Desconvocadas as folgas nos servizos de mantemento dos parques e xardíns de Vigo e da recollida do lixo de Nigrán

Os traballadores/as de Althenia e de Cespa ratificaron en asemblea o preacordo coas empresas
Vigo/Pontevedra - 30 Xul 2018

As folgas indefinidas previstas nos servizos de mantemento dos parques e xardíns do Concello de Vigo e de recollida do lixo e limpeza viaria e de praias do Concello de Nigrán foron finalmente suspendidas despois de que os cadros de persoal das concesionarias, Althenia e Cespa respectivamente, ratificasen en asemblea o preacordo alcanzado entre a representación sindical e as empresas.

No caso de Althenia, a acordo asinado contempla un convenio colectivo a catro anos (2016, 2017, 2018 e 2019) e o compromiso da empresa de abonar todos os atrasos salariais dos traballadores/as que foron subrogados/as da concesionaria do mantemento dos parques forestais, a principal reivindicación do persoal e que motivou a convocatoria da folga xa que a dirección pretendía que a cambio de abonar estes conceptos os traballadores/as pasasen á quenda de tarde durante dous meses. 

Nun caso páganse os atrasos do persoal subrogado e no outro fíxase unha suba salarial media do 14% 

Ademais, a empresa aceptou un aumento de soldos para todas as categorías laborais consistente en 23 euros lineais en cada un dos anos 2018 e 2019; establecer libre o 5 de xaneiro; incorporar licenzas por hospitalización e repouso domiciliario; ampliar o período de lactancia de 9 a 12 meses (que se poderá acumular durante catro semanas seguidas); introducir melloras nos uniformes; e facilitar que os días de libre disposición se pidan coller nas pontes.

Recollida do lixo

En canto á recollida do lixo de Nigrán, as partes pactaron un convenio colectivo a tres anos (2018, 2019 e 2020) cun aumento salarial medio do 14%: a categoría de peón pasará de cobrar 907 euros a 1000 a partir de xaneiro de 2020, e os condutores/as verán incrementado os seus soldos dos 946,37 euros actuais a 1050,57.

Ademais, a dirección aceptou mellorar as retribucións por antigüidade, outras das reclamacións do cadro de persoal, polo que a partir de agora o pago dos bienios será do 5% do novo salario base e o dos quinquenios do 7%. Con respecto aos pluses, a suba pactada é do 35% do novo salario base a partir do 1 de setembro de 2020.

Finalmente, no que ten que ver coa demanda de que tres traballadores/as fixos/as discontinuos/as pasaran a traballar todo o ano, as partes pactaron que este ano traballen 10 meses. O ano que vén traballarán 11 meses, pasando a formar parte do cadro de persoal a tempo completo a partir do 1 de xaneiro de 2020.