Estado español: Ao ataque das pensións

Albert Recio Andreu -

Parece evidente que o factor fundamental que baleirou a caixa de reserva da Seguridade Social foi a caída do emprego e a dos salarios. Sen emprego en condicións dignas as cotizacións nunca van chegar

 Recentemente estreada a lexislatura xa se puxo sobre o tapete a primeira gran reforma, a das pensións. A xustificación é obvia: nos últimos anos os ingresos por cotizacións non abondaron para pagar as pensións, e a Seguridade Social tivo que sufragar botando man do fondo de reserva. Tantas veces se usou e con tal intensidade que de continuar a situación (e é impensable que a curto prazo este cambio se dea) en xuño non alcanzará o remanente do fondo para pagar a extra de verán. Hai que facer algo axiña. Mais xa se sabe que as présas non son boas conselleiras, máis ben que coas présas é máis fácil que nos acaben por enganar.

 I

 Hai tres razóns que se utilizan para explicar a situación actual. A preferida polos economistas liberais é a demográfica. A súa sinxela base explicativa baséase na manipulación dalgún feito certo. Aumentou a esperanza de vida da poboación, non só en termos xerais (o cambio demográfico máis espectacular ten lugar cando se reduce a mortalidade infantil, pero isto non ten ningunha incidencia directa sobre as pensións), senón especialmente a esperanza de anos de vida tras a xubilación. E, ao mesmo tempo, a caída da natalidade reduciu o tamaño das cohortes (a xente nada nun mesmo ano) e, xa que logo, tende a reducirse o volume de poboación por baixo da idade de xubilación. Esta situación agravarase nos próximos anos porque se prevé a xubilación de cohortes de idade moi populosas (os nados nos anos 1950), e en cambio entra moita menos xente no mercado laboral. Xa que logo, aumenta a proporción de xubilados con respecto á de activos (o que chaman taxa de dependencia) e manter os xubilados pode facerse insostíbel.

 O argumento así é convincente, pero só funciona se se acepta un suposto discutíbel. O de que o volume do emprego vén dado apenas polo volume de poboación local en idade de traballar. Supoñamos que é certo que nos últimos anos se xubila moita xente. Isto deixaría un enorme oco de empregos en moitas empresas. A menos que estas decidan emigrar a outros países ou directamente pechar, o máis probábel é que este baleiro xere un efecto chamada de novos inmigrantes que cubrirán as vacantes con entusiasmo. De feito, o mesmo avellentamento da poboación tende a xerar unha demanda de servizos de coidados que xa se demostraron que inflúen directamente neste efecto chamada. Só con variábeis demográficas non resulta convincente o argumento da non sostibilidade das pensións.

 En todo caso, o que é esperábel, e isto hai que explicalo, é que a pirámide demográfica española constitúa en si mesma un efecto chamada de novos inmigrantes, e hai que preparar a poboación e as institucións para que esta nova vaga migratoria se faga en condicións de dignidade, xustiza e convivencia adecuadas.

 II

 Contar só persoas supón esquecerse de que as pensións son unha cuestión monetaria, de capacidade de compra. Non é tanto cantas persoas traballan, senón que soldos obteñen e canto contribúen ao fondo común. Aquí ten un papel crucial o mercado laboral en dous aspectos: determina canta xente está empregada e que ingresos salariais (que inclúen as súas cotizacións sociais) reciben. Parece evidente que o factor fundamental que baleirou a caixa de reserva foi a caída do emprego e a dos salarios. Sen emprego en condicións dignas as cotizacións nunca van chegar. Nun país onde o conxunto das rendas salariais representa menos do 50% da renda total, é palpábel que se estreitou a base de recadación monetaria. E para resolvelo hai só dúas opcións: ou mellorar o emprego e os salarios, ou cubrir parte do custo da seguridade social con rendas non salariais, mediante impostos universais (de feito, hai países onde a Seguridade Social non ten un orzamento separado e as pensións dependen do conxunto das rendas do país). Trátase fundamentalmente dunha batalla distributiva (mellorar a participación dos salarios na renda) e redistributiva (pelexar por un novo sistema de ingresos e gastos fiscais). Sen dúbida, unha batalla dura que terá que facer fronte a toda a batería de argumentos cos que están atrincheiradas as elites económicas. Por exemplo, que as alzas salariais xeran desemprego ou frean a competitividade económica, ou que maiores impostos xeran déficits e desalentan a actividade económica... Argumentos que no plano analíticos son cuestionábeis pero que no práctico requiren unha forte batalla de ideas e mobilizacións.

 Para ver cal é a carga real das pensións podemos usar a porcentaxe que representan no PIB (aínda que esta é unha medida moi groseira da actividade económica, é a que xeralmente se toma de referencia). Actualmente, o seu peso está por volta do 11,8%, inferior ao de moitos países veciños que se mostraron capaces de soportar unha carga superior. É obvio que, se medra a porcentaxe de maiores de 65 anos e reciben pensións superiores ás de cohortes anteriores, o gasto pode subir. Pero seguirá sendo asumíbel, aínda que esixirá os cambios na distribución da renda que acabo de apuntar. Se, como vaticinan os voceiros da tecnocracia e o capital, estamos ante as portas de cambios tecnolóxicos que incrementarán a produtividade do traballo a cotas incríbeis (sobre este argumento fúndase a reaparición do argumento da fin do traballo) non parecería difícil que unha sociedade cunha enorme capacidade produtiva puidese garantir, a todos os seus habitantes, cotas de benestar material aceptábeis. Teño as miñas dúbidas sobre a veracidade desta utopía tecnocrática (por cuestións sociais, económicas e ecolóxicas) e, se certamente a sociedade se encamiña a un certo estancamento económico, é evidente que o que iso esixe é unha reformulación global das nosas pautas de vida, de organización social e de distribución da renda. Pero propor só que son as xeracións de maior idade as que teñen que facer o axuste é absolutamente inaceptábel. Por iso debemos converter o debate das pensións nun debate sobre como se distribúe a renda.

