En que lugar e en que momento da historia estamos?

Sergio Rodríguez Gelfenstein - 18 Mar 2024

A chea de acontecementos internacionais de diferentes características durante os últimos meses, dan conta da intensidade coa que se están movendo os principais protagonistas no escenario internacional e o vórtice de xestións nas que ven envoltos. É necesario tomar cartas no asunto neste mundo tan caótico e en plena efervescencia na que o imperio aumenta a súa agresividade mentres se debate nunha crise multisectorial

 

I

 O ritmo dos acontecementos internacionais é asoballador. Inmersos na dinámica da sobrevivencia cotiá resulta sumamente complicado seguirlle o paso aos feitos rexionais ou globais que, dada a interdependencia dos procesos, terminan influíndo e afectando o quefacer local en calquera dos nosos países.

 Neste contexto cómpre preguntarse en que lugar e en que momento da historia da humanidade estamos? A resposta pode semellar un tanto frívola, pero coido que estamos a pasar por un tsunami de varias ondas que foron xeradas por unha superposición de movementos tectónicos que están a ocorrer simultaneamente.

 A primeira onda ten que ver co transo que significa o cuestionamento crecente á democracia xurdida hai 2.700 anos na Grecia do século VI antes de Cristo e que, a pesar de sufrir grandes modificacións ao longo da historia, se mantén como esencia do modelo político de Occidente, fracasando e xerando conflitos no seu intento de se transformar en modelo universal.

 A segunda é aquela que emanou das primeiras manifestacións de crise estrutural do capitalismo xurdido hai arredor de 250 anos tras a revolución industrial iniciada contra 1760 no Reino Unido no económico e a revolución francesa de 1789 no político.

 A terceira é a da fin do modelo herdado da segunda guerra mundial e a consolidación da hexemonía estadounidense hai case 80 anos. Finalmente, a cuarta onda é a que se formou polo final da bipolaridade hai 30 anos sen que o mundo poida estabilizar un novo sistema internacional.

 Como se dixo antes, a dinámica dos acontecementos do día a día non nos deixa ver esta dimensión tan extraordinaria da situación política internacional. Vivimos un momento de crebas. De cuestionamentos. Un momento en que se pon a proba o mellor da condición humana, pero que tamén se manifesta o máis execrábel e a fraxilidade dos mortais. É un momento de definicións. É un momento de decisións. Vivimos un tempo único da historia.

 Vexamos:

  1. A democracia ateniense

 Aínda que hai estudos que sinalan que houbo algunhas manifestacións anteriores, considérase que a democracia xurdiu en Atenas hai 27 séculos, significando un paso adiante no desenvolvemento político de Occidente, a pesar de que naceu sendo un sistema excluínte que só consideraba como cidadáns os homes, con capacidade económica e pertenza á nobreza. Os estranxeiros, os escravos e as mulleres non eran cidadáns. No entanto, a instauración de certas institucións como os poderes executivo e lexislativo e o voto foron mecanismos de avanzada na época. Con todo, até agora, a democracia non foi capaz de resolver a dicotomía representación/ participación que segue sendo restrinxida e limitada aos sectores con maiores recursos na sociedade e utilízaa precisamente como mecanismo de control desta. É un sistema en crise.

  1. A revolución industrial e a revolución francesa

 A revolución francesa instaurou unha serie de mecanismos avanzados respecto das sociedades escravista e feudal. Por exemplo, os tres poderes (executivo, lexislativo e xudicial), a alternabilidade e a independencia destas instancias, así como as liberdades civís (de expresión, de prensa, de asociación), entre outras.

 Sería desexábel que o pobo asaltase o poder para construír sociedades máis xustas e democráticas; con todo, tal como previu Lenin, na fase superior do capitalismo que vivimos, o sistema creado chegou a tan altos niveis de concentración do poder económico e político que son estes propios avances desmesurados os que constrinxen o desenvolvemento acelerado da acumulación capitalista nos niveis ambicionados, transformándose nun freo para as súas necesidades de ganancia, polo cal, son as propias clases sustentadoras do poder as que destrúen as chamadas liberdades democráticas que elas mesmas crearon.

