Educación vulnera os dereitos lingüísticos do persoal dos centros educativos

Remitiu unha enquisa de riscos psicosociais exclusivamente en castelán malia a CIG-Ensino demandarlla na nosa lingua
Nacional - 02 Mai 2024

A Consellaría de Educación, a través dunha empresa privada coa que externalizou o  traballo, vén de remitir un inquérito a todo o persoal, docente e non docente, dos centros educativos públicos do país. Esa consulta ten como obxectivo analizar os posíbeis factores de riscos psicosociais de quen traballa no sistema educativo en centros dependentes da Consellaría de Educación e foi anunciada aos sindicatos con representación no Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral, instando a que lle deran difusión e animando ao persoal a cumprimentala.

A CIG contactou co Servizo de Prevención, en canto tivo coñecemento do correo remitido pola Consellaría, para indicarlle que o asunto do correo que se indicaba que se ía recibir non estaba en galego e, sendo unha empresa allea á administración (ASPY PREVENCIÓN), debería ser a propia administración a que velase polo cumprimento da lei e se remitise, cando menos, no noso idioma.

Unha vez que recibido o correo remitido pola empresa adxudicataria a CIG-Ensino comprobou que todo estaba unicamente en castelán, tanto o texto onde se explica o obxectivo do traballo, como todos os ítems da enquisa.

A base do traballo sobre o que se fundamenta esta enquisa está confeccionada a partir dunha ferramenta gratuíta realizada a nivel estatal polo Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) e desde a última actualización da plataforma dixital admite todas as linguas oficiais.

A partir desa plataforma, a Consellaría (e neste caso a empresa contratada) debe implementar o cuestionario específico relativo á actividade profesional que se quere avaliar (neste caso os riscos psicosociais do profesorado e do persoal non docente dos centros educativos públicos). Sexa por desidia da Consellaría de Educación á hora de indicar expresamente no prego de contratación ou polo que sexa, o certo é que a conclusión non é outra que unha nova relegación do valor da nosa lingua e de vulneración dos nosos dereitos lingüísticos, ao non poder acceder ao cuestionario no idioma propio do país.

A CIG-Ensino exixe que se tomen as medidas necesarias para preservar os nosos dereitos e que se paralice o estudo mentres non se poida remitir a todo o persoal afectado no noso idioma. “Desde o sindicato, considerando como importante ese traballo, non podemos permitir que se prescinda da obriga de cumprir coa Lei de normalización lingüística e que a propia Xunta tome cartas no asunto para garantir que o galego estea en pé de igualdade”, explica.

Chove sobre mollado no desprezo á nosa lingua

No ámbito da prevención de riscos non é a primeira vez que a CIG ten que saír a denunciar a desidia da administración na defensa e uso do galego na comunicación cos empregados e empregadas públicas, especialmente cando esa comunicación se fai mediante unha empresa privada concertada pola Xunta.

Así aconteceu con todo o relacionado coa revisión da nosa saúde. Logo de conseguir a CIG mediante sentenzas do TSXG e do T. Supremo que a Xunta faga revisións médicas anuais ao profesorado, a empresa que se encargou deste cometido non o facía no noso idioma, o que foi denunciado pola CIG, coa conseguinte rectificación da Consellaría e adaptación por parte da empresa prestataria (CUALTIS). Iso mesmo é o que demandamos agora.

Prestixiar o noso idioma?

As primeiras declaracións públicas do novo conselleiro de Cultura, a quen se lle encomendan as cuestións de Lingua, foron para afirmar que se debe potenciar o uso do galego e prestixialo. “Decisións como a denunciada hoxe van exactamente no sentido contrario”, advirte a CIG-Ensino.

A maiores deste exemplo de desprestixio, o sinidcato tamén vén de saber que as probas de diagnóstico de Matemáticas realizadas en 4º de Primaria e en 2º da ESO estaban unicamente enunciadas en castelán, negando a presenza do galego nesas probas. “A Xunta non dá, por tanto, ningún paso para rematar coa vergoña de vetar o noso idioma en materias como as Matemáticas, a Tecnoloxía ou a Física e Química, senón que mesmo evita a súa presenza nos enunciados das probas”, afirma a CIG-Ensino, que denuncia esa decisión e reclama que non se volva producir en vindeiras ocasións.