Ducias de persoas mobilízanse en defensa do CGAI, os empregos e o sector audiovisual galego

Amortizacións e despidos da Xunta comprometen o futuro dun centro con 25 anos de historia

A Coruña -

Ducias de persoas concentrábanse na tarde do mércores en rexeitamento ao desmantelamento do CGAI e contra as amortizacións e despedimentos aplicados pola Xunta do PP. Un novo recorte nos servizos públicos que compromete o futuro do único organismo galego adscrito á Federación Internacional de Arquivos Fílmicos e asesta un golpe á memoria histórica da Galiza e á subsistencia do sector audiovisual galego.

Durante a protesta, convocada por colectivos do sector audiovisual e apoiada pola CIG, Antón Ramos, un dos proxeccionista do CGAI que foi despedido a través da modificación da RPT, advertía que o centro queda nunha situación moi complexa, con tres postos menos e un único proxeccionista.

Isto suporá que “se o proxeccionista se pon enfermo haberá que suspender as funcións”. Ademais, alertou, a falta de profesionais técnicos pon en cuestión a continuidade do programa de cursos e colaboracións que o CGAI realiza con diferentes centros educativos e polo que anualmente pasan uns 2.500 escolares. É dicir, con este recorte de persoal resulta inviábel o desenvolvemento dunha programación regular e de todos os ciclos formativos que se veñen realizando.

Neste senso, Ramos apuntaba que aínda que se produza unha reorganización interna do persoal, “quen non teña os coñecementos adecuados non pode operar nunha cabina cinematográfica e o arquivo vai quedar manco, sen ninguén que o poida traballar”.

“Quedamos sen un organismo de referencia e corremos o perigo de que toda a memoria audiovisual galega se poña en risco, E todo por aforrar tres postos de traballo, mentres continúan a aumentar os postos directivos”, lamentou.

Ramos criticou as “falacias” da Xunta do PP e do propio Secretario de Cultura, cando antes das eleccións negaban que se foran a producir recortes no CGAI. Porén, unha vez superado o proceso electoral “faltoulles tempo para cambiar de opinión e, sen negociación, asinar os despedimentos e as amortizacións”.

Na protesta, pediuse tamén a dimisión do director do CGAI por non saír na defensa dos seus traballadores/as, non condenar os recortes no centro que dirixe e permitir o abandono do arquivo audiovisual de Galiza.

Finalmente, Ramos advertiu que a loita na defensa do CGAI continuará, reclamando do goberno de Feijoo responsabilidade na protección “da cultura galega, do patrimonio audiovisual galego e da nosa memoria”.

Volver