 Pola súa banda, a revolución industrial que significou un impulso revolucionario respecto do retrógrado sistema feudal, hoxe na súa fase imperialista creou elevados niveis de diferenciación entre explotadores e explotados. A produción capitalista concéntrase cada vez máis nunha minoría que usufrutúa os éxitos e os avances do desenvolvemento e dos adiantos científicos e tecnolóxicos. Estes procesos revolucionarios do pasado maniféstanse hoxe de maneira reaccionaria, representando formas conservadoras e atrasadas que non teñen sustento no medio e longo prazo.

  1. A fin da segunda guerra mundial

 A fin da segunda guerra mundial fixo nacer un novo sistema internacional que tivo a Organización de Nacións Unidas (ONU) como eixo fundamental sobre o cal se ían construír a paz e relacións máis equitativas entre os pobos. A ONU non puido cumprir ese obxectivo, expresión da obsolescencia do sistema.

 Por exemplo, a Organización Mundial da Saúde (OMS) foi incapaz de xestionar a crise da covid-19, a Organización Mundial do Comercio (OMC) non puido impedir que o 31,5 por cento da poboación mundial viva baixo sancións, a Comisión de Dereitos Humanos e os seus entes adscritos non se poden sacudir a tutela de mecanismos politizados que son manexados segundo os intereses dos poderosos. Outro tanto ocorre cos organismos encargados de impartir xustiza. As organizacións de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) e o Fondo de Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) son estruturas que fan un loábel labor, pero están limitadas e restrinxidas de recursos porque as misións que cumpren non están encamiñadas a favorecer os intereses dos poderosos.

 A ONU vive unha contradición intrínseca entre o carácter democrático da Asemblea Xeral e o carácter ditatorial do Consello de Seguridade e o seu dereito a veto. Cómpre lembrar que a ONU se creou con 51 países e hoxe forman parte dela 193 Estados, de maneira tal que a realidade de agora é moi distinta á que lle deu orixe. Os membros africanos orixinais da ONU foron catro, hoxe son 54, de Asia, oito, hoxe son 51, de Caricom, ningún, hoxe son 15. Pode alguén pensar que a ONU pode seguir funcionando da mesma maneira, cando houbo unha evidente transformación na súa composición?

 O Artigo 3 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos fala do dereito á vida. Pola súa banda, o artigo 1 di que "Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos". Pode alguén crer que iso é verdade? O sistema emanado da segunda guerra mundial hoxe é só unha quimera.

 O capitalismo non puido garantir que todo sexamos iguais en dignidade e dereitos.

 Vexamos:

 - 900 millóns de persoas pasan fame.

 - 1.100 millóns viven en condicións de pobreza extrema.

 - 2.800 millóns en situación de pobreza.

 - 448 millóns de nenos teñen baixo peso.

 - 876 millóns de adultos son analfabetos. Deles, as dúas terceiras partes son mulleres.

 - Todos os días morren 30.000 nenos menores de cinco anos por enfermidades que podían ser evitadas.

 - Máis de 1.000 millóns de persoas non teñen acceso á auga.

 - O 90% da poboación mundial posúe o 20 por cento da riqueza.

 - O 1% posúe o 63 por cento desa riqueza.

 - Elon Musk paga un 3% de impostos. Unha traballadora de Uganda que se dedica a vender fariña paga o 40% dos seus ingresos en impostos, é dicir 80, dólares ao mes.

 - Os mil millonarios gañan 2.700 millóns de dólares ao día.

 - 1.800 millóns de persoas no mundo carecen de vivenda.

 Este é o éxito do capitalismo? Este é o mundo que queremos? O éxito que con gran rebumbio e colorido nos mostran os medios de comunicación a través de "alfombras vermellas", vestidos longos, iates e mansións, concursos de beleza e loureiros de artistas, deportistas e monarquías, representa a unha moi ínfima parte da humanidade, menos do 1%. Esa non é a realidade do planeta. O capitalismo fracasou, só produce fame, guerra e morte. Pero trátannos de convencer de que algún día poderemos vivir como ese un 1%, o cal é e será imposíbel mentres a estrutura do poder mundial se manteña como até o de agora.

