Medio cento de colectivos e plataformas alzan a voz: enerxía eólica, así non!

A CIG fai un chamamento a participar na manifestación deste sábado día 5 en Santiago
Nacional - 04 Xun 2021

A CIG fai un chamamento a participar na gran marcha que terá lugar o sábado, día 5 de xuño, ás 12:00 horas, con saída da Alameda compostelá, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente. Unha mobilización, coa que os preto de 50 colectivos e plataformas ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais e sindicais de toda Galiza queren expresar “o amplo e contundente rexeitamento do pobo galego a un modelo de desenvolvemento eólico imposto e colonial que converte a Galiza, unha vez máis, nun territorio de sacrificio para favorecer as ansias especulativas e de negocio do oligopolio enerxético, coa conivencia da Xunta e do Estado”, reclamar a paralización inmediata dos proxectos eólicos en tramitación e un novo modelo enerxético.

Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advirte de que Galiza se atopa diante dun novo proceso de colonización enerxética que no franquismo destruíu os ríos e agora vai polas terras e montes mentres se mantén a moita xente na pobreza enerxética e comarcas enteiras de Galiza camiño da desertización social e industrial, sen plans alternativos de ningún tipo de reindustrialización. 

A marcha arrincará da Alameda ás 12:00

Temos unha produción de enerxía eléctrica que supera o consumo actual, o 30 % da electricidade producida segue a exportarse fóra do país, mentres a subministración á cidadanía, empresas e industrias galegas segue a ser das máis caras do Estado.

Galiza necesita ter soberanía sobre os seus recursos e capacidade para decidir o noso modelo de desenvolvemento económico para que reverta na maioría social do país, xa que “precisamos unha verdadeira transición ecolóxica galega ordenada, xusta, ao servizo do país, cunha xestión pública que poña fin ao oligopolio das grandes eléctricas”.

Por iso a CIG rexeita que, á custa do territorio galego, as grandes empresas aproveiten a ocasión do negocio eólico para faceren o seu lavado verde, sen teren previamente reparado a súa débeda ecolóxica nin resolto o impacto social xerado.

O pobo galego debe ser quen decida sobre o aproveitamento dos seus recursos e o seu modelo económico, industrial e social, capaz de procurar un equilibrio territorial e ambiental, que evite a destrución de emprego e a emigración, que pule pola enerxía como ben básico ao servizo do pobo, que cree emprego e industria.