Empregados/as do novo hospital vigués e delegados/as da CIG rexeitan cunha protesta a precariedade laboral no centro

Durante a mobilización reclamouse tamén o rescate público da infraestrutura e un servizo universal, gratuíto e de calidade
Vigo - 27 Abr 2016
Varios centos de delegados/as sindicais da CIG e de traballadores/as do novo hospital de Vigo participaron hoxe na mobilización convocada no Álvaro Cunqueiro para rexeitar a precariedade laboral e reclamar o rescate público da infraestrutura e un servizo universal, gratuíto e de calidade. Ao remate da protesta, o secretario comarcal, Alberto Gonçalves, denunciou que a situación que padece o centro é consecuencia do modelo privatizador do PP “e incide na calidade asistencial, ademais de comprometer a saúde ao atinxir a aspectos tan importante como a limpeza ou a limentación”.

(Galería de imaxes)

A mobilización convocada pola Unión Comarcal da CIG de Vigo comezou na entrada das consultas externas ás 10.00 horas, onde os varios centos de participantes se concentraron detrás dunha pancarta co lema “Contra a precariedade do emprego. En defensa da sanidade pública. Entre eles/as, delegados/as sindicais da CIG de distintos sectores e un numeroso grupo de traballadores/as tanto do ámbito sanitario como das contratas de mantemento, limpeza e cociña, que nalgúns casos portaban faixas denunciando a súa problemática laboral.

A mobilización, na que se berraron consignas como “A solución, rescatar a concesión”, “Quen recorta e privatiza ten as contas en Suíza”, “Sanidade pública e de calidade” ou “A privatización é corrupción”, incluíu un pequeño percorrido tanto polo exterior como polo interior do edificio. Ao seu remate tomou a palabra o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, que incidiu en que o Álvaro Cunqueiro é a demostración máis clara das graves consecuencias que ten o modelo privatizador que o PP impón nos servizos públicos.

“Este modelo provoca a falta de persoal en todas as áreas do centro médico, tanto no ámbito sanitario como nos servizos de limpeza, cociña e mantemento, o que ten un impacto directo na calidade asistencial que reciben os doentes, que padecen comida intragábel ou falta de limpeza axeitada por mor das condicións impostas polo Sergas e a concesionaria”, indicou. E todo isto -lembrou o responsábel sindical- a pesar de estar a recibir importantes beneficios económicos grazas ao aparcadoiro privado “co que nos impoñen un novo imposto á enfermidade”.

Ao mesmo tempo, denunciou que esta situación incide na calidade asistencial e compromete a saúde ao atinxir a aspectos tan importantes como a limpeza ou a alimentación. “Por iso reivindicamos un servizo público, universal, gratuíto e de calidade, algo que é incompatíbel coa escaseza de persoal e coas condicións laborais impostas aos traballadores/as deste hospital”. Diante disto, reclamou o rescate público do centro e chamou a participar na manifestación convocada pola CIG o 1º de Maio e na promovida pola Xunta de Persoal do Chuvi e a plataforma SOS Sanidade Pública o vindeiro día 12.