Desde o río até o mar...: dereito á resistencia do pobo palestino

Suzanne Adely - 13 Dec 2023

Os Estados Unidos non só armaron e financiaron o xenocidio en curso, senón que repetiron e espallaron a propaganda falsa e deshumanizadora que tanto Israel como os EUA están a usar para tratar de xustificar as súas accións. Estas mentiras, que repiten os medios occidentais, pretenden deshumanizar os palestinos e deslexitimar a resistencia do seu pobo, declarándoa ilexítima e supostamente terrorista

Introdución

 Falo hoxe na miña calidade de avogada antiimperialista. Con todo, quería mencionar que tamén son asesora laboral, que traballa cun colectivo de máis de 300.000 traballadores/as do sistema alimentario en América do Norte. Son membro de Labor for Palestine, unha organización que foi fundada en 2004 co obxectivo de desafiar o sionismo e o imperialismo da cúpula sindical dos Estados Unidos.

 As primeiras formacións obreiras nos Estados Unidos non estaban aliñadas co sionismo e o imperialismo; houbo un amplo esforzo por parte do estado para suprimir as voces socialistas e comunistas no primeiro movemento obreiro e controlar os sindicatos a través da visión do capitalismo liberal e do imperialismo. Labor for Palestine ten como obxectivo expresar a solidariedade dos traballadores e traballadoras con Palestina e con todos os movementos contra o apartheid e o colonialismo.

 A National Lawyers Guild dos Estados Unidos esforzouse en construír unha base de traballadores do eido xurídico cunha análise antiimperialista, para participar en traballos, tanto xurídicos como políticos, dirixidos ás políticas imperialistas estadounidenses, e entendemos a loita pola liberación de Palestina nese contexto. Nos últimos anos, procuramos deixar clara a nosa posición sobre a absoluta lexitimidade da resistencia palestina, xurídica, histórica e moralmente, especialmente nun momento no que se está a levar a cabo un xenocidio en Gaza, do que os Estados Unidos son cómplices económica, militar e politicamente.

Dereito a resistir

 Cando falamos de Palestina, non é só no marco da ocupación, senón que salientamos que Palestina tamén é e foi unha nación colonizada, sometida a dominación e asoballamento de moitas formas polo réxime racista de Israel, apoiado polos Estados Unidos (EUA). Esa narrativa colonial eliminouse á mantenta do discurso político e xurídico, para limitar as cuestións xurídicas ao marco de certos dereitos, cando cumpriría falar de autodeterminación e descolonización. Nese sentido, tamén é imperativo que non obviemos o recoñecemento público do dereito a resistir á ocupación, dominación e sometemento ilegais.

 A través de numerosas resolucións firmes da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, a comunidade internacional recoñece explicitamente a existencia do dereito de autodeterminación dun pobo e a lexitimidade de levar adiante unha loita armada para responder calquera ameaza, e ese dereito pertence ás persoas e non só aos estados, como sinala a Corte Internacional de Xustiza. Este dereito á autodeterminación aparece mencionado na Carta das Nacións Unidas, no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e no Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais.

 As guerras de liberación nacional foron expresamente acollidas, mediante a adopción do Protocolo Adicional I de 1977 ás Convencións de Xenebra de 1949, como un dereito protexido e esencial dos pobos ocupados de todo o mundo. Xa en 1974, a resolución 3314 da AGNU prohibía aos estados “calquera ocupación militar, aínda que fose temporal”. A mesma resolución non só afirmaba o dereito "á autodeterminación, liberdade e independencia [...] dos pobos privados pola forza dese dereito, [...] nomeadamente dos pobos baixo réximes coloniais e racistas ou outras formas de dominación allea", senón que estabelecía o dereito dos ocupados a "loitar... e a buscar e recibir apoio" nese esforzo.

 O termo “loita armada” estaba implícito sen unha definición precisa naquela resolución e en moitas outras que defendían o dereito dos indíxenas a desaloxar un ocupante. Porén, en 1982 a resolución 37/43 da AGNU eliminou calquera dúbida ou debate sobre o dereito legal dos pobos ocupados a resistiren ás forzas de ocupación por todos e cada un dos medios legais. A resolución reafirmaba "a lexitimidade da loita dos pobos pola independencia, a integridade territorial, a unidade nacional e a liberación da dominación colonial e estranxeira e da ocupación estranxeira por todos os medios dispoñíbeis, incluída a loita armada".

 Tamén é importante sinalar que Israel non ten dereito á autodefensa, segundo o dereito internacional; non se pode alegar autodefensa contra unha poboación que ocupas, controlas, sometes, unha verdade xurídica reafirmada no caso da CPI sobre o Muro do Apartheid.

