Desconvocada a folga no mantemento do CHUO

O acordo entre Ferrovial e a representación dos traballadores chegou tras 110 xornadas de paro
Ourense - 02 Xul 2018

A folga convocada polo persoal de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) contra a discriminación laboral rematou tras 110 xornadas despois do acordo alcanzado o pasado venres 22 de xuño entre a empresa concesionaria, Ferrovial, e a representación dos traballadores.

Dende a CIG-Industria valoran moi positivamente o conseguido tras catro meses de mobilización e salienten en especial o feito de que a compañía accedese a aumentarlle a categoría laboral á metade dos traballadores (que pasarán de oficial de primeira e mestre de taller), coa conseguinte subida de soldo. Ademais, comprométese a revisarlle a categoría ao resto dos empregados.

Tamén se pactou un incremento progresivo do plus de toxicidade, perigosidade e penosidade do 25% actual até o 35% e a remuneración de domingos e festivos mediante o incremento do salario base nun 40%. Ao igual que as gardas nocturnas non presenciais, que se pagarán co aumento do salario base nun 25%.