Educación aproveita o concurso xeral de traslados do profesorado para amortizar prazas nos centros educativos

A CIG-Ensino demándalle á Consellaría que saian a concurso todas as vacantes

Compostela -

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación está a aproveitar o concurso xeral de traslados do profesorado para amortizar prazas nos centros educativos. A central exixe que saian a concurso todas as vacantes que neste momento está creadas, funcionando e non cubertas por profesorado definitivo, nomeadamente nas provincias da Coruña e Pontevedra. Entende que é o único xeito de estabilizar os cadros de persoal dos centros, facilitar o desenvolvemento de diferentes programas e mellorar a calidade do ensino.

A CIG-Ensino lembra que o curso pasado, a Consellaría, despois dun cúmulo de despropósitos, acordou non convocar o concurso xeral de traslados (CXT) para prazas de Galiza, impedindo así a mobilidade do profesorado dentro do país. Isto comporta que preto de 9.000 docentes participen no concurso convocado este ano.

O alto número de participantes e a ausencia de convocatoria de CXT no curso pasado non lle parece suficiente motivo á Consellaría para que oferte nesta convocatoria todas as vacantes existentes, nomeadamente as producidas por xubilación e as cubertas por profesorado provisional. A intención da Consellaría, ao non ofertar todas as prazas, non é outra que amortizar parte delas no futuro e ter un colectivo importante de profesorado provisional que lle sirva de comodín e que cada curso coloca ao seu antollo, asignándolle moitas veces prazas con máis dunha afín.

Para a CIG-Ensino, este proceder é totalmente inadmisíbel, xa que comportaría reducir os xa cativos cadros de persoal dos centros, despois da redución de 3.000 docentes desde o ano 2010, acrecentando a provisionalidade e a inestabilidade do profesorado dos centros. Hoxe xa o 20% do profesorado dos centros non ten destino definitivo.

Temos tamén que denunciar a ausencia de negociación real, habitual nas xefaturas territoriais da Coruña e Pontevedra, xa que até agora só se limitaron a facilitar a listaxe das vacantes provisionais que teñen previsto sacar a concurso, das cales desapareceron centos de vacantes actuais, sen facilitar ningunha xustificación razoada do porqué de non as ofertar.

Atendendo aos propios datos da Consellaría, desde o último concurso xeral de traslados xubiláronse en Galiza 1.049 mestres/as e 917 profesorado de secundaria; un total de 1966,  cando a Consellaría está ofertando só 1332 vacantes. É dicir, a Consellaría non cobre 634 prazas correspondentes ás xubilacións, como podemos ver no seguinte cadro:  

 

Xubilacións

Vacantes ofertadas

Vacantes sen ofertar

Coruña

809

551

258

Lugo

280

147

133

Ourense

122

46

76

Pontevedra

755

588

167

Total

1966

1332

634

 

 

 

 

A estas vacantes producidas por xubilación non ofertadas hailles que sumar as vacantes que neste momento están creadas e cubertas con profesorado provisional, o que supón que un amplo colectivo de profesorado provisional se vexa obrigado cada ano a cambiar de destino.

Volver