É a crise de Ucraína o comezo dunha nova orde mundial?

Marc Vandepitte - 16 Feb 2022

Se a recentemente establecida alianza entre Rusia e China se consolida e outros países se unen a ela, si é posíbel que esteamos ante o comezo dunha nova era. Non é a fin da historia, senón o comezo dunha nova etapa, na que o poder no mundo estea máis descentralizado; unha nova orde mundial, noutras palabras

Declaración conxunta

 Xusto antes do inicio dos Xogos Olímpicos de Inverno en Beijing, Putin e Xi emitiron un declaración conxunta sobre as relacións internacionais e a cooperación entrambos os países. Trátase dun documento de dez páxinas que chega nun momento de gran tensión coa OTAN debido a Ucraína e de boicot diplomático aos Xogos Olímpicos de Inverno.

 O texto pódese ler como unha declaración a prol dunha nova orde mundial no que Estados Unidos e os seus aliados xa non sexan os protagonistas, senón que se busque un mundo multipolar, que respecte a soberanía dos países.

 «Ambas as partes se opoñen a unha nova ampliación da OTAN. Piden á Alianza do Atlántico Norte que abandone a súa concepción ideolóxica da Guerra Fría; que respecte a soberanía, a seguridade e os intereses doutros países, así como a diversidade da súa civilización e dos seus antecedentes culturais e históricos; e que adopte unha actitude honesta e obxectiva cara ao desenvolvemento pacífico doutros Estados».

 No pasado enviáronse sinais similares, como unha declaración conxunta en 1997, mais é a primeira vez que ambos os presidentes se pronuncian con tanta clareza e reforzan os seus vínculos de forma tan estreita. Tamén é a primeira vez que China se declara explicitamente contra a expansión da OTAN.

 Para comprender o alcance deste documento, é útil botar unha ollada á historia recente.

Hexemonía

 Na primeira metade do século XX produciuse, por unha banda, o ascenso de dúas novas superpotencias: Estados Unidos e a Unión Soviética. Doutra banda, produciuse a relativa desaparición das antigas potencias coloniais.

 Estados Unidos saíu como o gran vencedor da Segunda Guerra Mundial. Tanto as antigas superpotencias como a Unión Soviética estaban completamente en creba. En Washington soñaban cunha nova orde mundial en que só eles gobernasen.

 «Optar por algo menos que a hexemonía absoluta sería elixir a derrota», dixo Paul Nitze, alto asesor do goberno de Estados Unidos. Por desgraza, estes plans víronse frustrados pola rápida reconstrución da Unión Soviética e a ruptura do monopolio nuclear.

 Medio século despois ese soño si se fixo realidade coa caída do Muro de Berlín en 1989 e o desmantelamento da Unión Soviética dous anos despois. A partir daquel momento non houbo máis barreiras á supremacía absoluta. Estados Unidos por fin se converteu no líder indiscutíbel da política mundial e quixo manter esa posición.

 O Pentágono non deixou lugar a dúbidas en 1992: “O noso primeiro obxectivo é evitar que apareza un novo rival na escena mundial. Debemos evitar que os competidores potenciais incluso aspiren a xogar un maior papel a escala rexional ou mundial”.

 Nese momento aínda non tiñan a China no punto de mira. A economía chinesa estaba bastante subdesenvolvida e o seu PIB era só un terzo do de Estados Unidos. Militarmente o país tampouco valía nada. Nese momento Washington pensaba principalmente en Europa como potencial rival e nun posíbel rexurdimento de Rusia.

Sen freos

 Tras a caída da Unión Soviética Estados Unidos levantou o pé do freo. A invasión de Panamá a finais de 1989 foi un ensaio para o que seguiría despois. Pouco despois foi a vez de Iraq, Iugoslavia e Somalia. Máis tarde seguirían Afganistán, Iemen, Libia e Siria.

 Ademais das intervencións militares abertas, Estados Unidos emprendeu cada vez máis «guerras híbridas»(1) ou «revolucións de cores»(2) para provocar un cambio de réxime, o que non funcionou en todas as partes. Así o intentaron en Brasil, Bolivia, Venezuela, Cuba, Honduras, Nicaragua, Xeorxia, Ucraína, Kirguizistán, Líbano e Belarús. Por outra banda, máis de vinte países foron obxecto de sancións económicas.

 A OTAN, creada para afianzar militarmente a hexemonía de Estados Unidos, tamén se ampliou constantemente tras o desmantelamento da Unión Soviética. Desde a década dos noventa 14 Estados do continente europeo se converteron en membros da organización do tratado. Outros países, como Colombia, convertéronse en “socios” da OTAN.

O cerco a China

 Así, Estados Unidos parecía ser o dono do mundo despois da Guerra Fría. Pero esquecéronse de China. Por primeira vez na historia recente, un país pobre e subdesenvolvido converteuse nunha superpotencia económica en pouco tempo.

 Nos últimos 30 anos China experimentou unha importante expansión económica. Desde a súa adhesión á OMC en 2001, o tamaño da economía chinesa multiplicouse por máis de catro. O salto cara a adiante non só foi económico, senón tamén tecnolóxico.

