Estado español: Pobreza laboral e degradación do emprego

Mikel de la Fuente -

Nas últimas décadas, en paralelo ao desenvolvemento das políticas neoliberais, o fenómeno dos traballadores pobres (working poor) converteuse nun dato estrutural na xeneralidade dos Estados membros da Unión Europea

O risco de pobreza e/ou exclusión social mídese na Unión Europea a través do indicador AROPE. Segundo este indicador unha persoa está en situación AROPE cando cumpra polo menos un dos seguintes tres criterios: 1. Estar en risco de pobreza, o que se produce cando viva nun fogar cunha renda inferior á liña de pobreza, que se define como o valor que corresponde ao 60% da mediana do ingreso estatal equivalente. 2. Estar en situación de privación material severa: cando non viva nun fogar que non dispoña de polo menos catro de nove conceptos de consumo básico. 3. Vivir en fogar con baixa intensidade de traballo, que se mide como a relación entre o número de meses traballados por todos os membros do fogar e o número de meses que poderían traballar teoricamente como máximo todas as persoas en idade de traballar.

 Segundo o VII informe da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN), O Estado da Pobreza. Seguimento do indicador de pobreza e exclusión social en España 2008-2016, no Estado Español ese risco abranguía en 2016 ao 27,9% da poboación total (12,9 millóns de persoas), sendo a taxa máis alta a correspondente ao grupo de persoas adultas novas, de 16 a 29 anos, cun 37,60%. Segundo o INE no 2015 o 58,0 das mulleres e o 70,4 dos homes en paro estaban nesa situación de risco. En homes, a porcentaxe máis alta no ano 2015 corresponde aos homes parados (70,4%) e o segundo lugar aos homes inactivos (46,1%). Segundo un informe do Observatorio Empresarial contra a Pobreza de xaneiro de 2017, o risco de pobreza alcanza o 60% entre os mozos desempregados. O desemprego, especialmente o de longa duración (máis dun ano en paro), mantense na elevadísimo porcentaxe do 58% no segundo trimestre deste ano, sendo rechamante unha porcentaxe superior e en aumento, do 65%, nunha Comunidade Autónoma “rica”, como a do País Vasco. O 40,7% das persoas paradas, 1,59 millóns, levan desempregadas máis de 24 meses, seis veces máis que en 2008.

 O elevadísimo desemprego, que segundo o mesmo Banco de España, mesmo con crecementos importantes do PIB seguirá sendo superior no 60% á media europea no 2019, e as “reformas” laborais que aumentaron o poder empresarial para contratar, despedir, modificar unilateralmente as condicións de traballo, privilexiado a negociación colectiva de empresa en detrimento da sectorial, as duplas escalas salariais, etc., impulsaron a caída dos salarios. Segundo a Enquisa Anual de Estrutura Salarial do INE do ano 2015, feita pública en xuño de 2017, durante o período 2010-2015 o salario máis frecuente pasou de 16.489 a 16.498 euros/ano, mentres que nese período a inflación aumentou o 8,7%, o que supón un importante retroceso do salario real. Por outra banda, segundo a mesma Enquisa o salario máis frecuente foi nese período 6.608 euros inferior ao salario medio, o que mostra que a maioría das persoas que traballan se sitúan nos estratos de menores retribucións 1/.

