Denuncia polos incumprimentos en materia de prevención en Medio Ambiente

Nacional -

Este mércores representantes da Consellaría de Medio Ambiente compareceron na Inspección de Traballo para trasladar a documentación requirida por mor da denuncia presentada pola representación da CIG no colectivo de axentes forestais e ambientais a causa dos incumprimentos en materia de protección e seguridade no traballo rexistradas no servizo de Protección da Natureza.

Nesta primeira toma de contacto, a autoridade laboral solicitou máis documentación á administración e emprazou a ambas partes a unha nova xuntanza para continuar co proceso.

Neste senso dende o sector de Autonómica da CIG-Administración subliñan que, a pesares da Consellaría contar cun documento de avaliación de riscos laborais para o persoal de campo do Servizo de Conservación da Natureza, seguen sen aplicarse moitas das medidas previstas no Plan de Acción, supoñendo un risco para a seguridade e saúde laboral dos traballadores/as.

Entre os incumprimentos recollidos na denuncia presentada pola CIG, lémbrase que non se lles informa aos axentes dos riscos do seu posto de traballo, agás aos que se encargan de tarefas concretas como a vespa velutina. Tampouco se lles proporciona formación en materia de prevención dos riscos inherentes ás súas funcións; non se lles dota de EPI contra eventuais riscos biolóxicos ou químicos aos que podan estar expostos/as e tampouco do material que establece o Plan, como luvas, lentes ou calzado axeitado.

Denuncian tamén que dende o apagón analóxico de 2016 o persoal ten graves problemas a comunicación, xa que as emisoras -que están funcionamento dende hai unha semana- están capadas e só serven para a comunicación interna, "o que é especialmente perigoso en zonas de sombra para teléfonos móbiles".

Denuncias similares foron presentadas tamén diante das inspeccións de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Volver