Desconvocada a folga da empresa de transporte de residuos de Sogama tras chegar a un acordo

Foi ratificado por unanimidade pola asemblea de traballadores/as
Nacional - 23 Dec 2016

A Asemblea de Traballadores/as de Pacholo SL, subcontrata do transporte de residuos sólidos urbanos de SOGAMA, aprobou por unanimidade o preacordo acadado onte entre o comité de folga e a empresa, nunha mediación do Consello Galego de Relacións Laborais. Queda así desconvocada a folga que estaba previsto que comezara este venres.

Tras dous días de negociación e mobilizacións as partes alcanzaron un preacordo que, no básico, recolle as demandas que o cadro de persoal tiña. “Se ben o consideran un acordo de mínimos que non resolve todos os problemas presentados, si serviu para, nun momento no que a empresa pretendía aplicar novos recortes, frealos e ademais dar un paso adiante e consolidar e ampliar a unidade dos traballadores de Pacholo”, explica Inácio Pavón, representante da FGAMT-CIG.

Pavón lembra que a empresa quería suprimir o cuadrante de traballo do persoal procedente da anterior contrata (Transportes Pellejero e Hijos) e grazas á convocatoria non só se evitou modificar o cuadrante que se mantén, se non que tamén se conseguiu un cuadrante para o resto do persoal. Algo ao que, até o de agora, a empresa se negara.

Ademais, neste colectivo de novas contratacións conseguiuse que se converteran en indefinidos unha parte dos traballadores e que o resto, ao chegar a un ano, deban ser convertidos tamén en indefinidos sempre que ocupen postos de traballo fixos, que son a inmensa maioría.

Incremento salarial

Xunto a isto, eses mesmos traballadores conseguiron que se lles cotizaran todas as cantidades que figuraban na nómina pero que non formaban parte da base salarial, o que supón un incremento nas súas cotizacións de 3.200€ anuais.

Tamén se acadou un incremento da remuneración por traballo en día festivo, que se compensará con día e medio independentemente das horas traballadas. “Todas as compensacións pendentes calcularanse deste xeito e serán abonadas xa na nómina do mes de decembro”, explica Manuel Regueiro, delegado da sección sindical da CIG e presidente do comité de folga.

En materia de riscos laborais os traballadores trasladarán por escrito as súas demandas á empresa que deberá poñelas en práctica coa supervisión da Inspección de Traballo.

Valoración positiva

Deste xeito os traballadores valoran que o acordo supón non só frear as pretensións da empresa de recortar as condicións do persoal da anterior contrata, se non tamén que vai no camiño de igualar a aqueles novos contratos que tiñan peores condicións.

“Esta convocatoria de folga, as asembleas previas e as mobilizacións conseguiron ampliar a unidade e cohesión dos traballadores, que saen reforzados para novos conflitos”, conclúe Regueiro.

Con todo, o representante da FGAMT-CIG denuncia que a consellaría de Medio Ambiente impuxo uns servizos mínimos abusivos e sen motivación na carga real de traballo coa única intención de condicionar as propias negociacións e co obxectivo de inviabilizar a convocatoria de folga.

Lembra que xa na anterior ocasión a consellaría fora condenada por impor uns servizos mínimos abusivos no mes de marzo. Daquela fixáranse nun 55% do cadro de persoal cando agora hai días onde os servizos mínimos alcanzarían o 68,8% o que supón un importante incremento de traballadores respecto dun día normal.

Pavón acusa ademais tanto a SOGAMA como a administración de deixar aos traballadores desprotexidos e á vontade dunha empresa subcontratista que o único que fixo foi precarizar enormemente unhas condicións de traballo xa de por si duras.

Os folguistas agradecen todas as mostras de apoio e solidariedade que durante estes días recibiron por parte de traballadores/as doutras empresas, o que axudou a manter o pulso mobilizador nos días previos ao inicio da folga.