Denuncian o traslado de persoal da oficina de Correos de Vedra e Boqueixón ao polígono de Costa Vella

Comité de empresa e xunta de persoal da Coruña considérano un despilfarro e un trastorno

Compostela -

O Comité de empresa e a Xunta de Persoal de Correos da provincia da Coruña denuncian a intención da dirección de Correos de trasladar aos oito traballadores e traballadoras das oficinas de Vedra e Boqueixón ás dependencias da Sociedade Estatal no polígono da Costa Vella. Alertan de que suporá un gasto adicional, que provocará importantes trastornos para o persoal e que en ningún caso redundará en melloras para a atención á veciñanza destas localidades.

Ao obrigar ás traballadoras e traballadores a un desprazamento forzoso a entidade terá que asumir os gastos derivados de ir desde Vedra ou Boqueixón, segundo sexa o caso, até a nova oficina. A cantidade calculada ascende a 38.000 euros anuais. “Consideramos que é un grave despilfarro de cartos para as arcas públicas, que ben poderían destinarse á contratación de máis persoal de reparto para mellorar a calidade de prestación do servizo e cumprir a Lei postal e a directiva comunitaria que obriga a Correos a repartir toda a correspondencia todos os días da semana ou cando menos cinco días laborábeis”, sinalan desde o comité a Xunta de Persoal.

Desprazamento diario

As e os carteiros veranse obrigados, de facerse efectiva esta decisión, a desprazarse no decurso da súa xornada laboral desde as súas localidades até Santiago de Compostela. Isto diminuirá o tempo que lle poidan dedicar ao reparto de correspondencia o que repercutirá na calidade do servizo.

A este respecto xa se aprobaron por unanimidade mocións tanto no concello de Vedra como no de Boqueixón solicitando o mantemento das oficinas cos mesmos horarios de atención ao público que manteñen na actualidade. Os propios concellos ofreceron a Correos alternativas ao desprazamento cara Santiago do persoal asignado ás súas oficinas mesmo unificando as dúas nunha unica localización nun local cedido por ambos os concellos.

En resposta a esta proposta, a Dirección de Relacións Institucionais e Coordinación da empresa pública Correos remitiu un escrito aos concellos sinalando que se trata dunha “mellora organizativa interna que non afectará nin ao horario das Oficinas Auxiliares de Boqueixón e Vedra , nin ao número de efectivos que atenden postalmente o seu ámbito de influencia” e que porén, “redundará nunha maior calidade na xestión e nas tarefas desenvolvidas e, por ende, na atención prestada aos cidadáns, tal e como se viu demostrando en municipios próximos onde se levaron a cabo actuacións similares”.

Isto é precisamente o que cuestiona o Comité de empresa e a Xunta de Persoal, porque entenden que si repercutirá no servizo e na atención que se preste ás veciñas e veciños destas localidades.

Volver