En loita pola defensa dos empregos e a continuidade en Alcoa

- 18 Out 2018

Os/as traballadores/as de Alcoa están en pé de guerra polo futuro dos seus empregos e a continuidade da fábrica da Coruña. Esta mañá, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e a sección sindical da CIG en Ferroatlántica estiveron apoiando os compañeiros e compañeiras de Alcoa na súa loita en defensa do empregos. A central sindical anima a participar na manifestación convocada polo comité para este sábado día 20, ás 11 horas con saída dende a Praza da Palloza.

O anuncio da multinacional do aluminio supón un novo golpe ao sector industrial da comarca, en proceso de desmantelamento dende hai anos. Fica claro que precisamos dunha Tarifa Eléctrica propia para asegurar o noso tecido produtivo e o noso desenvolvemento económico. Galiza produce, exporta enerxía e asume os custes sociais e ambientais desa actividade; por iso temos dereito a ter unha electricidade máis barata para a nosa industria e para os nosos fogares.