  1. A caída da Unión Soviética e o final da bipolaridade

 Tras a caída da Unión Soviética e o final da bipolaridade, o mundo non puido, de inmediato, estruturar un novo sistema internacional. A derradeira década do século pasado foi caótica sen que as dúas forzas en pugna: unilateralismo e multilateralismo, puidesen consolidarse. Pero os atentados terroristas do 11 de setembro de 2001 permitíronlle aos Estados Unidos (EUA) impor a doutrina de "guerra contra o terrorismo" que nos feitos significou a instauración da unipolaridade. É ben lembrar o discurso do presidente Bush do 20 de setembro dese ano cando formulou a falsa disxuntiva de "ou están con eles ou están connosco". Iso impuxo a obriga do mundo de "estar cos EUA", porque a alternativa era "apoiar o terrorismo", eliminando calquera outra posición. O gran gañador desas accións terroristas foron os EUA.

 Eran tempos en que se anunciaba "a fin da historia" e efectivamente pareceu que os EUA e o capitalismo se estabelecerían no planeta "polos séculos dos séculos". Estaba a ocorrer a guerra nos Balcáns e produciuse a intervención estadounidense en Iraq, sen que houbese contrapeso ningún á actuación imperialista.

 Todo marchaba ben para Washington até que en 2008 se produciu a crise da burbulla inmobiliaria nos EUA que contaminou a todo o mundo. Era expresión da incapacidade desa potencia e do capitalismo de soster o mundo unipolar.

 Mais o mundo mudara. Poucos anos despois, en 2012, Vladimir Putin regresou ao poder en Rusia, e en China, o mesmo ano, Xi Jinping era elixido secretario xeral do partido comunista. Ese mesmo ano foi nomeado presidente da Comisión Militar Central e ao seguinte, presidente da República Popular Chinesa.

 Putin e Xi son da mesma xeración, un nado en outubro de 1952 e o outro, en xuño de 1953. É unha xeración da posguerra, Putin viviu o final do socialismo na Unión Soviética e Xi, a morte de Mao e o inicio da política de reforma e apertura, ambos na terceira década da súa vida. Eles e os seus países son os condutores do novo mundo que está a nacer.

 Este sistema que está a emerxer, como é natural, navega no medio de contradicións e resistencias sen que aínda se poida definir con precisión. Aínda hoxe se mantén con moita maior forza a pugna entre multipolaridade e unipolaridade. Pero este conflito comezou a resolverse en 2020.

II

 En anos recentes, tres acontecementos viñeron acelerar o proceso de construción do novo mundo.

  1. A pandemia da covid-19

 A pandemia puxo en evidencia a incapacidade do sistema internacional e do capitalismo para enfrontar a un inimigo común de toda a humanidade. Foi un momento estelar para coordinar accións e se pór de acordo para cooperar, pero foi imposíbel porque primou o interese por manter funcionando a economía por riba da saúde e asegurar o lucro e a ganancia no canto de se preocupar por salvagardar a vida dos seres humanos.

 O país máis rico do planeta con 330 millóns de habitantes viu morrer a case 1,2 millóns de cidadáns pola incapacidade de protexer a súa propia poboación. No extremo oposto, en China con 1.4000 millóns de habitantes, faleceron 120.000 cidadáns. Púxose sobre o tapete a forma diferente como ambos os sistemas atenden a saúde dos cidadáns, manifestándose o contraste entre aqueles países que invisten en saúde pública e os que a consideran un ben do mercado. Este feito deu inicio ao proceso de transformación global.