 Até hai pouco Occidente, con Estados Unidos á cabeza, tiña un monopolio absoluto sobre a tecnoloxía, as armas de destrución masiva, os sistemas monetarios e financeiros, o acceso aos recursos naturais e os medios masivos de comunicación. Con ese monopolio podía controlar ou someter os países, especialmente do Sur. Occidente, onde Estados Unidos fai de policía, corre agora o risco de perder ese monopolio.

 Por iso Estados Unidos identifica a República Popular China como o seu principal inimigo. No marco dos debates orzamentarios para 2019 o Congreso declarou que «a competencia estratéxica a longo prazo con China é unha prioridade chave para Estados Unidos». Trátase dunha estratexia global que se debe levar a cabo en varias frontes. Estados Unidos tenta frustrar, ou como eles din, «sufocar», o ascenso económico e tecnolóxico de China.

 Se é necesario, farano tamén por medios extraeconómicos. A estratexia militar cara a China segue dúas vías: unha carreira armamentística e un cerco ao país. Estados Unidos dispón xa de máis de 30 bases militares rodeando China, bases de apoio ou centros de adestramento. O 60% da frota total está estacionada na rexión. Xa levan anos traballando neste cerco militar.

 

 En abril de 2020 o Pentágono publicou un novo informe que avoga por unha maior militarización da rexión. O plan é instalar mísiles balísticos nas súas propias bases militares ou nas dos seus aliados (frechas vermellas). Se despois tamén instalan mísiles de cruceiro en submarinos, poden chegar á China continental en 15 minutos. Son pasos moi perigosos.

 Como parte desta estratexia de cerco o Pentágono tamén está reforzando os lazos militares cos países da rexión. Por exemplo, en 2021 concluíu un pacto de seguridade con Australia e Gran Bretaña para conter a China.

Abonda xa

 Putin e Xi consideran que xa abonda. O avance da OTAN cara ao leste, o aumento da guerra militar e híbrida en todo o mundo, as numerosas sancións económicas e o cerco a China, todo iso debe terminar. O tempo en que a OTAN, os G7 e o FMI dominado por Occidente estaban ao mando terminou. O mundo unipolar debe deixar paso a un mundo multipolar.

 A agresión cada vez maior contra China e Rusia está a levar a ambos os países a botarse en brazos mutuamente. China alberga case unha quinta parte da poboación mundial, é unha potencia económica global e é o socio comercial máis importante da maioría dos países. Rusia é o país máis grande do mundo e é unha superpotencia nuclear.

 Unha alianza entrambos os países constitúe un importante contrapeso á supremacía estadounidense. Segundo The Guardian, “o nacemento deste eixe chinés-ruso, concibido como unha resistencia ás democracias occidentais lideradas por Estados Unidos, é o acontecemento estratéxico global máis importante desde o colapso da Unión Soviética hai 30 anos. Determinará a era que vén”.

 Así e todo, non se trata só destes dous países. Rusia é membro de varias alianzas rexionais e multinacionais. Unha deles, unha alianza militar, é a Organización do Tratado de Seguridade Colectiva (OTSC), que actualmente participa en operacións de «mantemento da paz» en Kazakhistán. Outra é a Organización de Cooperación de Shanghai (OCS), que é unha alianza euroasiática nos ámbitos político, económico e de seguridade. Ademais de Rusia e China, tamén son membros India e Paquistán, entre outros.

 China uniuse recentemente á maior asociación económica do mundo, a Asociación Económica Integral Rexional (RCEP, sigla en inglés). Esta asociación no sueste asiático chega ao 30% da poboación mundial. A nova Ruta da Seda significa centos de investimentos, empréstitos, acordos comerciais e ducias de Zonas Económicas Especiais por valor de 900.000 millóns de dólares. Están repartidos en 72 países, cunha poboación duns 5.000 millóns de persoas ou 65% da poboación mundial.

Nova orde mundial?

 Co seu artigo “A fin da historia e o último home” publicado pouco despois da caída do Muro de Berlín Fukuyama anunciou unha nova era baseada na hexemonía occidental. As desfeitas en Iraq, Afganistán, Siria, Libia e Iemen, entre outras, demostran que se trataba dunha arrogancia enorme.

 Se a recentemente establecida alianza entre Rusia e China se consolida e outros países se unen a ela, si é posíbel que esteamos ante o comezo dunha nova era. Non é a fin da historia, senón o comezo dunha nova etapa, na que o poder no mundo estea máis descentralizado; unha nova orde mundial, noutras palabras. Veñen tempos emocionantes, pero tamén perigosos. Agora máis que nunca necesitamos un forte movemento pola paz.

_____________________________________________________________________________

Notas:

(1) A guerra híbrida é unha forma de guerra encuberta que utiliza toda unha serie de medios: noticias falsas, manipulación a través das redes sociais, presión diplomática, artificios legais contra líderes políticos (lawfare), manipulación e dirección do descontento popular, presión nacional e estranxeira sobre as eleccións, etc.

(2) Segundo o manual das revolucións de cor, finánciase, fórmase e adéstrase as ONG, as organizacións estudantís e as organizacións locais para organizar disturbios na rúa coa maior eficacia posíbel. A violencia na rúa debe desestabilizar o país até o punto de que o goberno se vexa obrigado a dimitir ou o exército interveña e destitúa o goberno.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 11 de febreiro de 2022]