Marco antiterrorista

 O Sur Global loitou polo dereito de autodeterminación e os dereitos asociados. Hai toda unha historia xurídica, nacións anteriormente colonizadas que loitaron por influír no desenvolvemento do dereito internacional, tal e como as potencias imperialistas o moldearon para manteren o seu dominio. Estes defensores loitaron por incluír disposicións para protexer as súas soberanías políticas, económicas e culturais e loitar contra o apartheid e o racismo.

 Despois do 11 de setembro, os EUA iniciaron un intento legal de crear unha situación na que estes logros das loitas populares no dereito internacional fosen socavados aínda máis e acabasen sendo destruídos. No caso das loitas de resistencia que desafían os intereses imperialistas estadounidenses, actuou como se o dereito internacional humanitario non se aplicase e comezou a aplicar un marco antiterrorista de nova construción, creando unha zona non legal, unha zona de arbitrariedade, onde os estados poden xustificar calquera tipo de acción en nome da loita contra o terrorismo. Vémolo claramente hoxe, con referencias ao terrorismo que se fan todos os días para aplicar non só a Hamás senón ao pobo de Gaza, para xustificar o xenocidio. Este marco utilízase para lle dar a Israel unha impunidade continuada, do mesmo xeito que outros gobernos como os Estados Unidos e Filipinas manteñen a impunidade polas súas accións ilegais.

 Para reiterar este punto, é importante sinalar que o Estatuto de Roma recoñece crimes como o xenocidio, a agresión, os crimes contra a humanidade, entre outros, pero non hai ningún "crime internacional de terrorismo" que a CPI estea obrigada a investigar. Isto manipúlase para crear lagoas na activación do CPI... pero coñécense as actuais accións vergoñentas de Khan, o actual fiscal, que esencialmente realizou unha viaxe “solidaria' a Israel”, mostrando o parcial e discriminatorio que pode ser a CPI. Tamén, no caso da súa ignorancia dos crimes contra a humanidade por Sancións en Venezuela.

 A debilidade do ordenamento xurídico internacional radica, evidentemente, tanto no desenvolvemento destas intuicións nun proceso que estivo dominado polas potencias imperialistas, como na forma en que a actual hexemonía occidental domina e manipula a forma en que estas institucións actúan ou se aplican.

 Con todo, probabelmente non haxa un mellor e máis recente exemplo diso que a recente e absolutamente desprezábel actuación de Robert Wood, o viceembaixador dos Estados Unidos ante as Nacións Unidas. Mentres procedeu a vetar con arrogancia unha resolución do Consello de Seguridade da ONU que pedía un cesamento do fogo. Referiuse ao pobo israelí como "o noso pobo" e ás "fronteiras israelís" como "as nosas fronteiras". Unha confesión de que o proxecto colonial sionista de colonos en Palestina non é máis que un posto avanzado imperialista estadounidense.

Imperialismo dos Estados Unidos

 Os Estados Unidos non só armaron e financiaron o xenocidio en curso, senón que repetiron e espallaron a propaganda falsa e deshumanizadora que tanto Israel como os EUA están a usar para tratar de xustificar as súas accións. Estas mentiras, que repiten os medios occidentais, pretenden deshumanizar os palestinos e deslexitimar a resistencia do seu pobo, declarándoa ilexítima e supostamente terrorista.

 Esta deslexitimación do dereito lexítimo do pobo palestino a resistir en virtude do dereito internacional está a ser substituída pola orde internacional baseada nas normas actuais, na que os Estados Unidos e os seus aliados imperialistas ditan as normas e espérase que todos os demais as sigan ou se enfronten a sancións, xenocidio e bombardeos.

 Nos Estados Unidos, agora mesmo, aqueles de nós que recoñecemos o dereito dos palestinos a resistir á ocupación e á opresión, e mesmo aqueles que simplemente esiximos un cesamento do fogo, afrontamos un momento de represión política sen precedentes. Todos os días as nosas organizacións xurídicas reciben mensaxes de estudantes, académicos, traballadores, persoas que están a facer a súa vida, cuxos traballos están a ser ameazados, cuxos medios de subsistencia están a ser ameazados, cuxas vidas están a ser ameazadas… (un neno palestino de 6 anos morreu acoitelado en Illinois, tres estudantes palestinos foron tiroteados en Vermont e un deles quedou paralítico). Tamén vemos intensos niveis de represión política en lugares como Alemaña, que prohibiu e asaltou fisicamente as organizacións de dereitos humanos palestinas. Esta forma de represión palidece, por suposto, en comparanza co xenocidio activo e sanguento que está a ter lugar en Gaza, pero reflicte o que está en xogo para os Estados Unidos. Como dixo un dos nosos compañeiros: "Israel é a expresión máis pura do poder occidental, que combina militarismo, imperialismo, colonialismo (de colonos), contrainsurxencia, ocupación, racismo, inculcación da derrota ideolóxica, unha enorme e rendíbel actividade bélica e o desenvolvemento de alta tecnoloxía nunha mantícora(1) de destrución, morte e caos".

