Eleccións en EEUU: votación indirecta, candidatos, resultados de febreiro e sumas millonarias

Silvina Romano e Gis -

Sobre as primarias e caucus de febreiro pode dicirse que: non se esperaba o triunfo de Trump nin sequera entre os Republicanos, en caso de ser o candidato final, pode xerar un cisma no partido; Clinton e Sanders estaban case “empatados” ata a votación de Carolina do Sur, onde os votantes negros mostraron a súa inclinación cara a Hillary

I- Algúns datos básicos do sistema electoral

 En EEUU, o Presidente e Vicepresidente non se definen por voto directo senón a través dun Colexio Electoral. Os votantes elixen compromisarios en cada Estado que logo son os que elixen o Presidente e Vice. O Colexio Electoral está composto por 538 electores. A cantidade de electores equivale ao número de lexisladores no Congreso: 435 na Cámara de Representantes, 100 no Senado e tres polo Distrito de Columbia. Cada Estado ten un elector por cada representante e senador. A eles súmanse 3 representantes no Colexio Electoral por Washington DC, que non se considera un Estado e tampouco ten representantes no Congreso.

 Actualmente, estanse desenvolvendo as primarias e os caucus, procesos que definen o candidato que representará a cada partido na elección presidencial. As primarias serían unha elección directa por parte de todos aqueles cidadáns que se rexistren nun partido para elixir o candidato que prefiran. A maioría de Estados de EEUU utiliza este sistema. Os caucus son reunións organizadas polos partidos nas que os afiliados se axuntan nun lugar e hora determinados para debater sobre os diferentes candidatos con carácter asembleario. A votación realízase a man alzada ou separándose en diferentes grupos para contar os apoios a cada candidato. Isto practícase en Iowa, Alaska, Colorado, Hawaii, Kansas, Maine, Minnesota, Nevada, Dakota do Norte e Wyoming.

 O candidato que obteña maioría absoluta dos votos será o vencedor no Estado e adxudicarase a cantidade de votos totais dese Estado. O apoio electoral tradúcese en delegados que representarán o candidato na Convención Nacional de cada partido, onde se define oficialmente o candidato presidencial Demócrata e Republicano. Nas convencións nacionais participan, ademais dos delegados electos mediante primarias ou caucus, os “superdelegados”, cargo que cada partido define de xeito diferente pero que en xeral supón a inclusión con dereito a voto na Convención de expresidentes ou figuras importantes con traxectoria no partido. En 2016, a Convención Nacional do Partido Demócrata contará con 4.764 delegados, mentres que a do Partido Republicano con 2.474. A convención dos Demócratas será en Filadelfia o 25 de xullo e a dos Republicanos en Cleveland o 21 de xullo.

 Unha vez definidos os candidatos presidenciais de cada partido, os cidadáns concorrerán ás urnas para elixir os membros do Colexio Electoral o martes 8 de novembro. Para completar o proceso electoral, o terceiro luns de decembro reuniranse na capital dos seus respectivos Estados todos os compromisarios electos durante a xornada electoral para emitir os seus votos para elixir o próximo presidente. Estes votos son enviados a Washington onde ten lugar a suma de todos os votos electorais de todos os Estados nunha sesión conxunta da Cámara de Representantes e o Senado. Se ningún dos candidatos obtén a metade máis un dos votos (270), a elección do Presidente e Vicepresidente quedará a cargo da Cámara de Representantes que deberá elixir entre os tres candidatos máis votados nunha nova votación con carácter secreto na que se asigna un só voto a cada Estado.

II- Candidatos republicanos[1]:

 Fixeron campaña polo menos 12 candidatos, dos cales quedaron cinco, sendo os tres seguintes os que lograron maior cantidade de delegados:

 Donald Trump: 69 anos. Empresario multimillonario que fixo a súa fortuna no sector inmobiliario e na televisión. Fundador e Presidente de Trump Organization e Trump Entertainment Resorts. Eslogan: Make America Great Again! (Fagamos a América grande de novo!). Fronte ao terrorismo, fala de prohibir a entrada dos musulmáns a Estados Unidos. Afirma que “destruirá” o grupo xihadista Estado Islámico e “collerá o petróleo”. Son coñecidas as súas declaracións xenófobas e discriminatorias contra os migrantes.