  1. A Operación Militar Especial (OME) de Rusia en Ucraína

 Ante a incapacidade do sistema internacional por evitar que se seguise consumando o xenocidio contra a poboación ruso falante no leste de Ucraína, ante o perigo de expansión do nazismo que tomou ese país como base do seu florecemento mundial e en consideración ao grave risco que significaba a expansión da OTAN para a súa paz, a da rexión e do mundo, Rusia viuse obrigada a iniciar unha OME en territorio ucraíno. Máis aló do desenvolvemento do conflito na súa dimensión local e rexional débese considerar o impacto que está a ter a nivel global. O 21 de marzo do ano 2023 durante unha visita a Moscova e no momento en que se despedía do seu colega ruso, Xi Jinping díxolle a este: "Están a ocorrer cousas que hai 100 anos non pasaban" e referíndose aos seus países, rematou "...e nós somos os protagonistas". Nesa frase formúlase o que está a ocorrer: cambios nunca antes vistos en máis dun século.

 Isto é transcendental en momentos en que os EUA acentúan a súa crise hexemónica, materializada nun perceptíbel enfraquecemento dun dos seus alicerces: o dólar, parte vital da súa diplomacia de forza centrada no unilateralismo agresivo. O outro instrumento de dominio, no que aínda conserva relevante capacidade e gran distancia respecto dos seus adversarios é no ámbito, cultural e mediático.

 Mentres medran os acordos comerciais bilaterais para usar moedas nacionais (A India, Irán, Dubai, Malaisia, Paquistán, Arabia Saudita, Sri Lanka, entre outros), Rusia e China crearon o seu propio sistema de pagamentos; tamén se afastan do dólar os BRICS, que planean unha moeda fiduciaria común; Brasil e China acordaron comerciar coas súas moedas, así mesmo, unha serie de países africanos pretenden negociar con respaldo en títulos sobre terras raras ou metais. Aínda que no curto prazo non se albisca unha masiva saída do dólar, este é un camiño inexorábel máis aló do tempo que demore en ocorrer. O abusivo refacho de sancións que xa traspasou a tolerancia e afectou unha trintena de rexións e nacións con impacto socioeconómico devastador acelerou tal proceso. A forma en que os EUA abusan da súa preponderancia monetaria é parte dunha arriscada diplomacia de forza.

 Segundo o xornal chinés Global Times nun artigo co suxestivo nome de «A desdolarización é inevitábel», o devalar da hexemonía adoita comezar coa súa moeda. Hai 10 anos, o 80 por cento do comercio entre China e Rusia realizábase en dólares, mentres que hoxe o 90 por cento é en iuans e rublos.

 A Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN, polas súas siglas en inglés), nunha recente reunión, contemplou o abandono do dólar e outras moedas. O grupo BRICS está a avanzar cara á creación dunha nova moeda que poida substituír o dólar estadounidense, empezando polo uso das súas moedas locais. Como se dixo antes, China e Brasil tomaron a decisión de realizar o comercio mutuo en iuans abandonando o dólar mentres anuncian que se vai ampliar a oferta de alimentos, minerais e bens de alto valor engadido. O comercio entre China e Brasil alcanzou unha cifra récord equivalente a 150.000 millóns de dólares (unha cifra que non se pode desdeñar) e que está a deixar de comercializarse nesa moeda para pasar ao iuan.

 O espazo estratéxico global está a deixar de ser o Atlántico en favor de Eurasia. Zbigniew Brzezinski advertiu que "o máis perigoso escenario (para o status dos EUA como poder global) sería unha gran coalición de China, Rusia e quizais Irán [...] unha coalición antihexemónica".

 A reconciliación entre Arabia Saudita e Irán grazas aos bos oficios de China abre esa zona do planeta a unha era de paz nunha rexión que é a maior compradora de armas do mundo co cal se debilita económica, financeira e politicamente os EUA.

 Pola súa banda, Europa e outros aliados chave dos EUA están a buscar saír do "oco" en que se meteron. Francia busca investimentos en China, o Estado español bate récords de compra de petróleo ruso, Alemaña renovou o seguro do Nord Stream, Xapón deulle as costas a Washington para comprar petróleo ruso a prezo de mercado, Arabia Saudita preferiu chegar a un acordo con Rusia e a OPEP que seguir os ditados de Washington de aumentar a oferta. O presidente de Francia, Emmanuel Macron, recomendou a Europa deseñar un proxecto de "autonomía estratéxica" para non depender "doutros en temas críticos, porque o día que quedemos sen marxe de manobra en cuestións como a enerxía, a defensa, as redes sociais ou a intelixencia artificial, o día que quedemos sen a estrutura necesaria sobre eses temas, quedaremos apartados do ritmo da historia". Iso xa está a ocorrer.

