ciclo unha e outra vez
O Goberno de Pedro Sánchez, en acordo con Podemos, aprobou unha regularización extraordinaria de persoas inmigrantes en situación administrativa irregular. A medida, adoptada mediante Real Decreto este 2026, beneficiará a quen presente a súa solicitude entre abril e xuño deste ano e acredite unha permanencia no país de polo menos cinco meses antes do 31 de decembro de 2025.
As regularizacións migratorias xeran unha relación ambivalente, xa que se poden interpretar de maneira contraditoria: en primeiro lugar, como unha medida positiva e, en segundo lugar, como unha medida perversa.
En primeiro lugar, é evidente que se trata dunha medida que impacta positivamente na vida cotiá de miles de inmigrantes. Aínda que os permisos de residencia concedidos tras a regularización adoitan ter unha duración limitada, neste caso dun ano, e requiren que os beneficiarios continúen realizando pesados trámites administrativos para renovalos, os estudos de seguimento das regularizacións anteriores mostran resultados moi positivos. Desde 1985, España levou a cabo seis grandes procesos de regularización (1985-86, 1991, 1996, 2000, 2001 e 2005), que afectaron a máis de 1,2 millóns de persoas. Estes estudos parecen indicar que unha gran parte dos beneficiarios logra renovar os seus permisos e estabilizarse, e mesmo abandonar empregos na agricultura ou o traballo doméstico para incorporarse a outros sectores menos precarizados, á vez que se facilita a posibilidade de solicitudes de reunificación familiar. Por tanto, é evidente que a regularización exerce unha función estabilizadora real para estas persoas, o cal constitúe un efecto claramente positivo.
Agora ben, en segundo lugar, as regularizacións tamén se poden entender como parte necesaria dun sistema perverso de xestión dos fluxos migratorios. Realizadas periodicamente en todos os países europeos, independentemente da cor política dos seus gobernos, estas funcionan como mecanismo de saneamento e rexeneración dun sistema onde as políticas migratorias non responden a unha necesidade real de control dos fluxos, senón que obedecen a unha lóxica estrutural destinada a producir man de obra vulnerábel e doadamente explotábel para determinados sectores económicos. Explícome.
Por unha banda, a Unión Europea, concibida como una "Europa Fortaleza", externaliza as súas fronteiras, reforza e militariza os dispositivos de vixilancia, constrúe quilómetros de valos e endurece os controis migratorios para impedir a entrada de persoas estranxeiras. As cifras de mortes froito diso son alarmantes. Seis persoas morren cada día no Mediterráneo e centos son vítimas de violencia física e sexual nas rutas fixadas para tentar superar os dispositivos securitarios para acceder a Europa.
Mais, á vez, doutra banda, as economías europeas presentan déficits estruturais de man de obra en sectores chave como a agricultura, os servizos domésticos, os coidados, a construción ou a hostalaría. Esta demanda laboral non desaparece co peche de fronteiras, senón que simplemente fai que se satisfaga con traballo irregular realizado por inmigrantes que non morren no intento e logran entrar en condicións de irregularidade administrativa. A magnitude desta demanda laboral realmente existente evidénciase cada vez que se leva a cabo unha regularización. Por exemplo, en 2005 máis de 570.000 persoas foron regularizadas, o que demostra un déficit estrutural de man de obra nativa que era cuberta por estranxeiros irregulares.
Neste contexto, a combinación de fronteiras pechas coa demanda estrutural de man de obra estranxeira fabrica a categoría de traballador ilegal e crea unha situación deliberadamente funcional para o capital. Esta dinámica permite que os traballadores estranxeiros entren en condicións precarias, exactamente nos termos que resultan máis vantaxosos para o capital que require deles. A irregularidade non é un erro do sistema, senón un deseño institucional que produce traballadores xuridicamente vulnerábeis, sen capacidade de negociación e expostos a explotación. Noutras palabras, as políticas da Europa Fortaleza non só controlan a entrada de persoas, senón que, ao mesmo tempo, garanten a existencia dunha forza laboral irregular que pode ser incorporada en condicións vantaxosas para determinados sectores económicos, reforzando así a división racializada do mercado laboral e un ciclo estrutural de superexplotación.
E é cando tal cantidade de man de obra irregular alcanza niveis difíciles de soster, que as regularizacións funcionan como mecanismos periódicos de axuste ou de saneamento do sistema, permitindo aflorar emprego somerxido, aumentar a recadación da seguridade social e reducir a evasión fiscal para, a continuación, repetir de novo o ciclo: peche de fronteiras, produción de vulnerabilidade e irregularidade, superexplotación laboral e, finalmente, outra regularización parcial. Por iso, as regularizacións periódicas non son só medidas administrativas, son mecanismos estruturais que permiten que un sistema perverso, baseado en que a vulnerabilidade e a superexplotación da man de obra se rexenere e manteña en funcionamento, repetindo o seu ciclo unha e outra vez.
De acordo con isto, podemos afirmar que a única maneira de romper este sistema baseado no ciclo da superexplotación pasa por dúas medidas: unha, asumir que a solución á vulneración de dereitos dos inmigrantes non pode consistir en regularizacións periódicas que só corrixen parcialmente o desequilibrio, senón por recoñecer abertamente a realidade económica de que as economías europeas necesitan man de obra estranxeira de forma estrutural e estabelecer canles legais e estábeis de entrada para toda esta man de obra que o país necesita, evitando que o acceso ao mercado laboral dependa da irregularidade previa. E, dúas, recoñecer desde o inicio todos os dereitos laborais e sociais a estas persoas, garantindo igualdade xurídica efectiva para todos os traballadores, con independencia da súa orixe.
[Artigo tirado do sitio web de Público, do 20 de febreiro de 2023]