Educación destina 360.000€ para que o ensino privado contrate persoal do que carecen os centros públicos

A CIG denuncia que isto supón unha "discriminación inaceptábel"

Nacional -

A CIG-Ensino denuncia que mentres a Consellaría de Educación practica "un recorte sistemático, inxustificado e inaceptábel no ensino público", suprimindo centros, unidades e profesorado, mantén inalterada desde 2012 a partida económica destinada aos centros privados concertados para a atención do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Estas axudas, apuntan, supoñen unha discriminación inaceptábel, xa que permiten aos centros privados contratar -con cartos públicos- profesionais con perfís que non existen no ensino público.

Na orde publicada este mércores no DOG, destínanse 360.000 € para contratar persoal como logopedas, fisioterapeutas, axudante técnicos/as educativos/as, psicólogos/as, pedagogos/as, traballadores/as sociais, intérpretes de linguaxe de signos e coidadores/as, perfís, salvo este último que, "aínda sendo moi necesarios e reclamados pola CIG Ensino, non existen no ensino público".

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, insiste en que  mentres Educación retalla ano a ano no ensino público, curiosamente, "mantén inalterada desde 2012 esta partida económica que se incrementou naquel ano un 37% respecto do anterior. A nós gustaríanos, contar con estes perfís profesionais nos centros públicos”, recalca.

As axudas, tamén para mellorar instalacións

Estas axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo permítelles a estes centros, a máis da contratación de persoal, reparacións, mantemento e obras ou instalacións, así como a compra de material funxíbel e non funxíbel.

Estes cartos súmanse aos concertos que xa recollen de por si cantidades destinadas a estas necesidades especificas, permitindo a estes centros privados contar con servizos, modificar instalacións e contratar persoal que os centros públicos, nin sequera os de Educación Especial, poden prestar ou contratar. Estamos pois, remata Suso Bermello, "ante un caso flagrante de discriminación inaceptábel en favor do ensino concertado e un enésimo ataque do Partido Popular ao Ensino Público Galego".

Volver