Educación non cobre vacantes do profesorado desde o día 20 de febreiro

Na CIG denuncian que a Consellaría non chamará para substitucións até despois do Entroido
Nacional - 21 Feb 2017

A CIG-Ensino asegura que a data de 21 de febreiro, hai 35 prazas de profesorado sen cubrir e alerta de que seguirán aumentando “coa complicidade de Educación”, que xa anunciou que “non chamará para ningunha substitución até despois do Entroido guiada polo falso motivo do aforro económico”. Denuncia o “abandono da consellaría con respecto ao ensino público” e reclama a cobertura inmediata de todas as baixas.

Para a CIG-Ensino queda claro que a Consellaría segue a táctica de non cubrir as baixas cando se producen, deixando que o tempo xogue o seu favor e así, cando transcorreu unha semana, en baixas de poucos días, a baixa xa non se cobre. “Unha vez máis, comprobamos que a Consellaría se guía por criterios economicistas e deixa sen atender un número importante de alumnos e alumnas, o que repercute na organización interna dos centros”.

Diante desta situación, exixe a inmediata cobertura de todas as baixas e na vindeira mesa sectorial do día 2 de marzo solicitará unha explicación e demandará que non se volva repetir esta situación.