 Doutra banda en África, en tempos recentes o Chad expulsou o embaixador de Alemaña, Jan-Christian Gordon acusándoo de "interferir na política interior do país" e facer "comentarios despectivos e tendenciosos que poden afectar a cohesión social". O presidente dese país Idriss Déby criticouno por ter unha "actitude descortés" e unha "falta de respecto en prácticas diplomáticas".

 O presidente de Namibia, Hage Geingob, (xa finado) detivo tallantemente o embaixador alemán Herbert Beck que se queixaba de que houbese máis chineses que alemáns nese país. O presidente de Ghana, Nana Akufo-Addo, dixo que "os EUA están obsesionados coas actividades de China en África". Pola súa banda, o presidente de Kenia, William Ruto, recomendou á súa poboación desfacerse do dólar. Así mesmo, o presidente de Ruanda, Paul Kagame, rexeitou a actitude aleccionadora da BBC, e lembroulle que foron gobernos europeos os que cambiaron as fronteiras de África ao seu antollo xerando conflitos territoriais que non había, espallando odio entre pobos africanos que derivaron nas guerras actuais.

 O presidente de Uganda, Yoweri Museveni, sinalou que os políticos europeos eran "insufríbeis" e que "pensan que o saben todo, pero están errados ao exhibir a súa ignorancia alá a onde van". O Goberno de Burkina Faso anulou un acordo de axuda militar con Francia que levaba 62 anos de vixencia e ordenou que retirase as tropas. Malí declarou persoa 'non grata' o xefe dos Dereitos Humanos de Nacións Unidas, ao mesmo tempo que obrigou a Francia a retirar o seu continxente militar do país, onde se atopaban participando de operativos militares antiterroristas sen completalos.

 O presidente da República Democrática do Congo, Felix Tshisekedi, díxolle ao seu homólogo francés, Emmanuel Macron: "Miren para nós doutra maneira, respectándonos, considerándonos como verdadeiros socios e non sempre cunha ollada paternalista, coa idea de saber sempre o que nos fai falta". En Gabón, Macron viuse obrigado a anunciar que "a era da ´Francáfrica` terminou", lamentando que aínda se vexa o seu país como inxerencista nos asuntos internos das nacións africanas.

 Quen o ía pensar hai só algúns anos? O mundo está a cambiar e todo se acelerou grazas á OME de Rusia en Ucraína?

 No fondo, o que está en crise son os intereses superiores do capitalismo global que observa impávido a perda do seu poder omnímodo. Ucraína é só un instrumento desprezábel para Occidente na procura de lograr o seu obxectivo primordial que é salvar o capitalismo no momento do seu maior e crecente debilidade. O que está visto é que, ao longo da historia, aos EUA nunca -cando se trata de preservar o seu sistema- lles importou sacrificar millóns de vidas, incluíndo a dos cidadáns estadounidenses humildes que son os que conforman o seu exército. A súas 800 bases militares en todo o mundo e os seus 11 portavións son o instrumento máis importante con que contan os EUA para "resolver" os problemas que produce o dereito internacional.

 Durante os cinco últimos séculos, é dicir, desde que se iniciou a globalización hexemonizada por Occidente, o poder mundial asentábase sobre o control dos mares. Iso comezou a cambiar xerando unha transformación paradigmática na que os EUA están a quedar fóra. A creación dun gran espazo euroasiático en territorio terrestre a partir da alianza entre Rusia e China, estabelece parámetros novos na estructuración do poder mundial. Hai que ter en conta que foron pensadores occidentais como o inglés Halford Mackinder e o estadounidense de orixe neerlandés Nicholas Spykman os que fomularon que o control do Asia Central, como "corazón continental" ou "área pivote", conduciría ao control do mundo.

