Denuncian que a Xunta mantén pechada a base de helicópteros contraincendios de Valdeorras

O sector de Autonómica da CIG-Administración reclama o uso racional das instalacións públicas

Vigo -

O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que a Xunta de Galiza deixa no abandono a base de helicópteros contraincendios de Valdeorras, en Ourense, que a día de hoxe se atopa pechada e sen depósito de combustíbel. Dende a central nacionalista reclaman o uso racional das instalacións públicas e o reforzo do distrito forestal “máis complicado orograficamente do país”.

A CIG vén de rexistrar un escrito diante da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural esixindo un uso racional das instalacións públicas despois de que a Xunta deixase en desuso a base de Vilanova, situada no distrito XIII Valdeorras-Trives, “deixando ao descuberto o distrito coa orografía máis complicada de toda Galiza e cunha riqueza ecolóxica e forestal dun importantísimo valor”.

No texto remitido ao departamento autonómico lembran que se trata dunha instalación na que se investiron centos de miles de euros “e que a día de hoxe se atopa pechada, sen helicóptero e sen depósito de combustíbel para repostar, estando totalmente desaproveitada para a protección do medio”. Salientan que este distrito ten lugares dunha importancia paisaxística económica e forestal enorme: a Serra do Eixe, con máis de 5000 hectáreas de piñeiro silvestre; o parque natural da Serra da Enciña da Lastra ,cunha das escasas concentracións de aciñeiras de todo o país; ou o Teixedal de Casaio, un dos poucos bosques de teixo existentes en Europa.

Nesta zona tamén se atopa o Macizo Central e as Ribeiras do Bibei, así como Xares e Návea. “Todos estes contornos naturais, que contarían cunha altísima protección noutros lugares do continente, parecen quedar aquí ao dispor da sorte, se nos remitimos aos datos deste distrito no que a número de lumes se refire”, denuncian.

Ao mesmo tempo, salientan que este distrito contaba con dous helicópteros anos atrás. “Máis, a día de hoxe, nin helicópteros nin base para recarga de combustíbel, o que nos parece incomprensíbel, xa que conta coa orografía máis complicada e escarpada de Galiza, con accesos reducidos a puntos chave debido ás condicións do terreo”. Por iso consideran un erro que se retiren os medios aéreos “fundamentais” para a súa protección

Finalmente, e ante o anuncio da Xunta de que se vai reforzar o dispositivo contraicendios coa contratación de novos helicópteros, reclaman o reforzo deste distrito con helicóptero e brigada para mellorar a capacidade de extinción, “xa que ademais nesta zona se dan as peores condicións de temperatura e humidade no que a condicións favorábeis para o desenvolvemento de lumes se refire”. 

Volver