“En pleno sXXI ás mulleres prívasenos dun dereito fundamental: decidir sobre os nosos corpos, a sexualidade, e a maternidade"

28 de Maio, Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres
A Coruña - 27 Mai 2016
Desde a Secretaría das Mulleres da CIG e a Federación de Saúde denúnciase que en pleno século XXI ás mulleres prívaselles dun dereito fundamental, que é o de decidir sobre os seus corpos, a súa sexualidade, e a súa maternidade. O mero feito de primar a decisión allea, ben sexa o estado, a igrexa, os tribunais, a parella, o pai ou a nai, o persoal médico; é un feito que amosa por si propio que ás mulleres se lles exclúe do dereito que como cidadás teñen: dereitos humanos universais que son o dereito da sexualidade, a reprodución e do corpo.

A decisión de proclamar o “28 de Maio, como Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres” adoptouse na xuntanza de integrantes da Rede Mundial de Mulleres polos Dereitos Sexuais e Reprodutivos realizada ao rematar o V Encontro Internacional sobre saúde das mulleres, en Costa Rica en maio de 1987.

Dende entón, conmemórase en todo o mundo esta data, co propósito de reafirmar o dereito á saúde como un dereito humano das mulleres ao que deben ter acceso sen restricións nin exclusións de ningún tipo e durante todo o seu ciclo vital.

As mulleres da CIG esiximos o noso dereito a tomar decisións autónomas e informadas, a acceder aos medios e métodos que aseguren a nosa saúde sexual e reprodutiva. É a nós a quen nos compete elixir a nosa orientación e actividade sexual, sobre o número de fillas e fillos a ter e o seu intervalo. E temos dereito a non sufrir violencia ni tratos inhumanos ou degradantes no ámbito sexual e reprodutivo.

Denunciamos un sistema patriarcal que segue empeñado en relegar ao espazo privado a sexualidade e a reprodución, e a imposibilitar unha educación sexual temperá, ausente de roles de xénero e de estereotipos moralistas, sempre dirixida á heterosexualidade, ás persoas que manteñen relacións estábeis, sen ter en conta a diversidade. Cando debería inculcar durante os anos formativos unha conduta sexual responsábel, sensibilidade e equidade nas relacións entre os sexos.

Recorte dos dereitos

O marco xurídico e político a nivel internacional recoñece que os dereitos sexuais e reprodutivos son dereitos humanos que os poderes públicos teñen a obriga de recoñecer, promover e garantir, tal e como recolle a Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, a cal ademais  introduciu un cambio fundamental para as mulleres, ao ficar a  interrupción voluntaria do embarazo fóra do Código Penal.

O goberno do Partido Popular segue coa súa teima de coartar os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. En Galiza boicoteou a posta en marcha da Lei, reforzando a entidades antiabortistas e ultradereitistas mentres acometeu un recorte sen precedentes en materia de igualdade e servizos públicos e de atención ás mulleres.

A nivel de estado intentou sacar adiante un novo marco legal encamiñado a  criminalizar o aborto e que, logo das presións do movemento feminista, fixo que ficara na reforma que afecta ao acceso das mozas de 16 e 17 anos, obrigándoas a dispoñer do consentimento das ou dos proxenitores.

Este tipo de iniciativas, xunto con outras postas en marcha pola dereita, reducindo o acceso a métodos anticonceptivos e a servizos de educación e saúde sexual e reprodutiva, dificultando o acceso á interrupción voluntaria do embarazo, derivando ás mulleres a centros privados madrileños (e recortando  as axudas de desprazamento á metade) por mor da obxección de conciencia, o que fan na práctica é primar o dereito a decidir do estado, da igrexa, do persoal médico ao da propia muller embarazada, supoñendo un ataque frontal á saúde sexual e reprodutiva das mulleres, e sobre o seu dereito a tomar decisións libres e autónomas sobre ás súas vidas e corpos.

Ademais, tamén denunciamos que, do mesmo xeito que as discriminacións por razón de xénero se poden atopar en todos os ámbitos da vida, tamén na atención sanitaria e, polo tanto, na saúde, se poden constatar importantes diferenzas cando o suxeito é unha muller.

E desde os gobernos do Partido Popular, lonxe de planificar e executar medidas que vaian no camiño de eliminar eses sesgos, afóndase nas discriminacións con medidas que perpetúan a idea da muller como coidadora exclusiva, sen que se teñan en conta as súas características intrínsecas á hora de planificar ou programar a atención sanitaria, xa sexa na prevención ou promoción da saúde, como na propia diagnose e tratamento.

Reivindicacións da CIG

Ante unha nova conmemoración do 28 de maio, Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres  a Secretaría das Mulleres da CIG e a CIG-Saúde demandan da Xunta de Galiza:

- Que se realicen os estudos e análises necesarias para detectar os sesgos que afectan á atención sanitaria das mulleres na Galiza e se implanten os programas necesarios para rematar con eles, ou, cando menos, minimizalos.

- Que poña en marcha as medidas que sexan precisas para garantir que en toda a rede pública sanitaria galega se realicen interrupcións voluntarias do embarazo, eliminando as barreiras legais e prácticas que garantan un aborto seguro, integral, de balde e de calidade, sen requisitos de consentimento marital ou parental.

- Que a información que reciban as mulleres previa á manifestación do seu consentimento non proveña dunha entidade antiabortista como Red Madre, senón dos propios servizos de saúde

- Que se humanice, dote de medios e garante un parto respectado na rede pública galega de saúde.  Naqueles casos nos que xurda unha problemática que supoña un risco para a saúde da muller e/ou do feto, que se  respecte a autonomía profesional do persoal facultativo á hora de programar ou realizar unha cesárea, suprimíndose as presións administrativas por causa do gasto que supón a intervención en comparación co parto natural.

- Rematar coa obxección de  conciencia na Sanidade Pública.

-  Restablecer as revisións xinecolóxicas rutinarias, máis aló das realizadas ás doentes que son diagnosticadas dunha patoloxía, onde se inclúa a maiores da citoloxía, exploración mamaria, exploración xinecolóxica e máis ecografía vaxinal.

- A educación sexual e reprodutiva debe  formar parte do currículo académico desde o ensino medio.

- Realizar periodicamente campañas formativas e informativas sobre métodos anticonceptivos nos centros de ensino superior e universitario e sobre as enfermidades de Transmisión Sexual.

- Que poña fin ao desmantelamento dos COF (Centros de Orientación Familiar) de Galiza, mantendo os centros, reforzando o seu persoal, xunto co desenvolvemento do Programa de Saúde da Muller en Galiza.