 Nas últimas décadas está aparecendo con forza o fenómeno dos traballadores pobres (working poor), os que se consideran no primeiro criterio de AROPE. A delimitación de pobreza laboral combina dous niveis de análises: o estatus en relación co traballo das persoas individuais, conforme ao cal se clasifica a poboación entre “traballadora” e “non traballadora” e o da renda dos fogares no que viven as persoas, conforme á cal se clasifican como “pobres” ou “non pobres”. O baixo salario establécese en relación co salario mediano da economía 2/. Para as Estatísticas da Unión Europea sobre renda e condicións de vida (EU-SILC) a definición de pobreza no traballo (in-work poverty) incorpora dous elementos: o estatus en relación co traballo das persoas individuais e o de renda dos fogares na que viven. Segundo as regras da UE, working poors son aquelas persoas que están empregadas, por conta allea ou por conta propia polo menos sete meses ao ano, cuns ingresos que, axustados conforme ao número de membros do fogar e a súa composición, son inferiores ao 60% da mediana estatal. Nas últimas décadas, en paralelo ao desenvolvemento das políticas neoliberais, o fenómeno dos traballadores pobres (working poor) converteuse nun dato estrutural na xeneralidade dos Estados membros da Unión Europea. Constátase que os working poors fan fronte a máis problemas sociais que o conxunto da poboación, xa que a pobreza laboral está asociada con niveis máis baixos de benestar subxectivo, teñen importantes problemas para acceder a un aloxamento axeitado e manteñen relacións deficientes con outras persoas e sentimentos de exclusión social.

 O emprego reduce o risco de pobreza, pero de ningún xeito o elimina. O desemprego pode ser reducido -ou contido-, pola multiplicación de empregos precarios: a tempo parcial, eventuais, de duración determinada, etc. A crise acentuou as tendencias á segmentación do mercado de traballo entre “os pequenos currelos” e os empregos cualificados e ben remunerados, o que constitúe unha razón suplementaria para considerar que a taxa de desemprego non é un indicador suficiente para apreciar a situación do mercado de traballo 3/.

 A Fundación Europea para a Mellora das Condicións de Vida e de Traballo (Eurofound), Axencia da Unión Europea (UE) , publicou no 2010 un informe sobre a pobreza laboral nos Estados membros da UE, conforme ao cal no ano 2007 o Estado español era o terceiro país con taxa de pobreza laboral máis elevada (o 11%), tras Grecia e Polonia. No 2017 realizou un novo informe sobre o tema que recolle o impacto da crise de 2008 4/. Neste recóllense as últimas estatísticas de Eurostat, conforme ás cales o 9,6% da xente traballadora da UE está en risco de pobreza, fronte ao 8% do 2007. No seguinte gráfico pódese apreciar a evolución do proporción de traballadores en risco de pobreza dos Estados membros entre 2007 e 2014.

Gráfico nº 1 Proporción de traballadores en risco de pobreza (%), por Estados membros, 2007 e 2014

Fonte: Eurofound 2017

 O Estado español ocupa o terceiro lugar, tanto no 2007 como no 2014, no ranking dos Estados con maiores índices de pobreza laboral, tras Romanía e Grecia. Ademais, o indicador de privación material severa, que a diferenza do anterior se ve moito menos afectado polas variacións macroeconómicas, entre outras nos ingresos medios, tamén aumentou en 5,3 puntos entre eses anos.

Razóns do aumento da pobreza laboral

 Entre os factores explicativos dese aumento un papel destacado consiste no desenvolvemento dos chamados contratos laborais “atípicos” ou non estándar, é dicir, diferentes do contrato indefinido a xornada completa. Estes contratos desenvólvense especialmente entre os baixos salarios, que son os que experimentaron de forma máis intensa o axuste salarial, ademais de sufrir a maior redución de emprego. O aumento da contratación temporal e a tempo parcial incrementou o número de persoas de baixos ingresos, especialmente mulleres e novas e, frecuentemente, eses traballos non supoñen un paso cara a mellores empregos. Algúns analistas da OCDE, co argumento de suprimir atrancos desde o lado da demanda dos mozos, propuxeron reducir os seus salarios directos e indirectos, mediante a instauración dun sub-salario mínimo para eles, a redución das cotizacións sociais aplicábeis e a posta en práctica de contratos de aprendizaxe con salario inferior ao salario mínimo polo “compromiso de formación” que implican (en moitos casos, teórico). Porén, análises da mesma OCDE constataban que o traballo a tempo parcial e o temporal se caracteriza por desigualdades salariais máis pronunciadas (superiores á metade en Holanda e nos países nórdicos) e, de feito, contribuíron ao crecemento das desigualdades nos países (entre eles o Estado español) 5/. No seguinte cadro pódese apreciar como a proporción do risco de pobreza é máis elevado nesas modalidades contractuais.

