Denuncian o trato de favor de PSA-Citroën á central amarela SIT-FSI na campaña das eleccións sindicais

Alertan do uso dun vehículo de uso interno para a recollida de material electoral do sindicato pro-empresa

Vigo - Vigo -

A representación da CIG na Mesa Electoral Central de PSA-Citroën denuncia os “privilexios” outorgados pola empresa á central sindical SIT-FSI, que está a usar un vehículo de uso interno para realizar campaña de cara aos comicios do vindeiro 21 e 22 de outubro.

A CIG de PSA-Citroën alerta de que na mañá deste luns sorprenderon un candidato do sindicato pro-empresa SIT-FSI facendo uso dun automóbil de uso interno para o traslado de material electoral.

Fronte a isto, lembran que o regulamento da empresa prohibe a utilización destes vehículos para usos persoais sen previa autorización, e que non teñen constancia que a Mesa Electoral Central así o permitira.

Por tanto, esixen ao organismo electoral que desaprobe esta actuación, ou, no caso, que se aporten as argumentacións necesarias por parte da dirección para xustificar este trato de favor.

Desde a CIG de PSA-Citroën indican que non están dispostos/as a convivir con máis discriminacións “pola nosa forma de actuar fronte aos abusos que se están a cometer”, alén de indicar que este non é un caso illado, se non a proba palpábel dos privilexios cos que conta SIT-FSI por traballar en prol da dirección.

Volver