Denuncian que o centro de maiores de Taboadela pechou por falta de persoal

A CIG-Administración de Ourense reclama que se dote dos e das traballadoras/es necesarias/os

Ourense -

A CIG-Administración de Ourense denuncia que o centro de atención a persoas maiores de Taboadela, xestionado pola Xunta, tivo que pechar o centro de día na tarde de onte debido á falta de persoal. En concreto, adiantou o horario de peche en catro horas, facéndoo de xeito drástico ás 15:00 ante a falta de traballadores/as, cando o horario de peche é ás 19:00 horas.

Dende a central sinalan que esta situación acontece porque non se substitúe de xeito sistemático o persoal que está a gozar das súas vacacións ou permisos e reclaman que se dote o centro dos traballadores/as necesarios/as para ofrecer un servizo axeitado. 

Esta situación acontece porque non se substitúen as vacacións nin os permisos

“Despois de levar dende o inicio do verán cunha sobrecarga de traballo importante debido á ausencia da cobertura tanto de vacacións como doutro tipo de permisos, os empregados/as, co apoio da dirección do centro, decidiron esta drástica medida xa que é inviábel unha boa atención os usuarios/as con semellante merma do persoal”, indican.

Lembran que a CIG leva tempo esixíndolle ao Consorcio Galego da Igualdade e Benestar a apertura das listas de contratación para a cobertura temporal de postos, “e así poder subsanar esta situación anómala, tanto para os traballadores/as no correcto desempeño das súas funcións, como para que os usuarios/as teñan a axeitada atención”. Así, critican que se dean este tipo de circunstancias cando persoal ten pedidas as súas vacacións en tempo e forma dende finais de marzo.

Finalmente, tanto a central como os traballadores/as esixen que de forma inmediata se cubra esta falta de persoal “para que o centro poida abrir as súas portas como de costume e para que os usuarios/as gocen da atención que merecen”.

Volver