 En anos recentes, a alianza ruso-chinesa chegou ao summum da súa fortaleza tras a declaración conxunta do 4 de febreiro de 2022 asinada polos presidentes de ambos os países en Beijing, que na práctica manifesta a decisión de dar os primeiros pasos para a creación dunha nova orde mundial. Tras a derrota e fuxida de Afganistán por parte dos EUA e a OTAN e despois do fracaso dos golpes de estado en Kirguizistán en xaneiro de 2020 e en Casaquistán en xaneiro de 2022, púxose de relevo a incapacidade dos EUA de dominaren ese territorio estratéxico do planeta, máis aló do seu éxito no derrocamento do primeiro ministro de Paquistán, Imran Khan en abril de 2022 nunha operación argallada por Washington e executada polos seus adláteres locais.

 A alianza euroasiática concretouse a través do funcionamento de varias organizacións. Unha delas, a Organización do Tratado de Seguridade Colectiva (OTSC), que amosou a súa eficacia, evitando o golpe de estado en Casaquistán. Outra instancia creada e que amosou a súa efectividade é a Organización de Cooperación de Shanghái (OCS), onde participan China, Rusia, Casaquistán, Kirguizistán e Taxiquistán como membros fundadores. Despois incorporáronse Usbequistán, A India, Paquistán e Irán co obxectivo de cooperar en materia política, económica e de seguridade. Bielorrusia, Mongolia e Afganistán esperan aprobación para o seu ingreso. Da mesma maneira a Unión Euroasiática conformada por cinco países constitúe a extensión exitosa de vínculos económicos e comerciais no máis amplo espazo terrestre do planeta.

 China, pola súa banda, promoveu e creou a maior alianza económica do mundo, a Asociación Económica Integral Rexional (RCEP polas súas siglas en inglés). Esta asociación está conformada polo 30 por cento da poboación mundial. Pero o ámbito de maior alcance na rexión e o mundo é a nova Ruta da Seda proxecto desenvolvido por China para o cal destinou até o deagora 900.000 millóns de dólares distribuídos entre 72 países, cunha poboación dun cinco mil millóns de habitantes ou sexa o 65 por cento da poboación mundial segundo apunta o xornalista belga Marc Vandepitte nun recente artigo.

 O gran perigo para os EUA e o seu sistema de predominio mundial é a incorporación de Europa e en particular de Alemaña a este sistema. Se iso ocorrese, caería irremediabelmente toda a estrutura hexemónica construída tras a segunda guerra mundial que ten na democracia representativa de corte occidental o seu sustento político, na Organización de Nacións Unidas, o seu instrumento de control global, na OTAN o soporte militar de presión, chantaxe e ameaza e o Sistema de Bretton Woods constituído a partir do control occidental do Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, como os alicerces para soster económica e financieramente a súa hexemonía global. A subordinación e control de Europa é fundamental para sustentar este modelo deseñado desde que se puxo en práctica o Plan Marshall tras o final da segunda guerra mundial.

 O obxectivo fundamental da política estadounidense foi evitar que se producisen acordos de integración enerxética entre Rusia e Europa que poderían selar unha alianza estratéxica mutuamente beneficiosa para ambas as partes que, por riba, enlazaría a Europa con China deixando os EUA afastados da posibilidade de seguir mantendo a supremacía enerxética en Europa, que xunto á OTAN configuran a garantía do control do Vello Continente por parte dos Estados Unidos.

  1. A invasión de Israel a Gaza

 Aínda que é un feito moi recente, que impide sistematizar de forma acabada as repercusións que poida ter no sistema internacional, cómpre analizar os acontecementos en Asia Occidental como un acontecemento que dá continuidade aos dous anteriores e como expresión da dinámica transformadora no planeta, Polo momento, cuestionouse ao eixo sionista-imperialista desde o punto de vista político, militar, diplomático e até xurídico. Algo tamén impensábel hai só uns meses.

