Denuncian os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta durante a folga de Axentes Forestais

Está convocada para os días 25 e 26 de xullo e será indefinida a partir do 1 de agosto

Nacional -

CIG e UGT veñen de denunciar os servizos mínimos “abusivos” decretados pola Xunta de cara á folga de Axentes Forestais e Medio Ambientais convocada para so vindeiros días 25 e 26 de xullo, que será indefinida a partir do 1 de agosto se non se avanza nas negociacións. Así se lle comunicou este xoves na xuntanza celebrada con Función Pública e as Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, para “negociar” estes servizos mínimos.

CIG e UGT aseguran que a postura da Administración “é inamovible, sen ter en conta as propostas da parte social, marcando uns servizos mínimos abusivos, do 100% do cadro de persoal en Medio Rural, sen ter en conta as previsións metereolóxicas benignas, que fan prever unha xornada libre de incendios pola situación climatolóxica”.

Pola contra subliñan que os servizos mínimos que marca para Medio Ambiente, son inferiores ao 20% o que, ao seu entender, pon de manifesto a diferenza de trato entre as dúas Consellerías para co traballo dos axentes forestais e medio ambientais. “A Administración amosa unha actitude claramente discriminatoria, pretendendo que se realicen as mesmas funcións que con todo o cadro de persoal en activo, poñendo en risco a integridade e seguridade dos traballadores e traballadoras na realización das súas funcións, ao quedar un só axente por distrito”, afirman.

Esta folga está convocada pola pretensión da Administración de empeorar as condicións laborais e salariais dos Axentes, en canto a quendas de traballo, descansos e as súas compensacións.

Volver