 III

 O terceiro factor que agravou a situación foi sen dúbida a política do PP, consistente en practicar unha política de promoción de emprego baseada en bonificar as cotizacións da seguridade social (unha política da que o Estado español é un dos países máis adicto a pesar que a maioría de expertos considera que globalmente é un desbaldimento inútil), pagándoas coa caixa das pensións en lugar de facelo a conta do orzamento xeral. O mesmo Goberno acaba de recoñecer que deberá poñer uns 1.900 millóns de euros á caixa por esta partida. Foi neste caso unha política premeditada para facer aumentar o déficit da Seguridade Social. Simplemente hai que eliminala.

 IV

 Na súa inconcreta exposición sobre as pensións, Fátima Baños marcou algunhas das liñas do que podemos esperar a curto prazo. Que unha ministra como ela diga que as pensións están garantidas é unha invitación a empezar a desconfiar. De feito, propuxo cousas menores: a xa devandita volta a financiar as políticas de emprego a conta do orzamento, a posibilidade de financiar as pensións de viuvez e orfandade polo orzamento, e deixou caer o de poder compatibilizar emprego e cobro de pensións. E pouco máis. O primeiro era algo que o Goberno estaba obrigado a facer de todos os xeitos. O segundo podería ser aceptábel sempre que quedasen claras as regras da pensión de viuvez e orfandade (que teñen como obxectivo básico garantir rendas a aquelas familias nas que falta o ou a principal fornecedor de renda), aínda que para isto abondaría con manter estas pensións no esquema xeral e achegar fondos do orzamento xeral ao mantemento da Seguridade Social. A cuestión chave neste caso é a carga impositiva. Se de verdade se considera que a única forma de garantir pensións dignas é ampliar as fontes de financiamento, isto leva inevitabelmente a formular unha reforma fiscal que forneza suficientes recursos ás arcas públicas. O oposto ao que a dereita mantén en materia fiscal. Por iso, salvar as pensións implica tamén loitar por unha reforma fiscal xusta e suficiente.

 Máis perigosa é a insinuación de compatibilizar pensións e traballo. No fondo, o modelo de pensións que a dereita leva tempo promovendo é un réxime de prestacións públicas moi básicas combinadas con pensións privadas e con xente forzada a traballar até unha idade moi avanzada (máis ou menos volver aos vellos tempos nos que moita xente non chegaba a xubilarse e outra morría aos poucos meses de acabar a súa vida laboral).

 O do sistema complementario de pensións é o vello soño do sistema financeiro, provelos doutra fonte de obtención de rendas. O sistema real de fondos de pensións segue bastante estancado porque moita xente simplemente non chega a aforrar suficiente para pagalo, e os plans de empresa só se xeran nas grandes empresas e xa que logo nunca se van implementar no océano de empregos precarios do país. O sistema dual é ás pensións o que o dobre circuíto escolar é á educación, unha forma de xerar desigualdades e inxustizas. Para que o sistema fose críbel (máis aló dos avatares que experimentan estes fondos nos mercados financeiros) sería necesario un aumento de salarios da maioría e un cambio na organización empresarial. Dúas cousas ausentes no debate actual.

 O da compatibilización aínda é peor. En moitos casos, no que se pensa é nos minijobs alemáns, traballos mal pagos, sen control social. Unha vía para precarizar aínda máis o mercado laboral e para xerar novas oportunidades á economía informal, á desregulación fiscal e laboral. Noutros casos é outra forma de xerar novas desigualdades. Pois quen pode combinar pensións e empregos con maior facilidade é a xente que ten empregos de elevado prestixio social, creativos, agradábeis. Penso nos meus colegas de universidade, en moitos profesores que ao xubilarse aos 70 anos experimentan unha notábel redución de ingresos (especialmente os catedráticos) e que estarían encantados en seguir obtendo rendas e actividade (algúns, os menos, seguirían mantendo cotas nada desprezábeis de poder) participando en proxectos de investigación ou dando algúns cursos. Pero este esquema agradábel muda cando pensamos nos miles de empregos que requiren unha elevada carga física, que representan rutinas insufríbeis e que empeoran a saúde de quen os fai. Polo menos, o sistema actual permite a moitas destas persoas uns anos de vida activa na que poden levar a cabo algún proxecto de vida máis interesante do que lles impuxo o traballo baixo o capitalismo.

 V

 O reto xa está lanzado. A reforma das pensións vai presentarse como unha urxencia inevitábel fronte ao baleiramento da caixa. Non podemos quedar á defensiva, na forma “as pensións non se tocan”, senón que é momento de pasar a unha ofensiva que obrigue a un debate aberto, que mostre as contradicións e falsidades dos argumentos que promove o sector financeiro. Que busque realmente un sistema realista de financiamento e un esquema xusto de prestacións.

 

 

[Artigo tirado do sitio web Mientras Tanto, núm. de decembro de 2016]

Volver