Gráfico nº 2 Proporción de traballadores en risco de pobreza, por tipo de contrato UE 2014

Fonte: Eurofound 2017

 Aínda que a actual taxa de temporalidade, de case o 27%, é inferior á de 2008, xustamente polo despedimento masivo dos contratos temporais, aumentou no último ano. Segundo a EPA os contratos indefinidos aumentaron no segundo trimestre de 2017 en 93.600, mentres que os contratos temporais fixérono en 255.900. Nos anos da crise tivo lugar un uso cada vez maior dos contratos de curta duración: a duración media dos contratos é de 55 días, o 25% dos contratos son dunha duración inferior a unha semana e realízanse especialmente con persoas de baixo nivel educativo. Nalgunhas comunidades autónomas o peso da temporalidade é aínda máis elevada: segundo un informe da UGT, en Galiza o 34’7% dos contratos temporais en 2016 foi de menos de sete días, sete puntos por riba da media do Estado e un cinco por cento máis que en 2012. O aumento do número de contratos temporais de duración moi reducida entre os mozos reduce a súa probabilidade de accederen a contratos indefinidos 6/.

 O aumento dos períodos sen traballo debido á crecente rotación laboral derivada dos contratos cada vez máis curtos e os salarios inferiores dos novos empregos deron lugar a que os salarios da xente con contrato temporal sufran unha redución salarial durante a crise do dobre de quen tiña contrato indefinido. Os traballadores estábeis, entendendo por tales os que se mantiveron no emprego entre 2008 e 2013 experimentaron unha redución de salarios do 1,6% entre 2008 e 2013, mentres que os inestábeis, é dicir, os que cambiaron de emprego, na maioría dos casos alternando o emprego co desemprego, caeron un 17% no mesmo período. En termos de poder adquisitivo, os primeiros perderon o 10,4% pero os inestábeis chegaron até o 25,8% 7/.

 No Estado Español o tempo parcial alcanza ao 15,26 % das persoas asalariadas no segundo trimestre de 2017 e estase concentrando en empresas de maior tamaño. Este traballo distribúese desigualmente entre os dous sexos: o 72 % dos contratos a tempo parcial corresponde ás mulleres e unha porcentaxe moi importante dos novos contratos son a tempo parcial. O tempo parcial vai unido, de forma moi maioritaria, aos baixos salarios. En efecto, segundo a Enquisa Trimestral de Custo Laboral do segundo trimestre de 2017, a diferenza salarial entre os traballadores a tempo completo e parcial é de 5,12 euros por hora (15,52 euros/hora de media para o tempo completo fronte a 10,40 para o tempo parcial) e está en aumento nos últimos anos. A parcialidade afecta especialmente aos mozos: os salarios dos contratos dos mozos menores de 26 anos que entraron no mercado laboral en 2015 eran un 14,4% inferiores aos que recollían estes mesmos contratos en 2008 e esa menor retribución dos contratos de entrada débese principalmente ao maior peso do tempo parcial. No seguinte gráfico pódese observar a gran distancia no risco de pobreza laboral entre quen traballa a tempo completo e quen o fai a tempo parcial, con notábeis diferenzas entre os Estados onde a diferenza é menor, polo mellor trato, legal e convido colectivamente, ao tempo parcial, entre outros, Holanda, Austria e Luxemburgo, fronte a outros Estados, como o español, con proporcións catro ou cinco veces superiores no risco de pobreza.

