Emprego Público sementa o caos nos procesos de elección de destino do persoal de limpeza e cociña

A CIG-Administración Autonómica pide a dimisión inmediata da Directora Xeral de Emprego Público e a paralización do proceso até que o persoal conte con garantías
Nacional - 07 Out 2026

O persoal da especialidade de limpeza e cociña leva anos agardando para poder acceder a unha praza fixa. A CIG-Administración Autonómica denuncia que co “caos” no proceso de elección de destino, “parece que o seu via crucis non remata nunca”. Por iso reclaman a dimisión da Directora Xeral de Emprego Público e a paralización deste proceso para que o persoal conte con garantías.

Segundo explica a CIG-Autonómica, “cando xa parecía que todo ía ben, chega Emprego Público e convoca un proceso de elección de postos para este persoal que é un absoluto caos”. Nese sentido, apuntan listados nos que aparecen postos repetidos até catro veces e onde faltan unha chea de postos vacantes ou listados coa orde de postos alterada respecto ao documento do día anterior.

Denuncian que isto está provocando que Emprego Público teña que contactar coas persoas que xa escolleron para que volvan facelo e as que xa tiñan a súa escolla ordenada teñan que facela de novo porque non coinciden os datos.

“Parece que Emprego Público esqueceu que estas persoas nalgúns casos teñen que escoller máis de 800 postos e que todos estes cambios poden facer que teñan unha inseguridade constante no seu acceso a un emprego público fixo”,  advirten.

Por iso, exixen á Directora Xeral de Emprego Público que paralice “todo este despropósito de xeito inmediato” e permita que o persoal da especialidade de limpeza e cociña poida acceder a un emprego público coas garantías que se merecen.

Lamentan que este proceso viñera confirmar “a obsesión da Directora por facer listados de postos mínimos para os procesos de elección de destino, no canto de ofertar todas as prazas dispoñibles e así logo perpetuar o sistema das comisións de servizo a dedo”.

Por iso, entenden que “debería ser consecuente  e dimitir xa. Non se pode estar á fronte da Función Pública galega e actuar deste xeito. Os empregados públicos galegos non poden sufrir máis as consecuencias da deriva desta Dirección Xeral”.