 As novas coalicións e alianzas que se están producindo entre países árabes e musulmáns de tres continentes e a procura destes por abriren un espazo máis aló da rexión a través de acordos con outras instancias como a Organización de Cooperación de Shanghái, a Ruta da Seda, o Corredor Norte-Sur e sobre todo os BRICS son expresión dunha realidade nova, sobre todo cando se está falando da rexión que ocupa o primeiro lugar mundial en produción de enerxía... e na compra de armas.

 A proximidade cada vez maior destes países con Rusia e China e o papel máis relevante que estas dúas potencias están a desempeñar como articuladores de procesos de negociación, e procura de acordos en favor da paz e a distensión, xeran un novo momento no planeta.

 O eixo desta situación foi o inicio da operación "Diluvio de Al Aqsa" polas forzas políticas e militares palestinas e o seu soporte por parte do eixo da resistencia a través de variadas manifestacións concretas de solidariedade e apoio, sobre todo do Iemen, Irán, o Líbano, Siria e Iraq, así como da maioría dos pobos árabes e musulmáns, normalmente en aberta contradición cos seus gobernos.

 Un gran influxo para que iso ocorrese tivo o acordo saudita-iraniano para o restabelecemento das relacións diplomáticas, creando unha situación moito máis vantaxosa na rexión para a loita do pobo palestino, illando os EUA e o ente sionista.

 A xeito de conclusión, poderíase sinalar que, vista a situación na perspectiva exposta, é posíbel afirmar que se está avanzando cara a un sistema internacional inédito, endexamais antes explicado e impensábel mesmo no pasado máis recente. Nun artigo no xornal La Jornada, de México, o laureado economista estadounidense Joseph Stiglitz opina que: "Semella que os EUA iniciaron unha nova guerra fría".

 Pero a diferenza da do século pasado, no que o elemento ideolóxico era o motor das relacións internacionais, Stiglitz afirma que ante a hipocrisía estadounidense que sustenta os seus puntos de vista nunha suposta defensa da democracia, a de agora "...fai pensar que, polo menos en parte, o que está en xogo aquí é a hexemonía global máis que unha cuestión de valores".

 A chea de acontecementos internacionais de diferentes características durante os últimos meses, dan conta da intensidade coa que se están movendo os principais protagonistas no escenario internacional e o vórtice de xestións nas que ven envoltos. É necesario tomar cartas no asunto neste mundo tan caótico e en plena efervescencia na que o imperio aumenta a súa agresividade mentres se debate nunha crise multisectorial da que -segundo ven- só poden saír a través da guerra e un conflito permanente que lles asegure incrementar os seus ingresos pola vía da súa principal industria: a da produción e venda de armas.

 Así, chegamos a esta situación orixinal e estraña enmarcada na posibilidade desa nova guerra fría da que fala Stiglitz. O novo é que a bipolaridade se manifesta de maneira diferente. Por unha banda o polo occidental autodenominado "comunidade internacional" configurado polo 11 por cento da poboación do planeta e arredor de 54 países do norte global, que funciona cara ao interior en termos unipolares co EUA actuando de forma hexemónica e tendo a Europa, Canadá, Australia, Nova Zelandia e Xapón como subordinados obedientes, mesmo en prexuízo dos seus propios cidadáns.

 O outro polo, configurado pola gran maioría da humanidade, propúxose construír un gran ambiente multipolar no que poidan participar varios centros de poder mundial nun espazo de cooperación e axuda que xa se puxo de manifesto no combate á pandemia.

 Neste ámbito de confrontacións e definicións, plásmase a validez e persistencia dun dereito internacional construído tras séculos de procura da paz no planeta versus a proposta estadounidense de estabelecer "un sistema internacional baseado en regras" como forma de imposición unilateral da súa lóxica imperial. Neste punto xa non se sabe cal será o papel da ONU no futuro. Se segue existindo, haberá que definir, en que condicións o vai facer, cando observamos que a OTAN se apoderou da principal organización multilateral do planeta.

 

[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 11 de marzo de 2024]