 Marco Rubio: 45 anos. Senador por Florida, de raíces cubanas que patrocinou unha lei errada de inmigración no Congreso. Preséntase como líder dunha nova xeración. Eslogan: A new American Century (O novo século americano).

 Ted Cruz: 45 anos. Senador por Texas. Traballou na Corte Suprema na cal criticou os xuíces, e agora vai en busca das ramas evanxelistas e socialconservadoras do Partido. Eslogan: Courageous Conservatives - Reigniting the Promose of America (Conservadores Valentes- Reavivando a promesa de Estados Unidos). Estandarte da ultraconservadora facción Tea Party e a dereita relixiosa. Unha declaración: “Todo o mundo sabe que os valores en Nova York son progresistas, defenden o matrimonio gay e céntranse no diñeiro e os medios”. En 2014 atacou con virulencia a Obama pola tentativa, ao seu xuízo unha “amnistía ilegal”, de protexer a millóns de inmigrantes da deportación.

 III- Candidatos Demócratas eran tres e xa quedaron dous: Bernie Sanders e Hillary Clinton.

 Hillary Clinton: 68 anos. Esposa do ex presidente Bill Clinton. Ex senadora por Nova York, Ex Secretaria de Estado de EEUU. Eslogan de campaña: Hillary for America (Hillary por América). Durante o seu último ano como Secretaria de Estado, o Center for Responsive Politics calculou o seu patrimonio en 15.3 millóns de dólares. Wall Street está con Hillary: as grandes firmas financeiras foron 5 dos 10 maiores sponsors durante a súa campaña en 2008[2].

 Bernie Sanders: 74 anos. Nacido en Brooklyn, foi alcalde, congresista e senador por Vermont. Defínese a si mesmo como un “socialista democrático”. Eslogan: A Political Revolution is Coming (Vén a Revolución). Desde o 2009, o senador Sanders reuniu case 7.6 millóns de dólares para o seu comité de campaña. A maior parte (máis do 60%) proviña de xente que doou 200 dólares ou menos. O patrimonio de Sanders é de 330,507 dólares, sendo un dos senadores máis pobres de Estados Unidos, segundo o Center for Responsive Politics[3].

 Os temas de campaña destacados: a migración, o control de armas, o cambio climático, o sistema de saúde, a pena de morte, o aborto, os refuxiados sirios e os impostos.

Algúns números: o custo da campaña e os doadores.

 Entre os 24 candidatos a presidente (que comezaron campaña e logo se foron retirando), as campañas e os grupos aliados recadaron polo menos 929 millóns de dólares e gastaron polo menos 172 millóns para apoiar os seus candidatos.

 Os Demócratas reuniron as seguintes sumas: Hillary 130 millóns de dólares; Sanders 96.3 millóns de dólares. Os Republicanos: Ted Cruz 102 millóns de dólares; Rubio 86.6 millóns de dólares; Donald Trump 27.3 millóns de dólares.

[...]

 Sobre as primarias e caucus de febreiro pode dicirse que: non se esperaba o triunfo de Trump nin sequera entre os Republicanos, en caso de ser o candidato final, pode xerar un cisma no partido; Clinton e Sanders estaban case “empatados” ata a votación de Carolina do Sur, onde os votantes negros mostraron a súa inclinación cara a Hillary.

 O 1 de marzo realízanse primarias en varios Estados chave[4] e isto sen dúbida irá definindo con máis clareza os candidatos finais. O supermartes é o día máis importante do proceso de primarias iniciado o 1 de febreiro e que se estenderá até o 14 de xuño.

___________________________________________________________________

[1] http://www.passim.eu/guia-para-seguir-las-primarias-presidenciales-eeuu-...

[2] http://www.publicintegrity.org/2015/04/12/17107/12-things-know-about-hil...

[3] http://www.publicintegrity.org/2015/04/30/17261/12-things-know-about-ber...

[4] Inclúe eleccións en Alabama, Alaska, Arkansas, Colorado, Xeorxia, Massachusetts, Minesota, Dakota do Norte, Oklahoma, Tenessee, Texas, Vermont, Virxinia e Wyoming.

___________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Celag’, do 1 de marzo de 2016]

Volver