• 2016-12-26 ActoSolidarioXuizoSaharaMarrocosVigo01.jpg
  • 2016-12-26 ActoSolidarioXuizoSaharaMarrocosVigo02.jpg
  • 2016-12-26 ActoSolidarioXuizoSaharaMarrocosVigo03.jpg
  • 2016-12-26 ActoSolidarioXuizoSaharaMarrocosVigo04.jpg
  • 2016-12-26 ActoSolidarioXuizoSaharaMarrocosVigo05.jpg

Ducias de solidarios/as rexeitan en Vigo o enxuizamento de 25 activistas saharauís

Organizacións sindicais, políticas e sociais esixen a anulación das condenas e a súa liberación

Vigo -

Varias ducias de persoas participaron hoxe en Vigo nun acto convocado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharahui co apoio de distintas organizacións sindicais, políticas e sociais -entre elas a CIG- para rexeitar o enxuizamento de 25 activistas saharauís por parte de Marrocos. Os solidarios/as concentráronse diante do Marco coincidindo coa celebración do proceso xudicial e reclamaron a eliminación das anteriores condenas e a posta en liberdade dos acusados/as.

A mobilización desenvolveuse ás portas do Marco entre as 11.00 e as 11.30 horas, onde varias ducias de persoas despregaron bandeiras da República Árabe Saharahui Democrática (RASD) e berraron consignas de apoio aos activistas procesados/as. “Sahara liberdade, Polisario vencerá” ou “Marrocos culpábel, España responsábel” foron as palabras de orde máis escoitadas durante unha protesta coa que os solidarios/as reclaman a anulación das anteriores condenas impostas polo Reino de Marrocos e esixen a inmediata posta en liberdade dos afectados/as.

O acto rematou coa lectura dun comunicado conxunto por parte de Sefi Romero, da CIG de Vigo, e coa intervención da presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharahui, Maite Isla, e dos representantes das distintas organizacións participantes. Todos /as coincidiron tamén en demandar o cese da ocupación marroquí e que se cumpran as resolucións internacionais, “fixando xa unha data para o referendo de autodeterminación ao que o pobo saharauí ten dereito”.

 

Volver