É o euro o problema?

Miren Etxezarreta - 25 Feb 2016

A medio prazo sería moito máis eficiente formular a necesidade de saír do capitalismo, de que ese cambio radical necesario e difícil vaia dirixido a transformar o sistema económico no que vivimos. Non é tanto un problema de moeda, senón de sistema.

Entre moitos comentarios acerca dos problemas das economías da periferia europea, entre as que está a do Estado español, adoita mencionarse que unha das saídas á tremenda situación que estamos a sufrir sería que as economías con problemas saísen do euro e volvesen ás moedas de cada estado.

É verdade que o euro se estableceu de forma deficiente, sen ter en conta o que podía acontecer nunhas circunstancias de crise como as actuais, nin considerar suficientemente as diferenzas entre as economías dos países que se integraban na moeda única, que hai abundantes erros de concepción e que a pertenza ao euro estanos creando problemas moi graves, permitiu estratexias de política económica moi erradas e agora está esixindo medidas moi duras. Pode ser o abandono do euro a solución?

É unha solución que propugnan algúns economistas críticos serios, polo que eu non querería descualificala, nin moito menos. É posíbel que sexa unha saída ante a moi difícil situación na que estamos. E hai que afirmar que saír do euro pode ser máis ou menos difícil e custoso, pero é posíbel, como o mostra o feito que hai moitos países no mundo que non están no euro, incluíndo os dez da UE, que non forman parte da eurozona.

Mais non podo evitar preguntarme que supoñería a saída do euro. Tal como eu o vexo, a vantaxe maior de saír do euro é que os estados recuperarían a capacidade de depreciar, e, polo tanto, poderiamos vender máis baratos no exterior os nosos produtos. A mítica mensaxe de “ser máis competitivos”. Abonda con isto para resolver os graves problemas nos que estamos sumidos?

En primeiro lugar, non é seguro que vender máis barato supoña automaticamente vender máis. Depende da demanda dos outros países, e fronte a iso pouco podemos facer desde o exterior. Pode non aumentar, aínda que baixe o prezo, porque sexan outros os elementos relevantes para a competencia (calidade do produto, sistema de logo das vendas, deseño, etc.), e, ademais, depende dos prezos dos competidores, que poden ser tan baixos que unha diminución dos nosos prezos non altere a demanda. Por outra banda, non hai que esquecer que unha depreciación supón encarecer as nosas importacións, e polo momento, e malia a crise, son maiores que as exportacións. O que fai que a suba de prezos, que a depreciación supoñería, pode prexudicar a nosa balanza externa, dado que a nosa demanda para os produtos que importamos (petróleo, materias primas, tecnoloxía) é difícil de diminuír, pois necesitámolos para o funcionamento básico da nosa economía. Ademais, canto terían que mellorar as nosas exportacións para resolver os nosos problemas? Paréceme unha idea pouco realista.

Os que argumentan en prol da saída do euro non se deteñen aí. Pensan que ter unha moeda estatal permitiría unha política económica autóctona, que facilitaría recuperar o poder para facer unha política económica autónoma, sen as limitacións férreas que nos impoñen os programas de axuste. E aquí estou moito menos segura que sexa así. Porque vivimos nun mundo globalizado e, non o esquezamos, dun capitalismo feroz. E un país economicamente débil, coma nós, ten moi pouca autonomía. Tanto fronte aos mercados, aos que habería que recorrer para o financiamento necesario, como fronte ás grandes empresas que dominan a nosa economía, como fronte aos organismos internacionais, sobre todo Fondo Monetario Internacional e OCDE que se atribuíron a capacidade de controlar as economías mundiais. Que diferenzas supoñería no control ao que estariamos sometidos se as nosas condicións de base, no mellor dos casos, necesitarían moito tempo para cambiar? Aquí é onde creo que a saída do euro é unha ilusión. No mundo dun capitalismo agresivo e global, que capacidade ten a economía do Estado español para tomar unha ruta autónoma? Xa en 1959, co Pacto de Estabilidade, España estivo sometida ao axuste ditado polo FMI, e o mesmo en 1977 cando o Pacto da Moncloa, e noutras ocasións.

Saír do euro é un tema complicado. Ás veces, fálase de saír do euro coma se fose unha opción similar a ir ou non ao cine. Pero saír do euro tería que supoñer moitas outras medidas, entre elas o repudio da débeda externa, posto que se a débeda tivésemos que pagala en euros a situación sería totalmente inviábel. Pero supoñería así mesmo outros moitos cambios de alcance. Saír do euro equivale a un tsunami económico. E non vexo que fose resolver os nosos problemas fundamentais. Estamos prisioneiros dun capitalismo global, absurdo, irracional, que nesta crise nos está a obrigar a rebaixar brutalmente o noso nivel de vida para que os grandes capitais mundiais poidan seguir mantendo o sistema e gañando moito diñeiro. Saír do euro permitiranos establecer unha sociedade distinta, xusta e sustentábel, ou, no mellor dos casos, aspecto que xa sinalo que dubido moito, facilitaría algunhas medidas de política económica que permitirían unha pequena recuperación temporal da nosa economía?

Con ou sen euro, a nosa situación é moi difícil. É o capitalismo global o que constitúe o problema, máis que a moeda única. Con ou sen euro temos problemas graves dunha economía débil e depauperada, dun sistema produtivo esfarelado totalmente con moi poucas excepcións positivas, a poboación está exhausta con tanto paro, diminución de salarios, precariedade laboral, perda dos dereitos sociais, etc., etc. Temo que saír do euro non facilitará moito a solución a estes problemas. Pero xa dixen que é posíbel que teña razón quen o propugna. Persoalmente non me pronunciaría con moita forza. Con ou sen euro temos problemas moi graves. En calquera caso, non me parece o tema chave, e moito menos para que constitúa o debate crucial entre as forzas que desexamos outra sociedade. Necesítase un cambio radical para avanzar cara a unha sociedade máis satisfactoria. Por isto opino que, a medio prazo é moito máis práctico, que sería moito máis eficiente, formular a necesidade de saír do capitalismo, de que ese cambio radical necesario e difícil vaia dirixido a transformar o sistema económico no que vivimos. Non é tanto un problema de moeda, senón de sistema.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Razón y revolución’, do 14 de febreiro de 2016]