 O sionismo é unha arma do imperialismo occidental e o Estado israelí un instrumento para suprimir a soberanía e a unidade no mundo árabe, e avanzar na reacción violenta moito máis alá. O investimento económico, militar e político dos Estados Unidos en Israel promove a axenda imperialista estadounidense, non só no mundo árabe, senón no mundo enteiro, utilizando Israel para exportar esta opresión para esmagar as loitas populares en beneficio dos intereses dos Estados Unidos.

 Despregáronse portaavións e marines estadounidenses na rexión, para ameazar a calquera que puidese tomar medidas para poñer fin ao xenocidio, despois de anos de insistir na chamada responsabilidade de protexer, para xustificar a intervención e a dominación dos Estados Unidos de países de todo o mundo. Os medios de comunicación estadounidenses ignoran e restan importancia á resistencia que xurdiu do Iemen e Iraq. Tamén é ignoran que Israel está a perder a guerra, que os seus obxectivos están a fracasa. Os Estados Unidos están a perder poder no crecente mundo multipolar, e están desesperados por aferrarse a este.

 É necesario poñer un freo á máquina de guerra imperialista que actualmente, mentres falamos hoxe, está a financiar e armar o xenocidio que está a ocorrer en Gaza. É importante que as organizacións de traballadores e traballadoras organizados entren neste movemento non só en solidariedade xeral, senón con este tipo de accións concretas que piden aos seus membros que bloqueen calquera exportación de armas a Israel e, finalmente, se estenda aos Estados Unidos. Deben unirse aos movementos dos seus países que piden o desarmamento e sancións políticas tanto a Israel como aos EUA.

 Quero facer un recoñecemento especialmente aos estados africanos e latinoamericanos que retiraron os seus embaixadores ou, como no caso de Bolivia e Belice, suspenderon as relacións diplomáticas (por suposto que Venezuela o fixera anteriormente).

 Quero repetir algo que afirmou o presidente colombiano Gustavo Petro. Gaza non é só un lugar, é unha estratexia, é "o primeiro experimento para nos considerar a todos desbotábeis" e "o futuro probábel para as masas da clase traballadora en todo o mundo". Coido que ten razón. Cada escalada de violencia colonial que emprendeu Israel, até onde pode chegar e manter a impunidade. Do mesmo xeito, os Estados Unidos utilizaron Israel para exportar a violencia imperialista, sen ter se que facer responsábel diso. Xa sexa en Chile ou Arxentina ou o apartheid en Suráfrica. Canto máis lonxe? Vai deixar o resto do mundo que os EUA e Israel se vaian cos aliados europeos? Na destrución total. Na aniquilación dos pobos, que estiveron sufrindo baixo a dominación colonial ou a total distracción, a aniquilación de persoas mediante medidas económicas coercitivas, ou a través de condicións laborais cada vez máis explotadoras en todo o mundo. Como sinalaba unha das declaracións globais feitas: "Entendemos que a violencia fascista contra o pobo palestino hoxe presaxia a violencia do imperialismo occidental cara a todos os traballadores do mundo e os pobos oprimidos de mañá porque esta é a tendencia histórica do capitalismo en decadencia".

 Non podemos permitir que a clase dominante e os seus aliados fascistas e liberais (Partido Demócrata) manteñan esta orde mundial na que todos e todas seremos considerados/as un día tan desbotábeis como o pobo de Gaza. Velaí a razón. Esta é unha loita anticolonial, é unha loita antiimperialista. É unha loita global, e é unha loita obreira.

_____________________________________________________________________________

Nota:

(1) Mantícora: ser mitolóxico de orixe persa (“devorador de xentes”). [N.T.]

_____________________________________________________________________________

* Este artigo recolle a intervención realizada pola autora o pasado sábado 9 de decembro nun evento organizado pola PCOA (Plataforma da Clase Obreira Antiimperialista), da que a CIG forma parte, que se desenvolveu baixo o lema: “Traballadores/as do Mundo en Solidariedade con Palestina. Desde o río até o mar, Palestina vencerá”.

_____________________________________________________________________________

* Suzanne Adely é avogada antiimperialista e membro de Labor for Palestine.

_____________________________________________________________________________

 

[Galiza, decembro de 2023]