O comité de empresa de Bimba y Lola Logística (6 representantes da CIG e 3 da USO) denuncia que o persoal do centro de traballo de Mos conta con “salarios de miseria”, polo que hai cinco meses trasladoulle á dirección un pacto de melloras laborais que contemplase tamén unha suba de soldos. “Aínda non nos responderon á proposta, e cando preguntamos sempre aseguran que se está a perfilar, así que se non hai un cambio de actitude convocaremos mobilizacións”, sinalan dende a representación sindical.
Segundo explican dende o comité, con este pacto de mellora preténdense dignificar as condicións económicas e laborais do cadro persoal do centro de traballo de Mos, integrado por 153 persoas traballadoras adscritas ao convenio estatal do téxtil, polo que unha parte importante recibe un salario mensual equivalente ao SMI. A proposta inclúe tamén unha mellora do descanso semanal e das categorías profesionais, xa que na actualidade hai na empresa persoal con 20 anos de antigüidade que segue a ser auxiliar.
Mentres a maioría do persoal cobra o SMI, a compañía rexistou un beneficio de 8 millóns de euros o ano pasado
A representación sindical traslada a súa “indignación” e o seu “malestar” pola falta de resposta dunha compañía que o ano pasado rexistrou un beneficio neto de 8 millóns de euros, “o que supón multiplicar por cinco os 1,5 millóns que gañou en 2024”. E denuncia que estes salarios son claramente insuficientes e impiden que as persoas traballadoras poidan chegar a fin de mes, tendo en conta a carestía da vida rexistrada nos últimos anos. Por iso sostén que mentres a empresa ten beneficios millonarios o seu persoal recibe “salarios de miseria”.
Ademais, critica a actitude de “desprezo e prepotencia” da dirección cara á representación sindical, “ao non dar resposta ás nosas lexitimas demandas”. En consecuencia, dende a representación sindical adiantan que non vai aceptar máis tempo está situación e anuncian a súa intención de convocar mobilizacións se non se produce un cambio de actitude por parte da empresa para negociar un pacto de mellora salarial e laboral.