A CIG anunciou hoxe a convocatoria dunha mobilización para reclamar a recuperación do complemento salarial eliminado o ano pasado na escola infantil do colexio Santiago Apóstol de Soutomaior, unha vez fracasaron as negociacións co centro educativo privado concertado xestionado como cooperativa de ensino.
A concentración terá lugar este xoves 11 de xuño no horario de entrada das crianzas da escola infantil e do alumnado do colexio, “co obxecto de reclamar a recuperación do complemento e informar a toda a comunidade educativa da nosa problemática”, tal e como explicaron esta mañá en rolda de prensa, a delegada de persoal da CIG na escola infantil, Andrea Pazos, e os representantes da CIG-Ensino de Pontevedra Marta Ferreiro e David Nogueira.
En setembro do ano pasado aplicouse unha suba nas táboas salariais do convenio, o que provocou unha redución do complemento do mesmo importe que a suba
Os responsábeis sindicais explicaron que a cooperativa que xestiona o Santiago Apóstol estableceu hai 20 anos un complemento de 150 euros, que entre 2008 e 2018 abonouse mediante transferencia co concepto “complemento gardería”; entre 2018 e maio de 2021 foi en metálico; e a partir de xuño do 2021 recolleuse nas nóminas como “gratificación voluntaria”.
Mais en setembro do ano pasado aplicouse unha suba nas táboas salariais do convenio, o que provocou unha redución do complemento do mesmo importe que a suba. “Hai que ter en conta que no ano 2020 tamén houbo un incremento salarial no convenio, que non afectou ao complemento”, sinalan. Neste senso, lembran que existe xurisprudencia que establece que este tipo de complementos non son absorbíbeis.
Con todo, a central sindical intentou negociar coa empresa, iniciando contacto no mes de setembro co obxectivo de lograr a recuperación do complemento. Ademais, a semana pasada, a instancias da delegada do persoal, celebrouse unha reunión á que estaban convocadas a totalidade das persoas cooperativistas. “E aí a empresa pechou calquera posibilidade de negociación pola súa parte”, lamentan. En consecuencia, a CIG optou por convocar unha mobilización para demandar a restitución do complemento salarial que lle foi eliminado de xeito unilateral ao persoal da escola infantil.