Desconvocada a folga indefinida na empresa ourensá UNVI tras o acordo sobre o convenio

O cadro de persoal aceptou a proposta pactada entre o comité e a dirección despois de que a compañía retirase as medidas regresivas
Ourense - 06 Mar 2026

As persoas traballadoras da compañía do sector da automoción ourensán UNVI, do Grupo Pérez Rumbao, decidiron onte por ampla maioría aceptar a proposta de convenio pactada polo comité de empresa e a dirección e desconvocar a folga indefinida cuxo inicio estaba previsto para este mes de marzo.

O convenio pactado terá unha duración de dous anos (2026 e 2027) e contempla un incremento salarial do 4,25% para o primeiro e do 3,5% para o segundo, ademais dunha redución da xornada anual de 24 horas.

Ao mesmo tempo, a empresa acceder a retirar as medidas máis regresivas que pretendía introducir e que motivaron a convocatoria de paros e mobilizacións primeiro e da folga indefinida posteriormente, como maior flexibilidade laboral e un réxime sancionador máis represivo. E o persoal seguirá a contar tamén cun seguro de empresa colectivo en caso de enfermidade profesional ou falecemento.

As partes fixaron para hoxe un novo encontro para perfilar os últimos detalles do convenio a proceder á súa sinatura, unha vez que o cadro de persoal deu o seu visto bo aceptando maioritariamente a proposta nas votacións celebradas onte pola mañá nas instalacións da compañía e pola tarde no salón de actos da Casa Sindical.