Gráfico nº3 Proporción de traballadores en risco de pobreza (%), para o tempo completo e o parcial en Estados membros EU, 2014

#Empregados a tempo completo #Empregados a tempo parcial

Fonte: Eurofound 2017

 A depreciación salarial afectou especialmente ás persoas que xa con anterioridade á crise cobraban os salarios máis baixos; segundo datos da EPA, a caída salarial media foi do 3,0% entre 2009 e 2013, pero no decil dos ingresos máis baixos, que comprende a xente máis precaria (a tempo parcial, con contratos temporais, con escasa antigüidade na empresa) alcanzou o 16,4% 8/.

 Segundo a última EPA de 2016, a principal razón do traballo a tempo parcial é a de non poder acceder a un a tempo completo, involuntariedade que aumentou desde o 35% de 2008 até unha media de máis do 65% no 2017. O Estado español, xunto a Eslovenia, é o país da OCDE onde máis aumentou esa involuntariedade entre 2000 e 2015, xunto a Eslovenia. A porcentaxe é maior en case dez puntos entre os homes (66%) que entre as mulleres (58%), Esta diferenza explícase pola dedicación moi maioritaria das mulleres ao traballo doméstico e de coidados: mentres que a segunda razón dos homes para ter un traballo a tempo parcial é a compatibilización cos estudos e só un 3% para realizar actividades de coidado, as porcentaxes respectivas das mulleres son do 4,2% e case o 20%.

 Os traballadores autónomos ou por conta propia sen empregados (“autoempregados” na terminoloxía do informe de Eurofound) sofren taxas de pobreza superiores aos traballadores por conta allea na maioría dos Estados membros, entre eles o Estado español. Esta situación, que permite desmitificar as gabanzas ao “emprendedorismo”, débese á necesidade dunha parte da xente parada de obter ingresos, para as que se establecen en sectores aos que poden acceder sen dispoñer previamente de capitais propios importantes, como a hostalaría ou o comercio entre outros, moi saturados, e dos que obteñen ingresos moi baixos, cando non se ven obrigados ao peche por non poderen pagar os alugueiros. Noutros casos, a súa relación xurídica como traballadores por conta propia agocha que traballan para empresas de forma exclusiva ou moi maioritaria, pero si iso si asumindo os custos fiscais e de seguridade social. A mobilización dos traballadores de Telefónica-Movistar nos últimos anos en esixencia de acabar coa cesión ilegal, as subcontratas e os falsos autónomos foi un exemplo das prácticas nesta materia das grandes empresas e probou que a loita permite facer retroceder as formas máis retrógradas de deterioración laboral.

Desigualdade e traballadores pobres

 A outra cara da pobreza laboral é o aumento da riqueza e a desigualdade. Só entre 2015 e 2016 o número dos millonarios (cun patrimonio que supera o millón de dólares) incrementouse en sete mil no Estado español, pasando a 338 mil (Global Wealth Databook 2016) e desde inicio da crise no 60%. A súa riqueza aproxímase aos 500.000 millóns de euros. Segundo a Oficina de Estudos de Investigación Económica de Estados Unidos, entre o 30% e o 40% do diñeiro dos maiores patrimonios españois está en paraísos fiscais, o que supón que aproximadamente 140.000 millóns de euros (máis do 12% do PIB) non tributan.

 Nos anos de recesión, a fenda salarial entre directivos do conxunto das empresas e o resto dos traballadores multiplicouse por dez e a relación entre o salario dos dirixentes e o do resto dos traballadores que era, de media, de 3,2 no 2010, é de 3,5 no 2017. Obviamente, a diferenza é moitísimo máis elevada entre as empresas do IBEX 35, os conselleiros das cales cobran 116 veces o salario medio dos seus traballadores.

