Educación recolle, na Orde de Permisos e Licenzas negociada na Mesa Sectorial, varias das propostas da CIG-Ensino

A federación puxera como condición, para debater ese punto, a retirada da supresión do permiso de até 3 días para indisposicións e enfermidades leves

Compostela -

A consellaría de Educación aceptou, na Mesa Sectorial celebrada este martes, manter o permiso de até tres días para indisposicións e enfermidades leves, mediante xustificación documental. Unha demanda que a CIG-Ensino esixiu, para iniciar a negociación do proxecto de Orde. Xunto a isto, a consellaría recolleu tamén a proposta dun permiso de catro días para formación en horario lectivo e eliminou a referencia do horario de cómputo mensual na redución de xornada por fillo hospitalizado.

Alén disto, Educación comprometeuse a estudar a proposta da CIG-Ensino de efectivizar o dereito a acumular as horas de lactación por parte do profesorado substituto e asumiu a continuidade do contrato cando o titular goce do permiso por parto e, con posterioridade, despois dun período non lectivo goce do permiso de lactación (artigo 7). A Consellaría tamén aceptou a proposta de eliminar a obriga de ter que solicitar como mínimo dúas semanas continuadas de acumulación da lactación.

Eliminouse tamén, a petición da CIG, a referencia ao horario de cómputo mensual na redución de xornada por fillo hospitalizado e a referencia ao horario complementario no permiso por lactación. Elimina tamén a especificación “convocadas polo centro” ao recoller o permiso para asistir ás titorías no deber de carácter inescusábel e engade “consultas”.

A Consellaría aceptou a proposta presentada de que se inclúa para o profesorado o dereito a solicitar unha redución de xornada por interese particular, con redución de haberes (unha redución da metade da xornada). A Consellaría tamén aclarou, ante unha proposta da CIG-Ensino que a redución de xornada é proporcional a cada unha das súas partes.

Educación aceptou que os días adicionais de vacacións por antigüidade se non se poden gozar en xullo e agosto se poidan gozar mesmo en período lectivo e eliminouse a referencia a acumulación de permisos por falecemento, accidente ou enfermidade graves, hospitalización ou intervención cirúrxica dun familiar e a referencia a un tempo mínimo de hospitalización (artigo 3). Todas estas propostas presentadas pola CIG-Ensino.

Permisos por indisposición ou enfermidade leve até tres días con xustificación documental

A finais do primeiro trimestre, algúns inspectores pretenderon denegar o permiso de até  tres días por indisposición ou enfermidade xustificada documentalmente. Ante isto, a CIG-Ensino presentou un escrito na Consellaría de Educación o 11 de novembro e realizou unha concentración de delegados e delegadas ante a Consellaría o día 16 de decembro, para esixir o mantemento deste permiso.

Durante as vacacións de Nadal, a Consellaría envía un proxecto de Orde de permisos, licenzas e vacacións mediante o que pretendía eliminar este dereito. Ante iso, a CIG-Ensino posicionouse publicamente e manifestou que esixiría a retirada do proxecto.

O día da Mesa a CIG-Ensino convocou os seus delegados e delegadas nas inmediacións da Mesa Sectorial para reclamar o mantemento do permiso e a retirada da Orde, trasladándolle á Consellaría que se non atendía esta demanda non negociaría ese punto.

A CIG-Ensino esixiu o mantemento do permiso de até tres días por enfermidade leve coo recollía a anterior Orde e a modificación da redacción do punto relativo ás vacacións (para a CIG-Ensino non pode ser unha vía de redución dos dereitos do profesorado) para iniciar a negociación da orde, que necesariamente debería ser trasladada a outra data para realizarse con tempo suficiente. A Consellaría aceptou manter o permiso de até tres días e modificar a redacción das vacacións.

Proxecto de Orde pola que se regula o réxime de permisos, licenzas e vacacións do persoal docente

A CIG-Ensino considera que as vacacións non deberían estar recollidas nesta orde, e se se fala de vacacións, tamén se debería falar da xornada e do horario lectivo, que foi incrementado de maneira unilateral pola Consellaría, ou dos cometidos que nos foron impostos como a vixilancia do alumnado transportado.

En todo caso, unha vez que se trae para a súa negociación un novo proxecto de orde, deberían negociarse temas que son de grande importancia para o profesorado:

Ø  Redución horaria para maiores de 55 anos

Ø  Restitución do contrato de verán para o persoal substituto con máis de cinco meses traballados

Ø  Restitución da gratificación na xubilación anticipada,

Ø  Adaptación do posto de traballo por razóns de saúde laboral ou embarazo

Ø  Negociación e establecemento dun cadro de enfermidades profesionais

Ø  Incremento das horas de imprevistos considerando que se incrementou o horario lectivo

Ø  Establecemento dun crédito de 25 horas  ao ano para acceder a formación en horario lectivo.

Ø  Que as reducións horarias por lactación e hospitalización de fillos prematuros sexan sempre en horas lectivas.

Volver