Desconvocada a folga na recollida do lixo da Estrada tras un pacto de melloras laborais

O acordo coa concesionaria Geseco contempla unha suba salarial do 11%, incorpora pluses e permisos e aumenta o pago de domingos e festivos
A Estrada - 23 Xun 2026

O cadro de persoal de Geseco, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello da Estrada, ratificou hoxe en asemblea o preacordo asinado onte entre o delegado de persoal, da CIG, e a empresa que contempla unha serie de melloras laborais, como unha suba de salarios do 11% en dous anos, a incorporación de pluses e permisos e o aumento da remuneración do traballo en domingos e festivos.

A aceptación deste pacto de empresa por parte das persoas traballadoras supón tamén a desconvocatoria das tres xornadas de folga previstas para os días 25, 26 e 27 de xuño. Con anterioridade a parte social xa decidira suspender os tres días de paros que ían ter lugar os pasados 16, 17 e 18 de xuño como mostra de boa vontade mentres e desenvolvían as negociación coa mediación do AGA. O que se levou a cabo foron concentracións diante do consistorio para denunciar as condicións de precariedade na que se atopa o persoal, adscrito ao convenio estatal. 

O persoal suspendera con anterioridade varias xornadas de folga, mais desenvolveu concentracións diante do Concello

Mais agora establécense unha serie de melloras por riba do marco estatal, como unha suba dun 11% total nos dous anos de vixencia do pacto de empresa (2026-2027); a incorporación de pluses, como o de penosidade, e de permisos para acompañamento médico de familiares; complétase unha paga extra; fíxase un día de libre disposición; e auméntase a 78 euros o traballo en domingos e festivos (85 euros a partir de 2028), que compensará tamén cun día libre. Ademais, no caso de que as vacacións coincidan cun festivo tamén se disporá dun día libre a maiores.

Dende a CIG-Servizos de Pontevedra valoran positivamente o acordo e fan fincapé en que foi posíbel pola unidade e determinación das persoas traballadoras de Geseco e pola labor do delegado sindical, que leva só un ano exercendo esa responsabilidade, fronte aos oito que estivo o representante de CCOO.