Denuncian o abandono da vixilancia nas zonas de extracción de percebe na ría de Ferrol

FGAMT-CIG esixe que se adopten medidas de protección dos recursos
Ferrol - 12 Mai 2017

A FGAMT-CIG vén de denunciar o deixamento na actuación das administracións públicas no que ten a ver coa vixilancia da zona de extracción do percebe na ría de Ferrol. A Federación denuncia que nos últimos tempos están actuando furtivos/as e que "moitas destas persoas dedícanse a outras actividades laborais e veñen actuando con total impunidade".

A pesar dos requirimentos realizados polo sector, explica Francisco Xabier Cartelle, a Consellería non pon medios para que se realice una vixilancia correcta e unha actuación que impida que se esquilmen os recursos dos que dependen gran número de familias da comarca ferrolá.

Son as e os propios profesionais do sector os que se ven na obriga de ter que “perseguir” está actividade ilegal, e aínda cando poñen en coñecemento das autoridades as persoas infractoras, "estas nin aparecen ou directamente non actúan, ben por falta de medios, ben por falta de xurisdición ou por simple deixamento".

Neste senso, Cartelle engade que "nos últimos meses estase a acreditar por parte dos/as profesionais do sector un preocupante e inadmisíbel deixamento e relaxación en canto a perseguir o furtivismo relativo ao percebe e, de xeito máis, notorio na zona comprendida entre punta Frouxeira e Prioriño.

Así as cousas, dende a central sindical demándase que se adopten medidas para que se garanta o cumprimento da lei e se protexan os recursos percebeiros "que son sustento dun importante número de traballadores/as da comarca".