Despiden un operario do GES de Guitiriz tras denunciar varias veces ao Concello por incumprimentos laborais

A CIG de Lugo-A Mariña entende que estamos ante un caso claro de represión sindical

Guitiriz -

O Concello de Guitiriz vén de comunicar o despedimento dun operario do GES alegando non superar o período de proba. Porén, para a Unión Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña estamos ante un caso de represión sindical, toda vez que a medida se produce tras varias denuncias interpostas pola CIG e polo propio afectado, contra os incumprimentos do Concello nas condicións laborais do persoal do GES e deste traballador en particular.

"Detrás deste despido está unha actitude represora por parte dunha alcaldesa caudillista que entende que o seu criterio está por riba da xurisdición social", asevera contundente o secretario comarcal de Organización, Lois Neto.

Explica que no Concello de Guitiriz conflitividade social por violación de dereitos laborais básicos prodúcese de continúo e "caprichosamente" se negan aos traballadores e traballadoras días de asuntos propios, vacacións, ou concreción horarias nas  reducións de xornadas.

"Desde a CIG entendemos que esta actitude ditatorial de Regina Polín non é propia da xestión dunha Administración Pública, nin de quen se supón debe de velar polo cumprimento das normativas legais", subliña.

A central sindical entende  despedimento supón un grave ataque ao dereito dos traballadores e traballadoras, "cun claro obxectivo de represalia e exemplificador de cara ao resto do persoal". Unha actitude que cualifica como "propia dunha mafia criminal", mais inadmisíbel nunha Administración Pública.

Por iso, a CIG anuncia que vai desenvolver unha campaña intensa reclamando a readmisión do traballador represaliado, utilizando todas os recursos dispoñíbeis, tanto no aspecto xudicial como no sindical e social.

Volver