Pobreza, protección por desemprego e salario mínimo

 As prestacións de desemprego cobren de forma moi insuficiente as situacións de desemprego, especialmente desde a reforma de 2012, que deu lugar a que o número de beneficiarios se reduza continuamente. No primeiro trimestre de 2017 o total da cobertura das prestacións era o 54,9%, fronte a un 79,9% do 2010, é dicir, que o 45% das persoas paradas non ten ningún tipo de protección por desemprego. As chamadas prestacións contributivas cobren a unha parte reducida dos perceptores (o 37%), xa que a súa duración máxima de dous anos deu lugar á desprotección de quen non atopou emprego (ou o foi de duración moi curta) tras finalizar o cobro destas. As prestacións asistenciais, que son percibidas polo 63% dos beneficiarios son de moi escasa contía (en case todos os casos limítase a 430,27 euros/mes) e duración. Unha das súas variantes máis importantes, o subsidio dos maiores de 52 anos sufriu un empeoramento radical no 2013.

 As rendas mínimas de inserción que conceden as comunidades autónomas supoñen a única vía de garantía de rendas das persoas paradas que non teñen acceso ás prestacións por desemprego (o citado 45%) e das que teñan ingresos laborais de moi baixa contía. A xeneralización dos baixos salarios contribúe a desincentivar o acceso ao mercado de traballo das persoas inactivas e de perceptores das rendas mínimas, nos casos en que estas concedan prestacións de certa cobertura e contía 9/, é dicir, fundamentalmente a Comunidade Autónoma Vasca, Navarra e Catalunya, que mellorou substancialmente as súas prestacións desde a aprobación da Renda Garantida de Cidadanía en xullo de 2017 10/. Iso dá lugar a un cambio no perfil dos perceptores da prestación, no sentido de aumentar a porcentaxe de quen a percibe como complemento aos baixos salarios, malia que as comunidades autónomas teñen dificultades para financiar os servizos públicos e as prestacións sociais pola presión da Unión Europea, asumida gustosamente polo goberno español, para a contención dos déficits públicos. A solución desta problemática esixe unha elevación substancial do salario mínimo, en liña coas reivindicacións dos sindicatos vascos ELA e LAB de fixación deste nunha contía de 1.200 euros mensuais 11/.

________________________________________________________________________

Notas:

1/ Datos sinalados en Cristóbal Molina Navarrete, “Productividad, trabajo y pobreza: “trío” posible pero insostenible”, RTSS-CEF, nº 415, 2017, p. 8. O autor sinala que “a crecente desigualdade retributiva entre a poboación traballadora é claro síntoma do desaxuste produtivo”.

2/ Mari Luz de la Cal, La pobreza laboral, Hegoa- Boletín de recursos de información, nº 40, 2014, dispoñíbel en http://boletin.hegoa.ehu.es/mail/33

3/ Michel Husson,”Les multiples empreintes de la crise en Europe” , Chronique international de l’IRES, nº 156, 2016, 172-187.

4/ Eurofound, In-work poverty in the EU, dispoñíbel en https://www.eurofound.europa.eu/publications/report/2017/in-work-poverty-in-the-eu.

5/ Mª Luz de la Cal e Mikel de la Fuente, “La Garantía de Rentas Mínimas en el Estado español. Especial Referencia al Caso de la RGI Vasca”, http://www.vientosur.info/spip.php?article10811, 2015.

6/ Marcel Jansen, “Precariedad 2.0”, Blog Nada es gratis, 22-9-2017.

7/ O detalle pódese ver en Fernández Kranz, “Ingresos salariales en España durante la crisis económica: ¿ha sido efectiva la reforma de 2012?”, Cuadernos de Información Económica, nº 246, 2015.

8/ CC.OO, Análisis gráfico de la devaluación salarial en España, 2015.

9/ Tal e como apuntaba hai xa uns anos Joseba Zalacain, “Trabajo, trabajadores pobres e inserción social”, Documentación Social, nº 143, 2006.

10/ O seu proceso de xurdimento social e parlamentario e o seu contido pódese ver en Diosdado Toledano, “La larga marcha de la renta garantizada de ciudadanía”, http://vientosur.info/spip.php?article12942

11/ Sobre o salario mínimo, véxase o meu artigo “SMI: la nueva estafa del PP-PSOE”, http://www.vientosur.info/spip.php?article12125

________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 28 de outubro de 2017]

Volver